A camelia, protagonista dun ciclo de actividades no Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra presenta un programa con visitas guiadas, obradoiros e xogos de escapismo para promover este símbolo das Rías Baixas

Publicidade
A camelia, protagonista dun ciclo de actividades no Castelo de Soutomaior

O presidente provincial, xunto cos deputados Nava Castro e Javier Tourís, no Castelo de Soutomaior para presentar o ciclo de actividades.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polos deputados Nava Castro e Javier Tourís, presentou no Castelo de Soutomaior un programa de 10 actividades sobre a camelia.

O ente provincial desenvolverá esta iniciativa durante febreiro e marzo. As actividades están dirixidas a todos os públicos, en concreto ó familiar, e inclúen visitas guiadas, obradoiros e xogos de escapismo.

“A camelia é un dos principais atractivos turísticos do noso territorio. É unha mostra da beleza, diversidade e riqueza natural desta provincia, da sensibilidade dos centos de produtores que fixeron dela a flor das Rías Baixas”, explicou o presidente.

Ciclo de actividades

Una das dez actividades programadas é un xogo de escapismo chamado “Street Scape” que consistirá nunha aventura ao aire libre onde haberá que superar unha serie de probas situadas nos xardíns do Castelo de Soutomaior.

Este xogo comezará o 9 de febreiro e a partir dese día as persoas interesadas en participar poderán facelo de forma autónoma, calquera día e sen reserva previa. Só será necesario escanear un código QR que estará dispoñíbel na billeteira do castelo.

O 23 de febreiro e 23 de marzo está programado un contacontos infantil, con aforo para 30 persoas e cun prezo de 8 €. Tamén será este o coste de tres obradoiros, dous infantís e un para adultos.

Os días 22 de febreiro e 22 de marzo terá lugar o obradoiro de arte con papel para os máis pequenos; o 2 de marzo, un de pintura ao aire libre para menores; o 16 de febreiro e 16 de marzo, un taller de Ecoprint, estampaxe botánica, pensado para os adultos.

O ciclo inclúe visitas guiadas para o público xeral (3€) e escolares (gratuítas) de martes a venres pola mañá en febreiro e marzo, ademais de percorridos especiais sobre “Camelia e literatura”, “Camelia e moda” e “Camelia e saúde” en distintas datas.

“Ofrecemos un programa con tipos de visitas guiadas, tres obradoiros, un contacontos e un xogo de escapismo pensado para todos os públicos, especialmente o familiar, e que supón un investimento por parte da Deputación de máis de 7.500€”, explicou Luis López.

Ademais, os días 22 e 23 de febreiro celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra a 60ª edición do Concurso e Exposición da Camelia, con 5.000€ en premios e inscrición ata o 14 de febreiro. As entradas para participar nas actividades están á venda na páxina web do Castelo de Soutomaior.

Promoción turística

A Deputación inclúe a camelia como un dos grandes atractivos turísticos das Rías Baixas dentro da súa estratexia de promoción. O plan, chamado Estratexia Rías Baixas Turismo 61, busca potenciar os 61 concellos da provincia, dar visibilidade aos seus tesouros interiores e consolidar as Rías Baixas como un destino turístico.

O presidente destacou a riqueza e diversidade da provincia: “Vivimos nun paraíso extraordinario composto por 61 concellos —todos eles extraordinarios e cuns atractivos extraordinarios— que paga a pena coñecer, protexer e promocionar”.

“O Castelo de Soutomaior é un espazo único e privilexiado, un tesouro histórico, arquitectónico e natural ao que dotamos ademais dunhas experiencias 100 % Rías Baixas, como é esta completa e interesante programación centrada na flor da nosa provincia: a camelia”, rematou Luis López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información