¿Cambiou a valoración social dos gandeiros e agricultores coa crise do coronavirus?

Distintas voces analizan a situación actual motivada polo Covid-19, que se antolla como unha oportunidade para poñer en valor a produción de alimentos e para reflexionar sobre o valor do rural

Xunto coa sanidade, a produción de alimentos amosouse nas últimas semanas como un sector básico e esencial para a supervivencia da poboación nun mundo globalizado no que, ao igual que os virus non entenden de fronteiras, moito do que comemos tamén chega da outra punta do planeta.

O pico de demanda de alimentos, previo ao pico de contaxios, tensionou a cadea alimentaria e puxo aos supermercados ao bordo do desabastecemento, como días despois o coronavirus puña ás UCI ao bordo do colapso nos hospitais.

Mentres manteñen as súas granxas funcionando, gandeiros e agricultores de distintos puntos de Galicia, o primeiro chanzo desa cadea de subministro de alimentos, e estudosos do noso mundo rural reflexionan en Campo Galego sobre o cambio de percepción social dun sector até o de agora infravalorado.

Probablemente a actual crise sanitaria traia consigo un reaxuste das prioridades humanas e un cambio no modo de vida e os hábitos de consumo da poboación. O andazo do SARS-CoV-2 cebouse nas grandes urbes como principal foco de transmisión do virus, poñendo en cuestión o actual modelo de habitar o planeta, froito dun éxodo xeralizado cara as cidades.

Pero, vai servir esta pandemia para darlle a volta á situación? Sairá reforzado o rural e o sector agrogandeiro da actual crise sanitaria do coronavirus? Poucos se atreven a aventuralo, pois unha vez todo isto pase corremos o risco de volver ás andadas.

“Igual que faltan mascarillas, os alimentos tamén poden faltar” (Xosé Luis Carrera, Granxa Arqueixal, Palas de Rei)

arqueixal estandarXosé Luis Carrera puxo en marcha fai 30 anos Arqueixal en Santiago de Albá (Palas de Rei), un modelo integral de aproveitamento dos recursos que o medio rural e a natureza poñen á nosa disposición. Conta con gandaría ecolóxica extensiva, queixaría, aloxamentos rurais e unha serie de iniciativas complementarias ao longo de todo o ano para recuperar e poñer en valor o tradicional xeito de vida galego, vinculado ao campo e ás aldeas.

“Os que tiñamos outro modelo eramos algo anecdótico, case exótico. É certo que todo o mundo se queixaba do estrés, das présas e da vida que levaba, pero a xente non era capaz de parar, de deixar de facer iso e facer outra cousa. Ti queres parar pero o propio sistema que te envolve non che deixa parar. Pero o actual confinamento obrigou a parar á xente e se o sistema para dache esa oportunidade, unha gran oportunidade necesaria para todo o mundo, mesmo para que a xente que estaba moi metida nese modelo poida cuestionarse tamén o modelo. O confinamento non debía ser gratuito, debería ser un despertar de conciencias porque dá a oportunidade para reflexionar nos valores importantes nos que temos que centrarnos a partir de agora”, razoa.

O confinamento non debía ser gratuito, dá a oportunidade para reflexionar nos valores importantes nos que temos que centrarnos a partir de agora como elementos prioritarios para a supervivencia do ser humano: ter alimentos de calidade e un medio ambiente natural no que poidamos respirar con tranquilidade

Xosé Luis lamenta as graves consecuencias que está a ter a pandemia, tanto en vidas humanas como en perdas económicas e de emprego, porque “en calquera cambio social os máis vulnerables sempre son os que peor o pasan, forma parte da historia, xa na crise económica do 2008 xa foron os que peor o pasaron”, di. Pero queda co aspecto positivo que poida ter: “é un golpe letal que fai reflexionar, unha gran oportunidade necesaria para a reflexión colectiva para o cambio de modelo, no que se fixen como elementos prioritarios para a supervivencia do ser humano ter alimentos de calidade e un medio ambiente natural no que poidamos respirar con tranquilidade”, afirma.

Unha oportunidade global para a reflexión sobre prioridades

O responsable de Arqueixal considera o actual andazo “en certa medida unha resposta natural á superpoboación e a un modelo global do sistema que estaba imperando e que era un camiño a ningunha parte”. “É un golpe na mesa da propia natureza para dar resposta a un camiño desbocado. Os humanos somos cómplices, pero estamos tendo a oportunidade de buscar a formula para saír disto, que a xente reflexione e poida darse conta do que estaba pasando, se non o sabemos aproveitar é o noso problema, porque isto é un aviso do que vai seguir acontecendo se non mudamos o rumbo, un avance para máis escenarios de colapso futuros”, razoa.

Antes desta crise os chinos xa se deran conta de que poder alimentar á súa poboación é básico, por iso levan anos comprando terras en África e noutras zonas do planeta

“Os chinos xa se deran conta antes, por iso estaban comprando desde fai anos terras en África e noutras zonas do planeta porque viron que poder alimentar á súa poboación é básico. Porque a medida que a xente se urbaniza no seu subconsciente dá por feito que o alimento chega alí porque si e ten que seguir chegando porque sempre chegou, pero igual que se está vendo que faltan máscaras protectoras, tamén pode faltar o alimento. A xente estes días deuse conta diso e por iso asaltou os supermercados”, argumenta.

“Os sectores básicos esenciais penso que sairemos algo mellor parados, pero haberá diferenzas, porque a xente aplaudía aos sanitarios pero en moita menor medida aos produtores de alimentos, desde os balcóns e desde as televisións destacábase o valor da sanidade pero non se mencionaba apenas os alimentos”, engade.

Circuitos curtos

Defensor dos circuitos curtos de consumo como mellor xeito de garantir a seguridade alimentaria para a poboación, Xosé Luis leva décadas practicando co exemplo coa comercialización do leite, os iogures e o queixo que produce. Malia ao coronavirus segue facendo o mesmo, aínda que tivo que reducir a produción como consecuencia do peche da hostalaría e do turismo. Todos os anos por estas datas recibía nos aloxamentos rurais que oferta en Santiago de Albá a moitos visitantes de entornos urbanos que aprendían como se fai o queixo da DOP Arzúa-Ulloa e que os levaban despois como souvenir.

“Esta crise rompe moldes establecidos, o que pense que cando pase isto vai volver subirse ao mesmo tren está enganado. É un golpe durísimo á sociedade de consumo e á economía baseada no consumo, que é o maior atentado á natureza”, asegura.

“Coller un avión para pasar cinco días na outra punta do planeta case co único obxectivo de irme facer unha foto a Indonesia é un sensentido que ten un custo medioambiental moi alto. O viaxar de maneira superflua, como se viaxaba até agora o 80% das veces, con esa mobilidade sen sentido, terá que cambiar. Son optimista en que se dea ese cambio de tendencia. Á xente danlle esa oportunidade encerrándoa na súa casa e en masa, é unha gran oportunidade que até agora non se daba a nivel global. O confinamento ten que ser unha ferramenta para chegar a unha reflexión profunda a nivel individual e social. Porque cando nos cansemos de compartir cousas polo whatsaap e polo facebook estaremos obrigados a reflexionar. Penso que esta é unha das cousas que marca un antes e un despois na persoa, un cambio de fondo. E tamén é unha lección e unha demostración práctica de que podemos baixar a contaminación e reducir a capa de ozono”, afirma.

As cidades colapsadas e o rural baleiro

“As cidades están colapsadas e o rural está baleiro, aí hai un desequilibrio que hai que compensar. Eu sempre dixen que un dos problemas graves da humanidade é estar agolpados nas cidades, porque perdemos a perspectiva de ser unha parte máis da natureza e esta é unha oportunidade para reconectar tamén coa natureza. Ten que haber unha desbandada cara ao rural. Penso que pode haber xente da cidade que poida querer ter un refuxio no rural, pola súa propia seguridade, porque a partir de agora nas cidades vai haber, ademais dunha incerteza laboral, unha incerteza de saúde. Non sei se realmente vai cambiar a percepción pero é unha oportunidade para que aconteza. Desde logo, danse as condicións para que puidera acontecer, mellor que en ningún outro momento”, engade.

As cidades están colapsadas e o rural está baleiro, aí hai un desequilibrio que hai que compensar. O rural é unha zona de confort neste momento e pode haber xente da cidade que queira ter un refuxio no rural

“Nas cidades a xente xa estaba encerrada antes, aínda sen levar mascarilla, que era tan necesaria nelas antes pola contaminación coma agora polo virus. É a contradición destes días, agora a xente leva mascarilla nas cidades cando o aire está máis limpo ca nunca. O rural é unha zona de confort neste momento. Non ser vítima directa do problema, como acontece nas cidades, faiche tamén ter distancia e perspectiva maior. É unha oportunidade tamén para poñer en valor a sociedade como tal e mesmo a especie humana fronte a un xeito de vida baseado en alimentar egos persoais e no que o importante era o individuo fronte á colectividade”, conclúe.

“A xente primeiro acordouse dos sanitarios, despois dos transportistas. Xa veremos se esa cadea de agradecementos chega tamén a nós” (Xusto Sánchez, gandeiría A Devesa Langueirón, Ponteceso)

devesa_langueiron_o2_standarNa gandeiría A Devesa Langueirón SL, de Ponteceso, onde moxen cada día máis de 400 vacas, seguen traballando con normalidade, coas precaucións debidas e con algún que outro pequeno problema puntual de subministros ou de saída do produto. “Gastamos bagazo de cervexa de Estrella Galicia, e iso foi un pouco máis intermitente, o resto normal, agás para mandar as vacas gordas, que niso si que hai problema porque seica non hai demanda”, explica Xusto Sánchez, que xunto aos seus irmáns Antonio e Miguel comezou na gandeiría no ano 1979.

“Os que van cambiar van ser os hábitos de consumo, non sabemos moi ben aínda cara onde, porque moitas veces a xente compra certos alimentos por moda, pero desde logo que cambiarán. Hai que agardar a que se normalice a situación para adiviñar ben cara onde van ir. De momento estamos aínda na cresta da ola e non me atrevo a facer moitas predicións porque isto nunca sabes como acaba evolucionando, saberémolo cando pasen unhas semanas ou uns meses e se calmen as augas, porque ante unha crise tan gorda coma esta a xente onde gasta é no máis barato. Así que as cousas que teñen un pouco máis valor pola súa calidade igual non son as que van saír máis reforzadas”, opina.

Ante unha crise tan gorda coma esta a xente onde gasta é no máis barato, así que os produtos que teñen un pouco máis valor, precisamente pola súa calidade, igual non son os que van saír máis reforzados

Xusto pensa que a reacción final que a poboación poida ter tralo confinamento é moi imprevisible, porque “moitas veces a xente compra certos alimentos por moda pero non os valora en toda a sua medida”. “Hai que agardar uns meses para saber como a xente vai valorar todo iso e ver se os consumidores comezan a valorar máis a calidade do produto, os alimentos de proximidade e o rural na súa esencia”, di.

“Os produtores tamén acabaremos sufrindo os efectos económicos da crise”

Considera ademais que “a crise vai chegar a todos os lados e a agricultura non vai saír beneficiada desde o punto de vista económico porque a crise e os seus efectos van acabar chegando a todos e xa estamos vendo que hai exceso de leite en Europa que pode acabar tirando os prezos tamén aquí” pero agarda que polo menos a agricultura e a gandeiría comecen a ser máis valoradas.

A agricultura non vai saír beneficiada desde o punto de vista económico porque a crise vai chegar a todos os lados e os seus efectos acabarán chegando tamén a nós, pero si máis valorada

Pero sobre se esa maior valoración aos produtores de alimentos por parte da sociedade vai ser duradeira, Xusto ten as súas dúbidas: “Son moitas cousas e a xente xeralmente logo se esquece. A xente fala moito dos sanitarios e dos supermercados, a xente acórdase da distribución que lles fai chegar a produción alí onde viven, pero non dos produtores. Moita xente parece que dá por feito que os produtos nacen nos supermercados pero somos moitos máis os que participamos no sector alimentario e primario. A xente primeiro acordouse dos sanitarios, despois dos transportistas, xa veremos se esa cadea de agradecementos chega tamén a nós”, di.

“O que ensinamos na escola tamén se reflicte no que a xente pensa”

“Esta crise tamén serve para reflexionar o que estivemos facendo ata o de agora e o que lle ensimamos aos nosos fillos, porque a educación tamén se ve reflexada en como a xente pensa. A percepción social da agricultura e da gandeiría tamén ten que ver con como educas á xente e cambiar logo iso, a maneira de pensar da xente, é difícil”, razoa Xusto.

Imos aprender a vivir mellor con menos, que é un pouco a esencia do rural

“É moi aventurado facer unha predición cando aínda estamos recluidos, a xente cando saia á rúa non sabemos como vai comportarse e reaccionar, pero algunhas luces que agora aluman moito quizais deixen de funcionar no ámbito social porque non aportan nada. Pola contra, cousas como o turismo rural poida que teñan un boom, ou polo menos non sufran o que vai sufrir o outro tipo de turismo, o dos grandes hoteis e o das grandes aglomeracións, polo menos a curto prazo, porque vai haber medo e temor. Imos aprender a vivir mellor con menos, que é un pouco a esencia do rural”, conclúe.

“Estes días hai moitos recoñecementos e moitos aplausos pero eu prefería que todos eses aplausos se repartiran nos vindeiros 10 anos” (Hortícolas Javier Miranda, Riotorto)

Javier Miranda apañou este ano máis de 500 toneladas de pataca, unha cifra que conta dobrar en 2020

Como vai Javier? “De saúde ben, que é o que hai que pedir estes días”, responde Javier Miranda. Este produtor de horta de Riotorto é un exemplo de profesionalización no sector. A súa empresa, Hortícolas Javier Miranda, ten só 8 anos pero labrará nesta campaña 72 hectáreas de terra con máis dunha ducia de produtos diferentes, que distribue por Galicia e Asturias e vende pola internet a toda España.

“O coronavirus afectounos porque ao fallarnos a hostalaría, que representa o 60% das nosas vendas, tivemos que buscar outros clientes para dar saída á mercadoría”, explica. Así que tentaron suplir ese mercado derivando parte desa produción ás cadeas de supermercados e directamente aos fogares a través da venda online.

A venda a través da nosa páxina web disparouse un 120%. Houbo días tolos, está Seur encantado

A venda a través da súa páxina web disparouse un 120% estes días. “Houbo días tolos, ese xoves e ese venres antes do confinamento saíron 120 paquetes cada día, agora aminorou algo, están saíndo a metade, sobre todo os primeiros días da semana. Están saíndo paquetes para toda España, está Seur encantado”, bromea Javier.

O feito de ter diversificado a comercialización e manter estes anos as distintas canles de venda (reparto cunha flota de tres furgonetas propias a hostalaría e froitarías, distribución a través de cadeas de supermercados e venda online) fíxolles ir salvando a situación. Iso e que a crise sanitaria non chegou en plena primavera, a época de máis produción, senón os estragos terían sido moito maiores. “Colleunos nunha época máis frouxa de mercadoría, non é como se viñera en plena primavera”, recoñece. Por iso os problemas poderían ser maiores se o estado de alarma e o peche de bares e restaurantes se alonga máis aló de maio. Pero Javier non se queixa: “en comparación con outros sectores somos uns privilexiados, outra xente, como os bares ou restaurantes, non facturaron un peso”, compara.

Falta de man de obra

Outro importante problema que Javier tivo que solventar sobre a marcha foi a falta de man de obra. As limitacións ao movemento de persoas colleunos plantando as cebolas. “Outros anos encargábanse diso cuadrillas de traballadores temporeiros de Andalucía, viñan en dúas furgonetas 14 ou 15 persoas e quedaban nun hostal, estaban dúas semanas plantando e logo marchaban, pero este ano non viñeron porque non tiñan onde quedarse porque os hoteis están pechados e porque só podían vir dous ou tres en cada furgoneta, así que tiñan que vir en máis coches e non lles compensaba. Iso obrigounos a ter que plantar a cebola nós mesmos, sen axuda, e son 6 hectáreas as que botamos. Estámolo facendo nós botando moitas horas todos os días e traballando as fins de semana para non perder a planta, onde temos invertido 60.000 euros, nin aos clientes”, conta Javier.

Os clientes están todos os días preguntándonos se estamos plantando porque hai medo ao desabastecemento e eu penso que se isto segue así vai faltar produto, porque antes se non había aquí cebolas traíanse de Perú, pero agora iso non vai ser posible

El estivo a semana pasada no hospital, pero non por coronavirus. A súa muller, Tania, deu a luz ao seu segundo fillo, así que Javier está a disfrutar do permiso de paternidade plantando cebolas 12 horas ao día. “Eu penso que se isto segue así vai faltar produto, os clientes están todos os días preguntándonos se estamos plantando porque hai medo ao desabastecemento, antes se non había aquí cebolas traíanse de Perú, pero agora iso non vai ser posible”, afirma.

Igual que acontecía coas cebolas que viñan de Perú e doutros países sudamericanos, os produtores de horta galegos coma Javier estaban acostumados a sufrir a competencia (moitas veces desleal por pagárense salarios máis baixos e ter menos controis e esixencias en canto a tratamentos fitosanitarios) das xudías, os pementos ou os calabacíns de Marrocos ou as fabas de Bolivia e Colombia. “Seguramente a partir de agora se valore máis a produción local e non virá tanto produto de fóra, nesta colleita polo menos”, opina.

Para a xente do rural ter a horta baleira é como ter a despensa baleira

É certo que no rural galego sempre houbo ese apego polas cousas producidas a carón da casa, pero nas cidades, e tamén para as cadeas de supermercados a distanciación semellaba moito maior e a falta de concienciación tamén. “Para a xente do rural ter a horta baleira é como ter a despensa baleira, estes días chamounos moita xente para que lle levaramos planta que antes mercaban na feira e nos mercados para poñer na súa horta e que estes días non poden mercar porque non poden saír da casa e porque non hai mercados”, conta Javier.

Manteñen a planificación que tiñan deseñada

Malia aos contratempos, esta empresa de Riotorto mantén a programación e a planificación de plantacións que tiñan deseñado para este ano. “Tiñamos todo programado para 72 hectáreas, as terras, a planta, o esterco, o abono, e seguimos adiante coa mesma planificación de plantación que tiñamos feita. Pode saírnos ben ou mal, pero para atrás non lle imos dar. Esa incertidume haina, pero comer sempre se comeu”, razoa. Entre outras producións teñen pensado dobrar a produción de pataca, que o ano pasado pasou das 500 toneladas.

A coliflor chegou a valer a semana pasada a 3 euros a peza e o calabacín igual. Hai demanda porque a xente está cociñando máis, unha porque se aburre, outra porque ten aos fillos na casa e non lles van dar pizza todos os días e tamén porque ao ver a enfermidade na porta conciénciase de que ten que comer máis san

Javier é unha persoa valente e decidida que xa tivo que facer fronte na súa curta historia empresarial a outras situacións complexas, como a praga da polilla da pataca, que o colleu de cheo, ou ao feito de que algún ano a distribuidora que lle mandara plantar repolos o deixara logo tirado sen levarllos. “Nós xa nacemos como empresa en tempos de crise, empezamos no 2012 e sabemos o que é non ter saída e ter que tirar mercadoría, así que nós estamos acostumados a arriscar. Sempre tes a presión de se estarás facendo o correcto, pero a xente comer ten que seguir comendo e imos seguir tirando do carro”, asegura.

A dúbida está en como vai reaccionar o mercado e se vai haber saída para o produto que planten como nun ano normal antes da crise sanitaria. “Agora mesmo aínda que non está a hostalaría, está habendo demanda e a peza de coliflor chegou a valer a semana pasada a 3 euros e o calabacín igual. A xente está cociñando máis estes días, unha porque se abure, outra porque ao ver na súa porta esta enfermidade cociéncianse de que hai que comer san e tamén porque ao non haber colexio teñen os fillos na casa e non van darlles todos os días pizza. Pero a xente agora que está na casa ten tempo para facer a compra online e cociñar, pero cando volva máis ou menos á normalidade todo isto o que menos temos todos é tempo, porque andamos todos como pito sen cabeza de arriba para abaixo, e priorizamos o traballo sobre o resto das cousas, entre elas cociñar e comer san”, argumenta este mozo.

Canto van durar os recoñecementos públicos?

“Agora mesmo a xente está moi concienciada, pero a xente logo se esquece. Estes días hai moitos recoñecementos e moitos aplausos pero eu prefería que todos eses aplausos se repartiran nos vindeiros 10 anos. É coma cando comezas cunha rapaza, cando empezas é todo paixón pero a medida que vai pasando o tempo moitas veces vaise perdendo esa euforia. Agora está todo o mundo chalado cos médicos e cos agricultores, pero esa chaladura igual pasa en pouco tempo. Vivimos nun mundo no que nos esquecemos moi rápido de todo”, sentenza.

Agora está todo o mundo chalado cos médicos e cos agricultores, pero esa chaladura igual logo pasa. É coma cando comezas cunha rapaza, cando empezas é todo paixón pero a medida que vai pasando o tempo moitas veces vaise perdendo esa euforia

Por iso, Javier tamén é dos que opina que hai que agardar para ver como acaba comportándose o consumidor logo de todo isto pero intúe unha tendencia: “os produtos de máis valor, como as fabas de Lourenzá, son produtos que sofren máis en épocas de crise, mentes que os produtos baratos teñen máis saída cando a xente perde poder adquisitivo”, pensa.

A xente das cidades até agora pensaba que os agricultores e os gandeiros eramos uns animais que o único que faciamos era acabar co medio ambiente. Eu espero que o que pasou acabe con moita tontería que tiña antes moita xente

Con todo e malia todos os abatares que nesta empresa hortícola pasaron nestas semanas e as incertidumes sobre o futuro, Javier tira algo positivo do acontecido. “A xente das cidades até agora pensaba que os agricultores e os gandeiros eramos uns animais que o único que faciamos era acabar co medio ambiente. Agora non nos ven así, pero xa veremos canto dura iso. Eu espero que o que pasou acabe con moita tontería que tiña antes moita xente. Supoño que teremos cousas nas que mellorar, seguir formándonos e mellorando técnicas de cultivo para ser máis respectuosos co medio ambiente, pero a poboación urbana tense que dar conta, e así se demostrou, que a agricultura, ademais de necesaria, é beneficiosa para o conxunto da poboación, para a humanidade. Ás veces a natureza parece que nos pón a cada un no seu sitio e non quero dicir con isto que haxa nada bo na crise sanitaria actual, pero o que está a pasar tamén é unha ferramenta para nós, os agricultores e gandeiros, para defendernos no futuro. Porque até agora faciamos coma as ovellas e agachabamos a cabeza cando nos atacaban sen ter con que respostar, pero agora temos argumentos que todo o mundo entende”, razoa este produtor.

“Esta crise cadra nun ano de reforma da PAC e os cartos da UE vanse ir a outras cousas” (Jordi Ánguez, Cachenas de San Breixo, Triacastela)

Jorge con CarmenJordi Ánguez é desas persoas nacidas na cidade que valora o rural. Naceu en Barcelona pero trasladouse a Triacastela coa súa familia para cumprir o seu soño e a súa paixón: ser gandeiro. Apostou polas razas autóctonas e Cachenas de San Breixo foi das primeiras gandeirías en comercializar a súa carne por internet, facéndoa chegar directamente ao consumidor final sen intermediarios.

Está a vivir o confinamento polo Covid-19 nesta pequena aldea na que a súa casa é a única habitada todo o ano. “O rural revalorizouse, nesta situación é o paraíso. Nós baixamos unha vez á semana a Sarria a comprar cousas que en Triacastela non hai, como pescado, pero extremando o coidado para non contaxiarse”. A súa muller, Mireya, ten problemas de inmunodepresión por unha enfermidade previa, un cancro, e é persoa de risco diante do coronavirus.

O rural revalorizouse, nesta situación é o paraíso

Pero na mente de Jordi, coma na de todos os gandeiros, hai outra preocupación. “Se nós caemos, quen coida do noso gando e o alimenta. As nosas explotacións non son fábricas que poidan apagar as máquinas”, di. O seu traballo estes días mantense practicamente inalterado malia a pandemia. O modelo de gandeiría que escolleu, con animais de raza autóctona en extensivo, depende pouco de factores externos.

Menor dependencia de terceiros

“O modelo intensivo pode ser máis rendible, pero tamén ten máis riscos. Nós pechamos máis o círculo e dependemos máis de nós mesmos e do clima para ter pastos, pero non temos as facturas semanais de alimentación que teñen outro tipo de explotacións. Quizais unha das ensinanzas desta crise poida ser optar por sistemas coma o noso, poñer os pés no chan e plantexarse facer as cousas doutro xeito”, opina.

Nós pechamos máis o círculo e dependemos máis de nós mesmos e do clima para ter pastos, pero non temos as facturas semanais de alimentación que teñen outro tipo de explotacións. Esa pode ser unha das ensinanzas desta crise

A estratexia que seguen en Cachenas de San Breixo é apostar por un produto de calidade destinado a un público que está disposto a pagar por ela. “A nosa liña é matar unha vez ao mes. O mes pasado fixémolo con normalidade e o próximo sacrificio está programado para finais deste mes. O matadoiro de Sarria xa non mata todos os días, agora xa o limitaron só a 3 días e outros matadoiros como Frilea en Castro tamén fan o mesmo”, explica Jordi.

Aínda que unha das consecuencias desta crise é que están aumentando considerablemente as vendas por internet, esta gandeiría de Triacastela, que vende a través da súa páxina web, non se puido beneficiar dese repunte. “Nós xa tiñamos lista de espera, estamos servindo só aos clientes habituais, sen coller novos clientes, porque non temos capacidade para producir máis e porque dependemos da loxística, que de momento está a funcionar ben pero non sabemos se tamén se pode ver afectada”, di.

“Vai haber animais que non van poder saír das explotacións nestas semanas”

Agora mesmo, conta Jordi “os envíos están funcionando incluso mellor ca antes porque as cidades están baleiras de coches e as furgonetas de reparto van mellor e máis rápido porque non hai tráfico”. “A base fundamental para nós é a loxística, mentres iso non pare non temos maiores problemas, iso é o que a nós nos garante o acceso aos mercados, no noso caso ao consumidor final”, explica.

Os prezos dos alimentos non imos poder subilos porque non vai haber poder adquisitivo na poboación

Hai outros produtores de carne, tanto de vacún como doutras especies, que non teñen o mesmo control do punto de venda. “Vai haber animais que non van saír das explotacións nestas semanas, sobre todo aqueles produtores centrados na hostalaría e a restauración e que dependen da canle Horeca para comercializar. Discarlux xa está ofrecendo lotes a particulares para poder ir sancando mercadoría das cámaras dalgunha maneira”, conta.

Jordi prevé “un problema económico gordo, máis alá do sanitario” e conta cunha redución drástica das axudas da PAC, algo do que si dependen gandeirías como a súa, ubicadas en zonas de montaña e que apostaron polas razas autóctonas. “Esta crise cadrou nun ano de reforma da Política Agraria Común e os cartos da Unión Europea vanse ir a todos os lados menos a nós porque vai haber moitas outras cousas que pagar”, pensa. “E os prezos dos alimentos non imos poder subilos porque non vai haber poder adquisitivo na poboación”, engade.

“Temos que esforzarnos en comunicar o rural en positivo e contrarrestar as noticias falsas que se lanzan contra o sector”

Luis García e o director do Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa de Coristanco e é partidario de aproveitar a actual situación xerada polo coronavirus para poñer en valor o medio rural e o sector agrogandeiro. “Eu penso que podemos sacar varias leccións de todo isto, a primeira é que temos que poñer en valor a importancia do sector primario, un sector moitas veces denostado e infravalorado, acusado un pouco gratuitamente de cuestións como contaminación, cambio climático, maltrato animal e demais. Hai que dar mensaxes certas para contrarrestar e neutralizar campañas orquestadas interesadamente por certos lobbies e trasladar unha imaxe positiva do rural e da profesión de agricultor e gandeiro, explicar que se fan as cousas ben, que se avanzou en trazabilidade, que se producen alimentos de calidade e que arredor das granxas hai ecosistema e coidado da natureza, e o propio sector ten que facer un esforzo de comunicación de todo isto á sociedade porque senón a poboación por si soa non o vai percibir”, considera Luis.

Hai que aproveitar para transmitir ideas positivas da profesión, non pintalo sempre todo tan negro

O director da EFA-Fonteboa insiste en tratar de evidenciar a función que ten a agricultura no medio rural máis alá da meramente produtiva. “Detrás da produción hai vida”, di. “É necesario que toda a poboación faga unha reflexión sobre o modo de ocupación do territorio, sobre o abandono do rural e sobre os modos de vida actuais, destacando que se pode vivir tamén nos pobos e a interrelación e interdependencia da actividade agrogandeira co territorio”, propón.

Eu penso que non imos volver ás andadas cando todo isto pase porque nada vai volver a ser o mesmo e imos ter a partir de agora unha economía de postguerra

Finalmente, Luis considera que a situación actual é unha oportunidade para poñer en valor a economía de proximidade e o valor do local concienciando ao consumidor para que mire a procedencia e a orixe dos produtos que consume. “Eu penso que non imos volver ás andadas cando todo isto pase porque nada vai volver a ser o mesmo e imos ter a partir de agora unha economía de postguerra”, conclúe.

“Haberá unha desbandada das grandes cidades cara ao rural baleirado” (Alberto Saco, sociólogo da Universidade de Vigo) 

Alberto, sociólogo e demógrafo, cunha pirámide poboacional galega

Alberto, sociólogo experto en demografía e migracións, coa pirámide poboacional galega (Foto: UVIGO)

Alberto Saco, é sociólogo da Universidade de Vigo no campus de Ourense e leva décadas estudando a despoboación do rural galego e o movemento incesante de poboación cara as vilas e cidades pero pensa que a crise sanitaria actual provocará un movemento en sentido contrario. “Evidentemente estanse vendo as feblezas do modo de vida que seguía a maior parte da poboación e estou seguro de que vai haber un movemento de poboación cara ao rural baleirado”, opina.

“O rural ten unha posición de vantaxe que ten que aproveitar, con esta crise moita xente está cambiando a súa percepción e o concepto de vida digna e penso que haberá un goteo constante de xente do urbano cara ao rural. Agora ese movemento non será por ideoloxía nin por voluntarismo, senón por necesidade, porque situacións como a actual poden volver pasar en máis momentos”, xustifica.

Historicamente os cambios sociais sempre se deron por acontecementos traumáticos. É como unha curva na estrada, ata que se matan catro mozos e un deles é o fillo do alcalde non se rectifica a curva

“As desgrazas están para aprender delas. O modo de vida que se levaba non era viable nin sustentable, pero se non fose por isto quizais nunca fosemos quen de darnos conta e correxir o rumbo. Historicamente os cambios sociais sempre se deron por acontecementos traumáticos. O cambio social é coma unha curva na estrada, ata que se matan catro mozos e un deles é o fillo do alcalde non se rectifica a curva”, compara.

Na Idade Media a xente tamén fuxiu das cidades por mor da peste e repoboáronse zonas como a Ribeira Sacra

E pon exemplos doutros momentos históricos nos que se rompeu a tendencia imperante. “Na Idade Media a xente tamén fuxiu das cidades por mor da peste e repoboáronse zonas como a Ribeira Sacra”, lembra. Máis recentemente, di, “habitantes das cidades en EEUU noutras crises económicas reflexionaron que era mellor gañar a metade e vivir mellor e marcharon das grandes urbes”.

“Neste penoso e cada vez máis longo encerro, moitos miran con envexa aos que estamos nas aldeas, porque ademais de en Sanxenxo, a xente das cidades buscou refuxio no rural e nas aldeas”, afirma. “É un xiro de 180º, non vai ser algún caso illado de urbanitas os que virán, penso que non vai ser unha moda nin un cambio coxuntural, senón algo estrutural, penso que vai haber un movimento que se vai producir de maneira masiva cara ao rural e cara as zonas menos poboadas”, considera. Iso si, a renglón seguido tamén aclara que é un optimista nato.

Confinado entre veciños

Alberto está illado na súa casa de Santa Cruz de Rubiacós, unha aldea pertencente ao concello de Nogueira de Ramuín que só ten sete veciños e á que se mudou a vivir o ano pasado. Antes pasara sete anos como único habitante da aldea de Espartedo.

No rural asúmense as desgrazas con outra filosofía, porque a xente está acostumada a que ás veces as cousas saen mal, que estás coidando a horta con esmero e vén unha xeada e quéimacha

Despois dunha semana dura tras contaxiarse de coronavirus e confinado sen saír da súa casa reflexiona: “Teño parentes en México DF, Madrid e Nova York. Non me gustaría estar pechado nunha cidade desas”. “Nas cidades perdeuse o de axudar ao veciño. A xente saíndo aos balcóns está coñecendo aos veciños, persoas que vivían pegadas e que non sabían nin que existían. A vida na cidade é moi egoísta e moi individualista, todos contra todos, e non hai sociedade posible así. No rural sempre hai roces entre veciños, pero á hora da verdade, cando fai falla, a xente vólcase, e iso hai que valoralo. Ter unha comunidade que che dá soporte e axuda é importante, a xente agora con isto valórao”, di agradecido dos seus veciños, que lle traen todo o que precisa.

Quizais porque, como el mesmo di, “no rural asúmense as desgrazas con outra filosofía, porque a xente está acostumada a que ás veces as cousas saen mal, a que estás coidando a horta con mimo todos os días e de repente ven unha xiada e quéimacha toda”, Alberto, que se desprazaba a diario a dar clases ao campus de Ourense, toma con humor e filosofía o seu contaxio. Pola contra, afirma, “moita xente nas cidades non estaba acostumada ás desgrazas, porque pensaban que a vida era segura e consistía en ir traballar á oficina todos os días e cobrar a fin de mes”.

Seguridade alimentaria

Este sociólogo defensor do rural considera que estamos diante dun cambio de sistema. “A xente que non pense que cando isto pase volveremos de novo á normalidade, volveremos, en todo caso, a outra normalidade, pero a vida á que estabamos acostumados non ten retorno”, afirma.

A meirande parte dos alimentos que consumimos viaxan centos ou milleiros de quilómetros e semellan feitos de plástico. Visto o visto non soa nin eficiente nin moi seguro

“Imos ter que vivir todos cunha austeridade notable e nese novo escenario cobra unha maior importancia a seguridade alimentaria”, di. “En Portugal xa sacaron a raíz de todo isto unha lei para favorecer a produción local e de proximidade. A meirande parte dos alimentos que consumimos viaxan centos ou milleiros de quilómetros e semellan feitos de plástico. Visto o visto non soa nin eficiente nin moi seguro”, afirma.

Autor de ensaios como A parroquia global ou A avenida das utopías, Alberto critica que “esa présa por vivir, esa insatisfacción permanente levounos a separarnos da terra” e fai unha proposta de cara ao futuro inmediato: “As cidades precisan de produto local fresco e de tempada. Máis que nunca. Os habitantes do rural, rendas para poder seguir adiante. É necesaria a posta en acto da función social da propiedade consagrada na nosa Constitución para poder poñer a producir as terras que non o fan”.

“Unha das cousas que estamos comprobando é o valor que ten que nós produzamos o que consumimos” (Lourenzo Fernández Prieto, historiador da USC)

Lourenzo Fernández Prieto forma parte do grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela e destaca que “unha das cousas que estamos comprobando estes días é o valor que ten que nós produzamos o que consumimos. Vese a respecto da produción manofactureira, por exemplo coa dependencia de China nas máscaras e nos produtos sanitarios, pero tamén o estamos empezando a apreciar tamén xa dunha maneira clara no noso consumo alimentario. Nos últimos 30 anos afixémonos a que non había unha relación entre o que producimos e o que consumimos e, de feito, hai moitas cousas que xa non producimos, moitos alimentos que importamos”, advirte.

“Nas vindeiras semanas penso que vai haber problemas de abastecemento de certos produtos porque non se vai apañar a froita alí onde se produce e o mesmo vai acontecer con outras producións. E iso debería levarnos a unha reflexión e é por que todas as fresas teñen que vir de Andalucía e todas as mazás de Lleida”, pregunta Lourenzo.

A hiperespecialización e a economía de escala como tótem da produción

Este estudoso da historia agraria cre que esta é “unha ocasión de ouro para facer evidente os ciclos curtos e os mercados de proximidade” e o erro da “hiperespecialización produtiva e a economía de escala como tótem”. “En Galicia conservamos a diversificación agrogandeira durante moito tempo e penso que é o momento de recuperala”, engade.

Por que todas as fresas teñen que vir de Andalucía e todas as mazás de Lleida?

“Este é o momento de facelo, non chega con dicilo, porque en calquera crise a solución historicamente deriva de como se posicione a sociedade”, di. Recuperando a diversidade produtiva do rural galego lograriamos, a xuízo de Lourenzo, solucionar tamén en boa medida o problemas sanitario actual da rapidez de contaxios de virus como o Covid-19.

“A biodiversidade e as barreiras naturais vinculadas á natureza frean os virus. Refírome á natureza manexada e iso chámase multifuncionalidade agraria e cabanas gandeiras complexas de razas diferentes. A forma orgánica de producir que historicamente tivemos permite ter as poboacións separadas porque esas formas orgánicas de produción agraria, que eran as que había en toda Europa e tamén aquí en Galicia, obrigan a estar espallados no territorio”, explica.

A diversificación e a multifuncionalidade agraria crean barreiras naturais que frean a propagación dos virus

“Non é volver ao pasado, é recuperar o que temos e o que sempre tivemos, a horta, as froiteiras, en vez dos monocultivos. No pasado temos moitas receitas para gañar o futuro”, engade.

“No pasado temos moitas receitas para gañar o futuro”

“Acabamos de parar o mundo. Os que diciamos que había que parar o crecemento para garantir a sustentabilidade vemos con esperanza a situación actual. Trátase de facer as cousas doutra maneira, porque mercado sempre tivemos, a xente sempre foi vender á feira, pero era un mercado diferente ao actual mercado financieiro capitalista”, di.

Pero Lourenzo advirte tamén de riscos nese novo plantexamento derivado da crise do coronavirus. “Estannos poñendo diante unha disxuntiva que non é real, non hai que escoller entre economía e saúde ou entre liberdade e saúde. Eses son os dilemas que non hai que aceptar porque son compatibles todos eses conceptos pero facendo as cousas doutro xeito que até agora”, remata.

Una idea sobre “¿Cambiou a valoración social dos gandeiros e agricultores coa crise do coronavirus?

  1. tomás

    hola, pois non sei, persoalmente non cambiei de opinión, co proceso de industrialización a xente foi e sigue indo as cidades, quedando os campos para plantacións forestais (principalmente eucalitpo e piñeiro) outra xente nalgunhas zonas onde o eucalipto non se da tan ben e o piñeiro tampouco anda fino pois antes de marchar seguiron cos castiñeiros, nogueiras, etc por exemplo no Saviñao.
    Por outra banda o sector gandeiro tamén levou acabo unha reconversión, e nada como alguén sempre queda pois chegamos o día de hoxe

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información