Cambios que se aveciñan coa nova PAC en España

Cambios que se aveciñan coa nova PAC en España

Reunión do ministro de agricultura cos conselleiros autonómicos

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presidiu hoxe a Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural extraordinaria na que os conselleiros das comunidades autónomas debateron sobre a futura Política Agraria Común (PAC) 2021-2027 e a súa aplicación en España.

En sesións de mañá e tarde, o ministro e os representantes autonómicos analizarán o cinco aspectos fundamentais dunha PAC que, en palabras do ministro en rolda de prensa previa á reunión, “non é un fondo de compensación interterritorial, senón de axuda para os agricultores e gandeiros. Que ninguén pense que se trata dunha repartición de sobres”.

Na xornada de hoxe abordaron os aspectos relativos á definición de agricultor xenuíno, réxime de pequenos agricultores, a axuda básica á renda, a limitación dos pagos (capping en inglés), o pago redistributivo e os ecoesquemas e a agricultura ecolóxica.

En abril, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación enviou un cuestionario ás comunidades autónomas con eses temas de interese para que fixasen a súa posición.

Agricultor xenuíno:

A definición de “agricultor xenuíno” será un dos elementos claves da reforma. O Ministero defende que “existe un amplo consenso sobre o feito de que se debe de ter en conta a aqueles agricultores para os que a actividade agraria é unha fonte significativa de ingresos”. “Porén, España é un país de agricultura profesional, pero non a tempo completo, pois só o 29% dos ingresos dos perceptores da PAC proceden da súa renda agraria”, engadiu.

Neste sentido, para o Goberno o parámetro máis adecuado para definir esta figura é o que se basea na porcentaxe dos ingresos agrarios sobre os totais do beneficiario, para o que hai que axustar a pinza na que deben situarse os primeiros. “Nun tramo medio (20-30%) podería situarse a base do consenso”, defendeu o Ministro.

Sen embargo, organizacións agrarias, como a FRUGA ou o Sindicato Labrego Galego defenden que se eleve ese límite para percibir as axudas da PAC até o 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación, e que o tempo dedicado as actividades non relacionadas coa súa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, para que as axudas se destinen ás persoas que se dedican profesionalmente ao sector.

Réxime de pequenos agricultores:

Pola súa natureza, os pequenos agricultores, uns 300.000 agricultores e gandeiros, poderían quedar fóra da definición de agricultor xenuíno. Con todo, para o Ministerio “o seu papel social e ambiental é moi importante en zonas moi amplas do país”. Por iso é polo que o ministerio considere necesario manter un réxime específico para eles.

A proposta ministerial é un pago anual de entre 200 e 250 euros por hectárea para explotacións entre 6 e 10 hectáreas. Isto permitiría alcanzar a case a metade dos solicitantes de axudas da PAC e primaría as súas externalidades positivas.

Axuda básica á renda:

Substituirá ao denominado pago básico e á condicionalidade verde e é o principal instrumento de apoio para agricultores e gandeiros. O ministerio propón que esta nova axuda alcance a 60% fronte ao 56% do actual.

Luís Planas advertiu que a rexionalización “non vai ser un tema sinxelo”, pois segundo o Ministerio “a Comisión Europea esixe reducir o número de rexións e avanzar na converxencia interna”.

Menos escollos prevense para a eliminación dos dereitos individuais, posto que a maioría das comunidades avoga pola súa desaparición, que permitirá a incorporación de máis xente nova á actividade agraria.

Limitación de cobros:

España está de acordo co teito de 100.000 euros que establece o Marco Financeiro Plurianual da UE, pero modulando esta cantidade en función dos custos de man de obra. O ministerio propón un desconto nesa cifra duns 18.000 euros por traballador e ano para incentivar o emprego.

Porén, organizacións agrarias como a COAG manifestaron o seu desacordo con esta medida pois permitirá que os grandes propietarios de terreos perciban a maior parte das axudas. De feito, de manterse a situación actual o 20% dos perceptores van seguir cobrando o 80% dos fondos. De feito a proposta inicial da Comisión Europea era limitar as axudas da PAC por perceptor a un máximo de 60.000 euros, pero finalmente cedeu á presión dos estados membros e elevou o límite a 100.000 euros e con carácter de aplicación voluntaria en cada país.

Ecoesquemas e agricultura ecolóxica:

Serán voluntarios para agricultores e gandeiros, pero segundo o ministro Luís Planas “representan unha boa oportunidade para alcanzar o obxectivo de converter en ecolóxica o 25% da superficie agraria en 2030, un dos obxectivos da estratexia Da granxa á mesa”.

España parte dunha boa posición, xa que lidera a superficie de agricultura bio da Unión Europea e representa xa un 9 % da superficie agraria útil (SAU).

47.682 millóns de euros para a PAC en España:

Respecto ao recente acordo orzamentario do Consello Europeo e as súas implicacións para a PAC, o ministro recalcou que é “un acordo histórico do que todos temos que estar orgullosos”.

Cun total de 47.682 millóns de euros para aplicar a PAC en España no período 2021-2027, o ministro considera que “son moi satisfactorios para o noso país”. “As organizacións profesionais agrarias e as comunidades autónomas fixéronnos unha petición: non baixar de 47.500 millóns. Ese foi o noso obxectivo e cumprímolo”, sentenciou.

No entanto, organizacións como o COAG ou ASAJA consideran incorrecta esa afirmación e cifran o descenso das axudas para a nova PAC en España entre un 10 e un 12% a prezos constantes, sen ter en conta a inflación.

Próximo calendario:

O ministro proporá ás comunidades un calendario de traballo que contempla presentar un borrador informal do plan estratéxico á Comisión no abril de 2021, de maneira que o definitivo estará a metade do próximo ano e a aprobación final chegar a comezos de 2022. Isto facilitaría ao MAPA e ás comunidades iniciar os desenvolvementos lexislativos e técnicos para aplicar a nova PAC en 2023.

 

Galicia reclama limitar a 60.000 euros por perceptor as axudas da PAC

O conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galiica, José González, reclamoulle hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, que o Goberno central “dea A batalla para evitar recortes nos fondos da PAC para o período 2021-2027”.

Así, o titular de Medio Rural dixo “non entender como o Consello Europeo que aprobou un orzamento extraordinario de 750.000 millóns de euros para paliar a pandemia da covid-19 puido dar o visto e prace, ao mesmo tempo, a unha diminución da partida dirixida aos gandeiros, agricultores e silvicultores”.

Nesa liña, José González mostrou a súa sorpresa por que “os fondos da PAC non só se propoñan recortar un 10% senón por que, ademais, perdan peso no conxunto do orzamento da Unión Europea, pasando de representar un 36% no período 2014-2020 a constituír tan só un 18%”.

Pasando a cuestións concretas de aplicación da nova PAC en España, o conselleiro do Medio Rural lembrou que a Xunta defende que se aplique en España o tope máximo de 60.000 euros de axuda por explotación, para protexer as pequenas e medianas explotacións de galegas. En relación coa figura do agricultor xenuíno, aposta por unha definición esixente en canto á porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os ingresos totais que debe ter para ser considerado como tal, aínda que non concreta porcentaxes.

Sobre o pacto verde europeo, o Goberno galego demanda que xunto co enfoque ambiental os agricultores, gandeiros e silvicultores teñan tamén a transitoriedade suficiente para poder adaptar as súas actividades a ese pacto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información