Cambios que implantará o mercado gandeiro de Silleda para mellorar as poxas e o benestar animal

Cambios que implantará o mercado gandeiro de Silleda para mellorar as poxas e o benestar animal

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA de Silleda implantará nas próximas semanas importantes melloras orientadas tanto a optimizar os resultados que obteñen os seus usuarios no proceso de compra-venda como a garantir unha maior calidade e benestar das reses poxadas cada martes no mercado.

Seguro para o gando

Un dos novos servizos, que estará operativo a partir do 2 de marzo, será a incorporación dun seguro de vida para os animais de todas as categorías, o cal se estenderá desde a saída do recinto ata o xoves desa semana ás 12.00 do mediodía, e que será custeado pola central. Este seguro facíase necesario para que os compradores sigan acudindo ao mercado, xa que os principais compradores manifestaron reiteradamente que non é lóxico facerse cargo dos animais falecidos tanto nos traslados como nas xornadas inmediatamente posteriores por causas que puideran derivarse de circunstancias previas á compra.

Coa contratación dun seguro os animais estarán cubertos, supoñendo para os compradores a seguridade de minimizar as perdas económicas se algún animal falece no período establecido, xa que o seguro farase cargo. Para os vendedores, é dicir, os gandeiros, suporá que os seus animais obteñan prezos máis altos, xa que os compradores poxarán con maior tranquilidade e á alza debido á cobertura do seguro.

Máis servizos na aplicación informática

Por outra banda, seguiranse ampliando os servizos que ofrece a Central a través da aplicación informática posta en marcha recentemente. Entre eles, proximamente crearanse contas personalizadas para que os vendedores reciban no móbil documentación de interese, como a opción de obter historiais de venda ou descargar os recibos da poxa. Isto sumarase aos servizos xa operativos, como a recepción das cotizacións e a posibilidade de rexeitar a venda a distancia. Se xa agora os gandeiros non necesitan desprazarse ao recinto, con estas incorporacións aínda menos, podendo dedicar o seu tempo a outros labores relacionados coas súas explotacións.

A transferencia será o único método de pago aos gandeiros

Outro novo servizo, posto en marcha recentemente para mellorar o proceso, é establecer a transferencia como único método de pago aos gandeiros. Supón tres vantaxes: elimina frecuentes extravíos de cheques por parte dos gandeiros, o que implica para eles preocupacións, xestións e mesmo que algúns cheques queden sen cobrar; o aforro das comisións cando ingresan o cheque nunha entidade bancaria distinta á que opera coa Central e a recepción do recibo de transacción antes das 14.00 h do martes en caso de ter correo electrónico.

A isto sumaranse outras melloras orientadas a aumentar o benestar animal, algunha das cales se están avaliando e outras estarán listas proximamente, como o incremento na calidade das “camas” dos animais.

Referente polo seu sistema e servizos gratuítos

A Central destaca xa fronte ao resto de mercados nacionais polas súas vantaxes para compradores e vendedores, non só por ser as únicas poxas de vacún informatizadas de España, senón por contar con algúns servizos que non contempla ou ningún ou a maioría de mercados e por ser todos gratuítos, mentres que no resto de mercados a maioría de servizos teñen custo.

En canto aos vendedores, entre as vantaxes coas que xa contan destacan a garantía de cobro debida a que a Central xestiona o proceso de venda, claridade fiscal, emisión sen custo de informes sobre vendas como faría unha xestoría, apoio administrativo gratuíto como compulsas ou modificacións do Documento de Identificación Bovino (DIB), estación de lavado cun dos prezos máis económicos e horario máis amplo debido a que non soamente está operativa o día da poxa senón toda a semana, retirada de cadáveres e asistencia veterinaria clínica sen custo ou amparo por seguro de continxencias ante calquera accidente que poidan sufrir os animais ou causar a terceiros desde a recepción do animal pola Central ata a súa entrega ao comprador, previa á recollida por parte do mesmo. 

Increméntanse as taxas que pagan os compradores

Respecto aos compradores, benefícianse da claridade fiscal, posibilidade de establecer un tope no número de animais que lle son adxudicados para poder realizar compras axustadas ás súas necesidades ou a aplicación dun sistema de decomisos aos animais con destino ao matadoiro que non cumpran os requisitos para ser validados para o seu consumo humano, o cal se aplicaba ata o de agora na categoría de vacún maior e a partir do 2 de marzo farase tamén en becerros carniceiros. Así mesmo, desde hai semanas teñen a opción de poxar desde o móbil a través da aplicación da Central, o cal axiliza e facilita o proceso. Na mesma aplicación reciben os resultados das súas poxas.

As melloras que se implantarán agora na Central súmanse a todo isto para aumentar aínda máis as súas vantaxes fronte ao resto de mercados. Poderán realizarse grazas ao acordo que a Central, co obxectivo de velar polos intereses dos gandeiros, alcanzou cos principais compradores do mercado. Estes, para que se poidan implantar estes servizos, ofreceron asumir un lixeiro aumento das taxas que pagan por cada animal comprado, as cales non se actualizaban desde fai máis dunha década. Comprométense ademais a poxar á alza polos animais ao contar co respaldo do novo seguro de vida.

Así, será posible asumir o importante investimento que supón a implantación de novas tecnoloxías e servizos engadidos, ademais dos custos dos servizos gratuítos que xa se ofrecen agora e que para a Central increméntanse periodicamente. As taxas por animal que pagan os compradores son actualmente de 5,5€ en vacún maior e becerros carniceiros, e incrementaranse soamente 2,5€, mentres que en becerros de recría son de 2,5€ e aumentarán 1,5€.

Una idea sobre “Cambios que implantará o mercado gandeiro de Silleda para mellorar as poxas e o benestar animal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información