O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, informou hoxe aos conselleiros do ramo das distintas comunidades autónomas do acordo alcanzado no Comité Nacional do Sistema de Alerta Sanitaria Veterinaria para introducir algunhas modificacións no plan de control e erradicación da tuberculose bovina, “co obxectivo de adaptalo á realidade desta enfermidade en España”, con situacións moi diferentes entre territorios, e “dar resposta ás inquietudes dos gandeiros”.
Na Conferencia Sectorial de Agricultura, o ministro detallou os extremos dun acordo sobre o que destacou que é froito do “traballo e espírito de consenso” demostrado por todas as partes implicadas e unha mostra de que “é posible chegar a acordos mesmo en cuestións tan complicadas” como esta.
O ministro explicou que coas modificacións que se van a introducir “conséguese manter o difícil equilibrio entre non renunciar aos obxectivos do plan, que non é outro que continuar coa erradicación da tuberculose e ao mesmo tempo dar unha certa marxe de respiro” e dar a mellor solución ás inquietudes do sector. Insistiu en que “nin se dan pasos atrás nin se aumenta o risco”, senón que se substitúen algunhas medidas e introdúcense outras novas sempre pensando na mitigación deste. Neste sentido, precisou que o mantemento e a mellora da rendibilidade das explotacións gandeiras depende en primeiro lugar da existencia dun axeitado nivel sanitario
O acordo inclúe 15 puntos que agora se incorporarán ao programa nacional. Entre eles destaca a eliminación das probas premovemento dos tenreiros con destino a cebadoiro, que até agora eran obrigatorias, coa condición de que sexa con saída a matadoiro, sen pasar por ningunha outra explotación, unha medida moi demandada polo sector.
Así mesmo, a segunda volta para as explotacións libres da enfermidade desde fai máis de tres anos en zonas de alta prevalencia quedará suxeita á decisión da autoridade competente da comunidade autónoma respectiva. En todo caso, si será sempre obrigatoria unha proba para a saída destas explotacións a pastos comunais.
Ademais, as autoridades competentes das comunidades autónomas declaradas libres -incluídas tres provincias de Castela e León que teñen esta cualificación- poderán flexibilizar os prazos das probas premovemento para a entrada de tenreiros con destino a cebadoiros situados en zona libre cuxo único destino sexa o matadoiro.
O ministro informou tamén de que o Goberno vai actualizar o nivel das axudas á reposición de animais para as explotacións que tivesen que sacrificar toda a súa cabana e vanse eliminar algunhas limitacións actuais para o acceso ás mesmas.
Igualmente sinalou que se vai revisar a lexislación sobre fauna silvestre para detectar os posibles problemas na súa aplicación. Tanto o ministerio como as comunidades autónomas van revisar os baremos de indemnización para que estean actualizados aos prezos da carne e dos animais vivos de reposición.