Os sectores da viña e, sobre todo da horta, en Galicia foron uns dos menos beneficiados polas axudas da Política Agraria Común (PAC), unha situación que podería empezar a corrixirse a partir do próximo ano 2023, cando empeza a aplicarse o novo período das axudas europeas.
A dimensión social e económica destes dous sectores na comunidade galega varía notablemente. En concreto, hai 944 explotacións con código CNAE (Clasificación Nacional de Actividades Económicas) relacionados coa produción ou comercialización de hortalizas e existe unha Organización de Produtocres de Froitas e Hortalizas, como é HORSAL SCG.
Pola contra, o sector vitícola conta cun maior impacto socioeconómico: Segundo os últimos datos dispoñibles pola Consellería de Medio Rural, na comunidade existen 10.618 viticultores e 444 adegas, potenciais destinatarios das axudas da PAC.
* Últimos datos públicos (ano 2020) recollidos nas fichas de cada consello regulador.
*Por outra banda, hai 673 de adegas rexistradas no rexistro sanitario da Subdirección de Industrias Agroalimentarias, que inclúe as que están dentro e fóra das DOP.
O minifundio que caracteriza tradicionalmente tanto á viticultura como á produccion de horta en Galicia penalizaron a estes sectores na distribución de fondos a nivel estatal.
“En Madrid non entenden que se pode ter como única actividade económica a agricultura e vivir diso cunha superficie de dúas ou tres hectáreas. Consideran que esa dimensión non pode significar unha explotación viable, e iso penalízanos á hora de recibir axudas da PAC, sobre todo do primeiro piar”, explica Ana Rodríguez, secretaria de Desenvolvemento Rural do Sindicato Labrego Galego (SLG).
“Unha contradición -engade- xa que cando un mozo pide unha axuda á incorporación, do segundo piar da PAC, en Galicia si que se considera viable esa superficie”.
Cambios nas axudas da nova PAC para o sector da viña: Unha axuda agroambiental en Galicia
A principal novidade da PAC para o sector do viño a partir do ano 2023 en Galicia será que por primeira vez prevese que algúns viticultores e adegas terán axudas por superficie.
En concreto, desde a Consellería de Medio Rural, avanzan que “estamos a propor axudas de apoio do segundo piar, por tanto cofinanciadas co Fondo Agrario de Desenvolvemento Rural-Feader- para viñedos en zonas con pendente elevada”. Con todo, matizan que “o deseño final destas axudas está pendente do debate coa Comisión Europea no marco do Plan Estratéxico da PAC – PEPAC”.
Fontes do sector sitúan esta axuda para a viticultura en zonas de pendente nuns 200 euros por hectárea, unha medida que beneficiaría principalmente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e en menor medida ás outras catro DO´s vitivinícolas galegas.
En canto ás axudas directas (Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria – Feaga, primeiro alicerce), contempladas dentro do Programa de Apoio ao Sector Vitivinícola de España (PASVE), prevese que continúen en termos moi parecidos aos actuais. Iso si, inclúese como novidade a posibilidade de levar a cabo investimentos nas explotacións vitícolas. Ademais, para que este programa contribúa á súa vez a unha maior ambición ambiental, España debe establecer unha porcentaxe mínima do orzamento do PASVE para accións ambientais. As tres medidas tradicionais (investimentos, promoción e restructuración) seguen sendo consideradas prioritarias, aínda que na medida de reestruturación e reconversión proponse a súa revisión para unha maior orientación cara a criterios de calidade e sustentabilidade. Así mesmo, proponse que a porcentaxe mínima do orzamento do PASVE que debe destinarse a accións ambientais sexa do 5%.
Até agora os criterios establecidos polo Goberno español para a repartición destas axudas do primeiro piar foron a superficie de viñedo de cada comunidade autónoma, que supón o 65 % do total. O 14 % repártese en función do valor da produción; outro 14 % corresponde á produción de viño con Indicación Xeográfica; o 5 % para as zonas consideradas como “rexións menos desenvolvidas”; e o 2 % restante para contemplar as especificidades das Illas Baleares e Canarias e de Galicia.
Promoción do viño en terceiros países
En canto ás axudas a adegas e Consellos Reguladores de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do sector vitivinícola, para a promoción do viño en terceiros países (fóra da Unión Eropea) e apertura de novos mercados , a previsión é que tampouco haxa cambios relevantes a partir do 2023.
Este é a repartición das axudas por Comunidades Autónomas para este 2022:
“O que máis valoramos é que se prorrogase o actual sistema de autorizacións de plantación até o 2050”
Ramón Huidobro Vega, secretario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas valora positivamente os cambios na nova PAC para o sector.
“A nosa principal demanda, que realizamos a través da Conferencia Española de Consellos Reguladores, é que se seguise mantendo o sistema de autorizacións de plantación de viñedo -que permite regular a oferta-, que estaba vixente até o 2030. Solicitamos que se prorrogase até o 2050 e o que se acordou a nivel europeo é unha prórroga até o 2040, con revisións no 2026 e no 2030. Era nosa principal demanda e cumpriuse en parte”, explica.
Outra reclamación par parte dos Consellos Reguladores é que nas axudas para promoción en terceiros países se elimine o prazo máximo de 5 anos para a realización destas accións por parte dos beneficiarios. “Poida que estea ben ese límite para unha adega, pero non é tempo suficiente para que un Consello Regulador poida situar e promocionar os seus viños para abrir mercado ou amplialo nun terceiro país”, aclara Ramón Huidobro, quen avanza que “en principio, esta exención para os consellos reguladores recolleuse nas axudas da nova PAC”.
Outras demandas expostas polos consellos reguladores vitivinícolas de Galicia a nivel europeo para a nova PAC son as relativas á información sobre o valor enerxético do viño que se debe indicar nas etiquetas das botellas ou que o regulamento delegado sobre elaboración do viño sexa o que rexa á hora de informar os ingredientes.
En canto á posibilidade de que por primeira vez os viticultores galegos reciban axudas por superficie, o secretario do Consello Regulador da DO Rías Baixas confía que “se empece a apoiar ao pequeno e mediano viticultor profesional”. “En Rías Baixas temos unha porcentaxe de viticultores moi elevada que cultivan menos de 0,5 hectáreas de viñedo. Creo que o modelo produtivo que temos en Galicia é o que nos está facendo ser diferentes e o minifundio axúdanos a ser máis sustentables social e económicamente, e a elaborar viños moi diferenciados”, defende Ramón Huidobro.
Máis excéptica móstrase Ana Rodríguez, secretaria de Desenvolvemento Rural do Sindicato Labrego Galego (SLG). “Desde o Ministerio de Agricultura dinnos que van realizar unha repartición de novos dereitos para aqueles sectores que non os tiñan historicamente, como o viñedo ou a horta e a Consellería dinos que está a negociar co Ministerio e que imos ser unha das comunidades máis beneficiadas porque temos moita menos SAU (Superficie Agraria Útil) que a media española”, recoñece.
Porén, advirte de que “aínda que ao sector do viño e da horta galega lles desen dereitos de pago, temos o problema de que en cultivos permanentes estamos encadrados na rexión 0102, que é a rexión do Estado cos pagos da PAC máis baixos, cun importe medio sen pago redistributivo de 99 euros por hectárea, co cal unha explotación media de viñedo ou de froiteiras cobraría unha miseria. E en horta o importe que nos corresponde tamén é moi pequeno”.
Posible axuda agroambiental para os produtores de horta galegos
Precisamente, os produtores galegos de horta foron dos máis prexudicados polos criterios de repartición das axudas da PAC que estiveron vixentes até agora en España. O minifundio e a pouca ou nula implantación das organizacións de produtores provocaron que até agora practicamente non se beneficiaron das axudas da PAC, algo que podería cambiar a partir de 2023.
A Consellería de Medio Rural está en negociacións co Ministerio para implantar unha axuda agroambiental, dentro do segundo piar, que permita un pago para pequenas explotacións agrícolas sustentables que realizan a venda en circuítos curtos de comercialización, contribuíndo á economía circular.
A proposta que se está negociando esixiría que para cobrar a axuda a explotación debe estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) na sección específica de explotacións acollidas ao réxime de venda directa, e que a persoa titular da explotación debe estar dada de alta na Seguridade Social ou a explotación de xerar polo menos 0,5 UTA. Ademais, a explotación debe ter unha dimensión de entre 0,5 e 3 hectáreas para as producións vexetais ou se é mixta -combinada con produción gandeira-, de entre 0,5 e 10 hectáreas. Estímase que o importe desta axuda anual roldaría os 3600 euros para unha UTA e 1800 para media UTA.
Proposta da Xunta ao Ministerio de pago a pequenas explotacións agrícolas:
Francia, un exemplo a seguir de apoio aos pequenos produtores de horta na nova PAC
Desde o Sindicato Labrego Galego lembran que “a normativa europea permite pagos a tanto alzado de axudas da PAC para as pequenas granxas” e pon como exemplo o caso francés.
“O Plan Estratéxico da PAC en Francia contempla o pago a tanto alzado con cargo ao primeiro piar de 3000 euros anuais durante 5 anos a cada novo agricultor, sen considerar os dereitos de pago básico, o cal é unha repartición máis xusta que no Estado Español, onde hai mozos que se incorporan que cobran moito de PAC, polos dereitos que herdan, e outros practicamente nada. Ademais, en Francia estableceron unha axuda asociada para as granxas ou explotacións agrícolas moi pequenas, con entre 0,5 e 3 hectáreas, que produzan verduras e legumes, cun importe por hectárea de 1588 euros”, destaca Ana Rodríguez.
Os próximos meses serán claves para que estas novas axudas para o viñedo e a horta se concreten e se empece a corrixir unha discriminación histórica.