Cambios na Consellería do Medio Rural

Cesan, a petición propia, Jorge Atán como secretario xeral técnico; Manuel Rodríguez, como director xeral de Defensa do Monte; e José Luis Chan como director xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Publicidade
A conselleira María José Gómez presentou o Pladiga 2024 acompañada por Manuel Rodríguez Vázquez - Director xeral de Defensa do Monte. José Luis Chan Rodríguez - Director xeral de Planificación e Ordenación

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, xunto a José Luis Chan Rodríguez, ex director xeral de Planificación e Ordenación Forestal

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe varios cambios na Consellería do Medio Rural. Así cesan, a petición propia, o secretario xeral técnico, Jorge Atán, e os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Na súa substitución, o Goberno galego decidiu nomear a Marta Forés Lojo como nova secretaria xeral técnica da Consellería, a Manuel Francisco Gutiérrez como director xeral de Defensa do Monte e a Luisa Piñeiro Arcos como directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Marta Forés, nova secretaria xeral técnica

Marta Forés Lojo é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). De longa traxectoria na Administración autonómica, dende 2005 ostenta o título de funcionaria no Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.

Actualmente, e dende o ano 2022, ocupa a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico dentro da Consellería do Medio Rural. Con anterioridade, entre outras responsabilidades, desempeñou a de titular da Secretaría Xeral do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dos fondos agrícolas europeos Feaga e Feader en Galicia, adscrito a Medio Rural. De feito, leva vinculada a esta Consellería en diferentes postos desde 2006.

Manuel Francisco, novo director xeral de Defensa do Monte

Manuel Francisco Gutiérrez ocupaba ata o de agora, dende maio de 2009, o cargo de xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais en Pontevedra. Enxeñeiro Técnico Forestal de profesión pola Universidade Politécnica de Madrid, é funcionario de carreira con máis de trinta anos de experiencia na dirección, planificación estratéxica e coordinación das políticas públicas de defensa do monte e prevención dos incendios forestais en Galicia.

Con anterioridade foi xefe do Servizo de Conservación de Espazos Naturais dentro da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e responsable do Servizo de Montes e Industrias Forestais en Pontevedra. Asemade, actuou como coordinador do Grupo de Expertos en Incendios Forestais do Parlamento de Galicia (2018-2019).

Luisa Piñeiro, nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Luisa Piñeiro Arcos viña desempeñando desde o ano 2022 a responsabilidade de directora-xerente da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga). Enxeñeira Técnica de Industrias Forestais pola Escola de Pontevedra e Master en Consultoría e Verificación Medioambiental do Instituto de Investigaciones Ecológicas de Málaga, ten unha ampla formación e experiencia en materia de xestión ambiental e forestal. Foi tamén alcaldesa do concello pontevedrés de Moraña entre 2011 e 2020, delegada territorial da Xunta en Pontevedra e deputada provincial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información