A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, deu conta esta mañá da convocatoria das axudas da Política Agraria Común para a campaña de 2025 que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que contan cun orzamento previsto de 224 millóns de euros para beneficiar uns 23.000 agricultores e gandeiros.
María José Gómez explicou que a PAC contempla axudas directas que inclúen, entre outras, as axudas básicas á renda para a sustentabilidade. Neste sentido, salientou que estas achegas contribúen a apoiar unha renda agrícola viable e a resiliencia do sector agrícola, co fin de mellorar a seguridade alimentaria a longo prazo e a diversidade agrícola, así como garantir a sustentabilidade económica destas producións. As achegas directas contemplan tamén os ecorreximes -prácticas voluntarias que levan a cabo os agricultores para impulsar o rendemento ambiental e climático relativo á PAC-, xunto coas achegas asociadas á produción.
180 millóns en axudas directas e 43 para desenvolvemento rural
Dennde a Consellería salientan que “as axudas directas teñen carácter extraorzamentario e o seu importe dependerá das solicitudes presentadas en función dos límites establecidos a nivel nacional, unha vez coñecidas todas as solicitudes aprobadas.” Na última campaña aboáronse preto 180 millóns de euros, polo que se prevé que a cifra para 2025 sexa semellante, segundo explicou a conselleira.
En relación coas axudas ao desenvolvemento rural, contarán cun orzamento de máis de 43 millóns de euros. O investimento distribuirase entre as axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC); os pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas procedente da medida 13 do Programa de Desenvolvemento Rural e as axudas para zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas incluídas no PEPAC.
Principais novidades
A maior novidade desta campaña está relacionada con estas liñas que, a diferencia da campaña anterior, ademais de presentar solicitudes de pagamento no caso das axudas plurianuais de desenvolvemento rural, tamén se poderán solicitar achegas para intervencións de razas autóctonas en risco de erosión xenética, cultivos agrícolas ecolóxicos e gandaría ecolóxica.
Outra novidade nesta campaña da PAC destacada pola conselleira é a utilidade que vai ter a flexibilización na rotación ou diversificación de cultivos, para que os agricultores e gandeiros damnificados polas condicións meteorolóxicas non vexan minoradas as axudas.
Por último, María José Gómez mencionou tamén unha liña de achegas forestais dotada con arredor de 750.000 euros destinados aos compromisos de mantemento de forestación e do certificado de servizos ecosistémicos, para contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos posteriores á plantación. Estas achegas están xestionadas pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
Campañas anteriores
Por último, dende Medio Rural destacan que “en relación coa campaña de 2024 Galicia xa efectuou pagos por un valor de preto de 160 millóns de euros, incluíndo as axudas directas e as achegas para zonas con limitacións naturais, aínda que cómpre lembrar que este exercicio aínda non está finalizado”.