
Antonio Nanetti, durante a súa intervención nas xornadas organizadas pola Agrupación Apícola de Galicia no outono
Antonio Nanetti é un investigador de referencia no ámbito das enfermidades apícolas e, máis concretamente, no tratamento da varroa, sendo pioneiro nos anos 90 no desenvolvemento dunha formulación e dun método eficaz para o uso do ácido oxálico fronte a este ácaro, como alternativa á perda de eficacia derivada dos problemas de resistencia xerados polos tratamentos químicos empregados naquel momento.
A súa carreira investigadora desenvolveuse no Centro de Agricultura e Medio Ambiente de Bolonia (CREA), un organismo público de referencia en Italia, herdeiro da tradición de apoio ao sector apícola implementada desde hai décadas polo antigo Instituto Nacional de Apicultura. Recentemente participou nunhas xornadas en Ourense, onde falamos con el.
– Descríbenos como é o departamento no que traballas?
– O noso grupo de apicultura procede dunha institución histórica en Italia, que é o Instituto Nacional de Apicultura, que se incorporou ao CREA nunha reforma da investigación agraria. Somos en total un grupo estable duns 20 apidólogos de sectores diferentes que cubrimos practicamente todos os campos de investigación na apicultura: produtos, xenética, bioloxía, abellas silvestres, análises morfométricas para a identificación de subespecies, taxonomía, laboratorio de análise de mel, cera, pesticidas, etc.
Somos o grupo de investigación en apicultura máis importante en Italia
Especificamente eu pertenzo ao grupo de investigadores que se ocupa das patoloxías apícolas e desde os anos 90 céntrame na varroa, en concreto no desenvolvemento e uso de tratamentos orgánicos, como por exemplo o método por goteo con ácido oxálico.
– Aquí en Galicia bótase en falta unha institución oficial de investigación deste tipo, que traballe en colaboración co sector. Como é a vosa relación cos apicultores?
– O antigo Instituto Nacional de Apicultura creouse como resposta ás necesidades dos apicultores de ter un apoio científico, tanto desde o punto de vista técnico como práctico. Somos un organismo oficial, unha institución pública gobernamental dependente do Ministerio, e traballamos en colaboración co sector. Sempre tivemos esa relación directa cos apicultores e coas asociacións do sector, é algo que nos caracteriza desde o comezo.
Sempre estamos nese camiño, entre a investigación pura, a investigación aplicada e o contacto cos apicultores. O caso concreto dos tratamentos orgánicos fronte á varroa é un claro exemplo dunha necesidade eminentemente práctica da apicultura á que tratamos de dar resposta.
O ácido oxálico foi o composto orgánico que desde o principio ofreceu os mellores resultados
Eu empecei a traballar niso basicamente porque os apicultores tiñan un problema enorme a mediados dos anos 90, que era que as súas colonias de abellas morrían pola farmacorresistencia ao fluvalinato. Nese momento xerouse a necesidade de alternativas e o ácido oxálico foi o composto orgánico que desde o principio ofreceu os mellores resultados.
– En Galicia estase facendo cada vez máis necesario aplicar máis dun tratamento contra a varroa, xa que un único tratamento anual no outono non resulta suficiente para manter a infestación da colmea nun nivel aceptable como para lograr a súa supervivencia. Que consello darías neste sentido?
– Eu creo que cada vez é máis necesario facer un tratamento no verán, para que as abellas que teñen que invernar se desenvolvan en condicións de baixa infestación por varroa na colonia. Por iso eu o tratamento de primavera faríao máis adiante, no verán, para que as abellas invernais poidan desenvolverse de maneira óptima. Moitas veces, por comodidade de manexo, colócase o tratamento na primavera para poder retiralo antes de colocar as medias alzas, cando ao mellor non é o máis correcto pensando na supervivencia da colonia. Eu faría un tratamento no verán e outro despois no outono-inverno.
A miña recomendación é atrasar o tratamento de primavera ao verán e despois facer outro no outono
– O pasado outono estiveches en Ourense para impartir diversas ponencias. Puideches coñecer a situación do sector en Galicia? Que impresión levaches?
– Eu creo que España en xeral ten moi boas potencialidades. Tedes institutos de investigación de nivel internacional, por exemplo o grupo de Marchamalo, en Guadalajara, adscrito ao Instituto Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario e Forestal de Castela-A Mancha, que coñezo moi ben e cos que colaboro. Son científicos moi preparados.
A nivel práctico coñezo menos, pero chámanme moito a atención o comportamento da abella que tedes aquí, a iberiensis. A miúdo os apicultores españois dinme que teñen problemas coa técnica do enjaulado da raíña para a aplicación do ácido oxálico, fálanme de rexeitamento e mortalidade de abellas causada polo ácido oxálico. Interesaríame moito entender canto hai de verdade nisto e canto de mal manexo, de interferencia doutros patóxenos, etc. Non podo facerme unha idea clara de como é a situación na realidade.
– A nivel xenético, cales son as diferenzas entre a vosa abella e a nosa?
– Puixen experimentar directamente aquí en España e tamén en Portugal o carácter duro da abella ibérica; a nosa é máis dócil, sen ningunha dúbida. Son abellas diferentes, tamén desde o punto de vista do desenvolvemento da colonia. Eu vexo que a abella ligústica (Apis mellifera ligustica), a típica da península italiana, inviste moito en producir cría temperá, na primavera, para prepararse para colleitas precoces; mentres que a abella ibérica (Apis mellifera iberiensis) é máis prudente na primavera, ten un desenvolvemento máis económico para chegar coa forza correcta ás colleitas máis tardías.
Dentro do proxecto Medibees sobre monitorización das subespecies de abellas mediterráneas e a súa resiliencia fronte ao cambio climático, que coordina a investigadora de Marchamalo Raquel Martín Hernández, temos unha comparación entre a ligústica e varias das subespecies que se atopan na área do Mediterráneo, entre elas a iberiensis.
A abella ibérica é máis conservadora na primavera. Esa actitude é o resultado da súa adaptación ás condicións locais e é unha riqueza, non un problema
Polo visto nos datos até o momento, esa é a diferenza principal: un investimento primaveral moi forte da ligústica e unha actitude máis económica da abella ibérica. E iso, por suposto, é o resultado dunha adaptación ás condicións locais, un feito que temos que considerar unha riqueza e non un problema.
Moi a miúdo os apicultores intercambian abellas dun lugar a outro, dun país a outro, pensando, como se di en Italia, que o pasto do veciño sempre é máis verde. Porén, en realidade estes cambios fanse a costa dunha mala adaptación.
O risco é que ti traes abellas doutro país e logo non se adaptan, non sobreviven ao inverno, por exemplo. Sempre hai que ter en conta que a adaptación a outro medio non é algo garantido se non vén dun proceso evolutivo que se desenvolveu de forma natural durante miles de anos e que levou ao mellor equilibrio tendo en conta as condicións locais. E cambialas simplemente por pensar que unha especie é máis produtiva ca outra é un erro.
A buckfast é calquera mestura posible de abellas pero que se vende baixo unha etiqueta; non é unha subespecie con características homoxéneas
En Italia tamén hai a moda da buckfast. A buckfast é calquera mestura posible pero que se vende cunha etiqueta. Eu teño varias subespecies cruzadas entre elas e véndoa como buckfast. Parece que sexa algo homoxéneo cando non o é. Non é nada parecido a unha subespecie, que ten as súas características homoxéneas e transmisibles. Na buckfast iso non pasa. É algo moi vago, inventado.
“Italia representa un modelo positivo en apicultura a nivel internacional”
– Poderías facernos unha radiografía da situación actual da produción de mel en Italia?
– Italia é o quinto país europeo en número de colmeas (1,5 millóns para un total de 45.000 apicultores), por detrás de España, Romanía, Polonia e Francia. Italia está tamén entre os principais produtores de mel da UE, nunha lista á que se suman, ademais dos países citados anteriormente, Alemaña e Hungría. A produción total anual italiana estímase nunhas 22.000 toneladas, aínda que varía en función do ano.
A produción de mel italiana expresa a vasta biodiversidade dun país que se estende desde o Mediterráneo até as altas cumeiras dos Alpes, cunha gran variedade de meles. A orografía, os ecosistemas e os microclimas están moi diferenciados, mesmo dentro de cada rexión e provincia.
Italia é o quinto país de Europa en número de colmeas e o sexto importador mundial de mel
Entre as máis de 50 variedades de mel diferentes que podemos atopar en Italia, as máis importantes son a de acacia no norte e a de cítricos no sur. Cinco meles monoflorais en Italia (acacia, cítricos, castiñeiro, melada e eucalipto) son obxecto de normas voluntarias, publicadas por UNI (Organismo Italiano de Normalización), que definen para cada unha delas os requisitos de calidade que deben cumprir.
O cambio climático estanos facendo moito dano; floracións melíferas importantes, como a acacia no norte e os cítricos no sur, convertéronse en moi irregulares e inestables
Tanto no norte como no sur de Italia hai zonas de moita produción, pero tamén hai crises produtivas, retos e problemas tanto nunha como noutra parte do país. O cambio climático está a crearnos enormes dificultades. Hai floracións melíferas ricas e importantes do norte, como a falsa acacia (Robinia pseudoacacia), que era unha fonte de produción e ingresos moi relevante no norte e que agora é moi irregular e reducida. E no sur sucede o mesmo; dos cítricos hai anos nos que non se colleita nada. A produción media por colmea baixou, aínda que mantemos unha produción media de arredor de 20 kg por colmea.
– Noutros produtos, como os queixos, Italia protexe o seu produto local e as súas denominacións de orixe. Ocorre o mesmo co mel?
– En xeral Italia é un país importador de mel, porque a produción interna non é suficiente para cubrir a demanda; aproximadamente a produción italiana cobre a metade do consumo italiano.
O consumo de mel en Italia aumentou máis dun 5% nos últimos anos (consúmense, de media, 500 gramos de mel por habitante), pero gran parte dese incremento foi mel estranxeiro, en concreto procedente de China e Hungría. Italia é o sexto importador mundial de mel.
A competencia do mel verdadeiro por unha banda e a competencia do mel falso pola outra é un problema enorme para os apicultores italianos
A entrada de mel de países como Turquía ou China é un problema para os apicultores porque este mel procede de países que poden vender a un prezo máis baixo respecto do que se produce en Italia, polo que supón unha competencia comercial importante.
Pero, por outra banda, por esa vía entra mel cunha calidade moi discutible e incerta; entra mel fraudulento. Hai análises e controis, pero sempre é unha batalla entre gardas e ladróns. Cando tes métodos analíticos suficientes para detectar as fraudes máis habituais, os fraudulentos xa van un paso por diante facendo algo que poida escapar a ese sistema de control.
– E en canto ao relevo xeracional, estades a ter incorporación ao sector de apicultores novos?
– Si. Hai interese por parte da xente nova e está a producirse un cambio xeracional bastante importante. O interesante é que os mozos e mozas están entrando no sector xa cunha serie de coñecementos de manexo adquiridos, como os tratamentos con ácido oxálico ou o enjaulado da raíña, que forman parte xa do seu patrimonio cultural como apicultores desde o comezo. É dicir, comezan xa co pé correcto para avanzar. Comezan con cursos e con formación, cousas que ás xeracións anteriores había que ensinarlles e que non sempre era doado que interiorizasen; eles xa as dan por asumidas.
Con eles camiñamos cara a un sector máis profesionalizado. Aínda que hai moitos apicultores familiares (así lles chamamos en Italia), que son os que teñen menos de 10 colmeas, no outro extremo tamén hai apicultores con miles de colonias e explotacións xestionadas e manexadas a nivel industrial. E polo medio hai todo tipo de perfís. En Italia é un sector moi variado.
– Desde o teu punto de vista, poderiamos considerar a Italia un dos países de referencia en apicultura en Europa, xunto con outros como Francia?
– Eu diríache que si. Na miña carreira viaxei moito, vin moitos tipos de abellas e moitos tipos de apicultura, e noto que en Italia o nivel técnico está entre os máis altos dos que puiden ver en distintos continentes. En xeral, os apicultores italianos teñen un nivel moi alto: coidan a formación e coidan a calidade do mel. Italia representa un modelo positivo en apicultura a nivel internacional.
– Como vos están afectando especies invasoras como a vespa velutina e a orientalis?
– A vespa velutina baixou desde Francia e chegou a Italia por Liguria. Os apicultores activáronse moito no territorio e inicialmente intentouse erradicar a praga, con algunhas esperanzas de éxito, retirando os niños. Pero non se acadou ese obxectivo e a expansión continuou. Iso non quere dicir que os apicultores non sigan intentando eliminala, pero é unha batalla que se foi facendo cada vez máis dura, porque despois de Liguria baixou a Toscana e está a baixar actualmente pola costa Tirrena. No interior do país tamén se atopan de cando en vez niños que normalmente se descubren ao final da tempada, cando os danos xa están feitos. Pero os apicultores seguen moi activos.
– Hai participación do Ministerio ou das autoridades nesa loita?
– É un problema que non ten un respaldo directo; non hai un organismo de referencia encargado desa loita. Interveñen os apicultores co apoio de institutos de investigación como o noso; no CREA teño colegas que se encargan diso, de axudar aos apicultores nesta actividade de control. A investigación está a orientarse hoxe cara á parte tecnolóxica, mediante o uso de radar, por exemplo, para localizar niños.
É unha situación moi estraña, porque por unha banda non é unha enfermidade das colmeas, polo que o Ministerio de Sanidade non intervén porque non é da súa competencia. É un problema máis medioambiental, pero non temos organismos dirixidos a unha erradicación no territorio dunha praga deste tipo.
Non temos un organismo de referencia en Italia que se encargue de intentar erradicar a vespa velutina
Se fose unha enfermidade das abellas poderíase actuar desde o Ministerio de Sanidade e poñer en marcha intentos de erradicación, como se fixo coa invasión do pequeno escaravello das colmeas. Ao inicio queimáronse miles de colonias en Calabria para tentar erradicalo, algo que finalmente non se logrou, pero foi un intento baixo a supervisión do Ministerio de Sanidade, porque se trataba dun parásito das colmeas.
– E no que respecta á orientalis?
– A vespa orientalis considérase unha especie autóctona en Italia. Temos poboacións establecidas xa desde o século XIX. É unha especie que non podemos considerar hoxe en día allea ou invasora.
Pero co cambio climático, que a favorece, está a avanzar e a subir desde as rexións meridionais. Por exemplo, tamén pola costa Tirrena, causando moitísimos danos. É unha especie moi agresiva e hai zonas de Toscana nas que as dúas invasións, a da vespa velutina que chegou desde o norte e a da orientalis que subiu desde o sur, xa se xuntaron.
A vespa orientalis está a avanzar cara ao norte favorecida polo cambio climático, pero considérase unha especie autóctona en Italia e non se estableceron medidas de control fronte a ela
É un problema moi grave e o meu temor é que esta dobre invasión, que por casualidade ou coincidencia xeográfica se está producindo pola costa Tirrena, poida producirse tamén pola costa Adriática, no leste do país. Polo momento non hai solución a curto prazo e os apicultores están a queixarse moito porque reciben danos por ambas especies, pero efectivamente non temos medidas de control.
Galego






Control OJD