A Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra organiza o vindeiro mércores, 17 de setembro, unha xornada de presentación do sensor Perplant para o control de pulverizadores hidráulicos e abonadoras.
O evento terá lugar ás 10:00 horas na Nave-taller de mecanización – Pavillón 3 da EPS de Lugo e nel intervirán Jeppe Skov, de Perplant Dinamarca, e Carlos Escribano, representante de AAMS Ibérica. As prazas son limitadas. Inscrición previa enviando un correo a javier.bueno@usc.es
O futuro da agricultura pasará cada vez máis pola tecnoloxía de alta precisión, como robots, drons, satélites e sensores. Esta transición require que os agricultores adopten novas capacidades que poidan axudalos a monitorear as plantas con precisión centimétrica, procesar datos con alta definición e xerar información a nivel de planta en tempo real. Os sensores de visión artificial con cámara baseados en Intelixencia Artificial (IA) son unha tecnoloxía emerxente que van incrementar sensiblemente as posibilidades de dixitalización a nivel de planta.
Neste sentido, as cámaras baseadas en IA montadas en tractor ofrecen aos agricultores un sistema de cámara fácil de instalar que detecta o estado das plantas (nutrientes, pragas, enfermidades…) e aplica os insumos con precisión. Esta tecnoloxía apoia a agricultura sustentable mediante a redución do uso de produtos químicos (fertilizantes minerais e produtos fitosanitarios) e o aumento da precisión operativa a través da computación periférica e a integración satelital.
O sensor de cámara que se presenta móntase enriba da cabina do tractor, analiza o estado das plantas, a presenza de malas herbas e a biomasa en tempo real utilizando IA, o que permite unha aplicación moi precisa de fertilizantes e produtos fitosanitarios.
O sistema procesa os datos directamente no dispositivo, sen dependencia da nube, o que permite variar inmediatamente os axustes nas máquinas que distribúen os insumos (pulverizadores hidráulicos, abonadoras centrífugas) durante as operacións de campo, permitindo a realización de aplicacións a dose variable (ADV).
Ao combinar imaxes satelitais de Sentinel-2 con imaxes a nivel do solo, o sistema proposto crea mapas de prescrición dinámicos para estratexias de manexo de cultivos máis efectivas.
Galego









Control OJD