Calquera solo rústico galego sen protección ambiental, susceptible de acoller muiños de vento

A Xunta abre a man a que os parques eólicos poidan instalarse en calquera terreo rural sen protección específica. A flexibilización normativa, que entrou en vigor en febreiro, fai posible que as empresas promotoras compitan coas explotacións gandeiras por terras agrarias

VACAS_PASTOREO_PASTO_A_ESTRADA_eolico

Vacas leiteiras e muíños de vento na Estrada, unha imaxe cada vez máis habitual a medida que os aeroxeradores, favorecidos pola lexislación, se van achegando ás explotacións

Todas as terras rústicas de Galicia poden ser o emprazamento para novos parques eólicos. A Xunta flexibilizou en febreiro pasado a normativa en vigor para permitir instalar aeroxeradores fóra das denominadas Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE), aquelas reservadas no Plan Sectorial Eólico de Galicia para a instalación de muíños. Desde ese momento, todo o solo rústico que careza de protección é susceptible de acoller aeroxeradores.

O cambio normativo foi introducido a través da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Entre moitos outros cambios, esa nova lei modifica a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, ao establecer unha nova redacción para o seu artigo 6.4, que queda redactado do seguinte xeito: “Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía”.

Xa é posible colocar aeroxeradores fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia

Así pois, a instalación de novos parques en calquera solo rústico da comunidade é agora posible e queda unicamente a criterio do Consello da Xunta con criterios tan subxectivos como os da “incidencia territorial” ou a “función vertebradora do territorio”. A modificación normativa pon máis doado ás empresas elixir ubicación para os seus proxectos de produción, pois abre todo o territorio rústico sen protección ambiental aos parques eólicos.

Esta última modificación do mes de febreiro pasado vén a sumarse á producida no 2017, cando se modificou a Disposición Transitoria 2ª da Lei 8/2009. Con ela, contémplase que os parques eólicos poidan situarse tanto nas zonas incluídas dentro das Áreas de Desenvolvemento Eólico “así como na faixa paralela a estas”.

A modificación normativa pon máis doado ás empresas elixir ubicación para os seus proxectos de produción eólica

En base a esta posibilidade produciuse a petición do parque eólico Coto do Carballal, en Cotobade, situado nas proximidades do LIC Serra do Cando, pero fóra da Área de Desenvolvemento Eólico fixada na zona. Nesa delimitación, situada sobre Rede Natura, hai na actualidade 2 parques eólicos de 97 aeroxeradores e case 65MW de potencia total instalada. A solicitude presentada inclúe un novo parque con 4 aeroxeradores e unha subestación fóra da zona ADE.

Moratoria eólica

Parque eólico ubicado en terreos da Comunidade de Montes de Lousada, en Xermade

Parque eólico ubicado en terreos da Comunidade de Montes de Lousada, en Xermade

O Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG), aprobado inicialmente en 1997 e modificado en 2002, está a quedar obsoleto por moitas razóns. Sobre todo, polos cambios tecnolóxicos ocorridos no sector, cun incremento significativo da potencia media dos aeroxeradores. Pero ademais, o boom eólico dos últimos dous anos muda a escala do desenvolvemento do sector, cunha multiplicación da potencia instalada, non só pola presentación de megaproxectos, senón tamén pola maior potencia dos novos aeroxeradores.

“Desde o OEGA defendemos unha moratoria eólica que permita a actualización da planificación enerxética e territorial da enerxía eólica. Unha actualización na que participe toda a cidadanía e que derive tamén nun cambio normativo que recolla o papel activo das comunidades locais na transición enerxética”, defende Xavier Simón, responsable do Observatorio Eólico de Galicia, unha entidade de estudo e asesoramento creada a tres bandas pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto.

Demandan unha moratoria semellante ao do eucalipto para redactar un novo Plan Sectorial para o sector eólico

O Observatorio considera necesario avanzar nunha nova gobernanza do sector eólico en Galicia que, apostando pola transición enerxética desde os modelos fósiles aos modelos das enerxías renovables, propicie unha transformación real dos territorios onde se asentan esas novas tecnoloxías.

“O medio rural merece un cambio na dirección actual do sistema enerxético”, aseguran. Nese sentido, apuntan a dous tipos de medidas: aquelas que non requirirían cambios normativos e outras cuxa posta en marcha necesitaría de cambios lexislativos previos. “As dúas precisan que a sociedade galega no seu conxunto, sen exclusións, reconsidere a necesaria transición enerxética para que sirva realmente para fortalecer ás comunidades locais e rurais, ata agora moi pouco consideradas tanto como suxeitos para a toma de decisións sobre a planificación enerxética e territorial como actores que toman parte nun reparto equitativo das cargas e dos beneficios asociados ás novas instalacións enerxéticas”, defenden.

Distribución desigual no territorio

Captura de pantalla do Rexistro Eólico de Galicia: en azul, os parques en funcionamento; en morado, os que están en tramitación; e en laranxa, as novas solicitudes

Captura de pantalla do Rexistro Eólico de Galicia: en azul, os parques en funcionamento; en morado, os que están en tramitación; e en laranxa, as novas solicitudes

Aínda que hai parques eólicos en máis dun cento de concellos, a enerxía eólica non se distribuíu de maneira homoxénea ao longo do territorio, xa que existen espazos xeográficos que concentraron grande parte da potencia instalada. As provincias de Lugo e A Coruña teñen a meirande parte dos parques en funcionamento e os municipios que concentran máis aeroxeradores están radicados nas serras que compoñen a Dorsal Galega e nas zonas de costa da provincia de A Coruña. Destaca particularmente a densidade eólica existente na Serra do Xistral con concellos como o de Muras, O Valadouro, Abadín e Ourol á cabeza da masificación eólica.

As compañías eléctricas compiten pola terra coas explotacións, coa vantaxe do recurso á expropiación forzosa en caso de non chegaren a acordo cos propietarios

Nos últimos meses estanse a presentar unha manchea de solicitudes para instalar novos parques eólicos, moitas delas dirixidas a terreos ubicados a menor altitude dos que até agora rexiron a colocación de muíños de vento en Galicia. Nestes novos emprazamentos, moitas veces terreos aptos para a produción agrogandeira, as compañías eléctricas compiten pola terra coas explotacións, coa vantaxe do recurso á expropiación en caso de non chegar a acordo cos propietarios.

Fondo de Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica

Distintos colectivos de toda a zona norte española veñen de constituír un Fondo de Defensa Xurídica co obxectivo de dotarse dun soporte económico para promover accións legais en defensa da biodiversidade e da paisaxe da cordilleira cantábrica e a súa contorna fronte á avalancha de megaproxectos de enerxía eólica.

Colectivos ecoloxistas e de afectados de Galicia, Castela e León e Cantabria son os impulsores desta iniciativa

Os impulsores desta iniciativa son a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Plataforma Bierzo Aire Limpio, a Mesa Eólica Merindades de Burgos, a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, a Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos e a Sociedade Galega de Ornitoloxía. O Observatorio Eólico de Galicia forma parte tamén do equipo asesor co ánimo de contribuír a unha transición enerxética que integre os valores ambientais e non deixe atrás ás comunidades rurais.

A defensa xurídica e a asistencia a colectivos de afectados na presentación de alegacións son algúns dos principais ámbitos de actuación do Fondo, que ten aberta unha campaña de mecenado

A defensa xurídica, impulsando accións legais nos ámbitos autonómico, estatal e europeo, e a asistencia a colectivos de afectados na presentación de alegacións son algúns dos principais ámbitos de actuación do Fondo. Para levalos a cabo púxose en marcha unha campaña de crowdfunding, desenvolvida a través da plataforma de recollida solidaria de fondos migranodearena.org, até o 5 de xuño de 2021, Día Mundial do Medio Ambiente.

A Xunta autorizou nos anos 90 parques eólicos que contaban con informes negativos

Vista dos parques eólicos na Serra do Xistral, en Muras, desde o alto do Cadramón

Vista dos parques eólicos na Serra do Xistral desde o alto do Cadramón

Na actualidade, colocar parques eólicos en zonas de Rede Natura non está permitido. Pero non sempre foi así. Un artigo publicado polo Observatorio Eólico de Galicia detecta casos nos que mesmo se autorizou a instalación de parques eólicos en lugares que contaban con informes técnicos negativos pola súa importante afección ao territorio.

“Analizamos as autorizacións dos primeiros parques eólicos instalados e descubrimos varios do ano 1997 nos que os técnicos de Medio Ambiente emitiron informes preceptivos negativos. Hai un conxunto dos que se instalaron na Serra do Xistral que tiñan informes desaconsellando a implantación neses espazos debido ao impacto ambiental nas turbeiras”, explica Xavier Simón.

Hoxe o nivel de protección incrementouse. O parque previsto na zona de Pena Trevinca non foi autorizado pola afectación sobre os exemplares de aguia real

A partir da entrada en vigor da Lei 8/2009 xa non é posible promover novos parques eólicos en Rede Natura, pero até entón a normativa xustificaba que “tan racional resulta a instalación dunha explotación agrícola ou gandeira en solo de especial protección agrícola, como a dun parque eólico nun espazo natural”. Mesmo o Consello da Xunta o día 11 de marzo de 1999 declarou a “compatibilidade expresa dos Plans Eólicos cos lugares de Rede Natura 2000”.

Esta permisividade supuxo que dos 3.173 MW instalados a setembro de 2009, 1.254 MW desenvolvéranse en 54 parques eólicos que teñen algunha clase de afección á Rede Natura 2000, é dicir, isto significa que o 39,53% da potencia instalada naquelas dúas primeiras décadas de desenvolvemento eólico en Galicia afectaba total ou parcialmente a Lugares de Interese Comunitario (LIC).

En Galicia hai 54 parques eólicos instalados antes do 2009 que teñen algunha clase de afectación á Rede Natura

Entre os espazos naturais protexidos que contan con parques eólicos en funcionamento encóntranse: Serra do Cando, Serra do Candán, Monte Maior, Serra do Xistral, Carnota-Monte Pindo, Costa Ártabra, Serra do Careón, Costa da Morte, Xubia-Castro, Monte Faro, Ortigueira-Mera, Brañas de Xestoso e Fragas do Eume.

A Serra do Xistral acumula 835 muíños de vento

Entre todos os espazos ambientais afectados por parques eólicos resalta o caso da Serra do Xistral, onde hai 28 parques eólicos, que totalizan 642,32 MW de potencia e 835 aeroxeradores, que teñen algunha afección a este LIC. Os 3 primeiros parques (Álabe Soán, Álabe Cadramón e Álabe Nordés) foron postos en marcha en 1999 e o último en 2007 (fora autorizado baixo o paraugas do Decreto 302/2001).

“A Xunta de Galicia autorizaba parques eólicos dentro de Rede Natura pois a lexislación sectorial (enerxética, eólica e urbanísticas) estaba configurada para que tal cousa acontecera”, asegura o director do Observatorio Eólico de Galicia. Malia que a normativa permitía instalar aeroxeradores en espazos naturais, non eximía de levar a cabo avaliación ambiental e todos os parques instalados no Xistral foron sometidos a declaración de impacto ambiental, seguindo a normativa vixente naquel período de tempo.

A Xunta de Galicia autorizaba parques eólicos dentro de Rede Natura pois a lexislación sectorial (enerxética, eólica e urbanísticas) estaba configurada para que tal cousa acontecera

Pero pouco caso se lle fixo por parte da Consellería de Industria, engargada da autorización final, malia que a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural consideraba no seu informe preceptivo a execución dos parques de Álabe Soán, Álabe Cadramón e Álabe Nordés “absolutamente incompatible coa conservación do hábitat característico da Serra do Xistral e Cadramón, como son as peculiares turbeiras de cobertor, únicas na Península ibérica e que son hábitat de interese prioritario para a Comunidade Europea”.

No caso do Xistral polo menos 3 parques eólicos foron autorizados con informes ambientais contrarios

Malia iso, os parques construíronse igual. “O que nos está indicando é que a pesar dos informes negativos existentes nos anos 90 os políticos decidiron establecelos, non tiveron carácter vinculante. Parécenos inaudito que isto tivera acontecido e deu pé a que outros parques se estableceran posteriormente tanto nesa zona coma noutras”, argumenta Xavier Simón.

Parques eólicos en zonas de ampliación da Rede Natura

A Serra do Xistral, ao igual que moitos outros espazos ambientais galegos, foron incluídos dentro da Rede Natura a finais do ano 2004. Isto significa que moitos dos parques eólicos instalados no Xistral foron autorizados antes de adquirir ese nivel de protección. Algo semellante volve acontecer neste momento, xa que a ampliación prevista da Rede Natura en Galicia, anunciada pola Xunta pero conxelada neste momento, condicionaría a instalación de novos parques, posto que impediría a súa autorización en lugares onde hoxe poden colocarse.

A ampliación prevista da Rede Natura en Galicia, anunciada pola Xunta pero conxelada neste momento, condicionaría a instalación de novos parques en determinadas zonas

“A existencia de informes técnicos preceptivos de carácter negativo deberían ser considerados na súa enteira magnitude. Se uns ecosistemas están na porta de entrada para a súa inclusión en Rede Natura (como ocorre agora coa Serra do Suído ou coa Serra da Groba) o lexislador (órgano substantivo ou ambiental, da Xunta de Galicia) debería ser totalmente sensible a acomodar súa decisión sobre os parques eólicos a ese nivel de protección ambiental, non permitindo a súa implantación. Se son autorizados parques eólicos antes de que eses lugares teñan a etiqueta legal da Rede Natura estariamos a usar de forma inaceptable unha fenda legal”, argumenta o Observatorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información