A Estación Fitopatolóxica Areeiro saca un novo aviso con información procede das parcelas de seguimento, visitas a predios ao azar e achegas de persoas técnicas e viticultoras. Lembran que cómpre revisar cada leira pola variabilidade de situacións segundo condicións e variedades.
VIÑA
O estado fenolóxico actual das viñas J -(K). BBCH: (71)-73-(75). As altas temperaturas recentes favoreceron o crecemento dos grans, especialmente nos predios máis avanzados, como os do Salnés, aínda que persiste a variabilidade entre acios e presenza de corrimento.
Mildio
O tempo seco e caloroso das últimas semanas, con ventos do norte e temperaturas superiores aos 30 ºC, freou o desenvolvemento do mildio e facilitou a eficacia dos tratamentos.
Así o demostran os baixos niveis de esporanxios en captadores de Areeiro e Sanxenxo. A presenza da enfermidade foi anecdótica e limitada a casos illados en viñas xa afectadas previamente.
Porén, a entrada de néboas e o incremento da humidade elevan de novo o risco, polo que se recomenda continuar coa vixilancia e aplicar medidas preventivas como esfollas moderadas, poda de pampos e control da vexetación acompañante.
Oídio
Non se observaron novos síntomas da enfermidade nas viñas revisadas, principalmente de albariño. Porén, recibiuse unha imaxe dunha viña con forte afección. As néboas crean un ambiente propicio ao fungo, polo que é necesario manter a vixilancia.
Botrite
As condicións actuais non favoreceron o seu desenvolvemento, mesmo en acios máis vulnerables. Con todo, o incremento da humidade obriga a manter a atención, sobre todo en zonas con restos florais, grans danados ou variedades sensibles.
Black rot
As previsións de temperaturas ao redor dos 27-28 ºC e elevada humidade poden favorecer esta enfermidade. Recoméndase considerala á hora de elixir tratamentos fitosanitarios.
Avelaíñas do acio
Capturáronse os primeiros exemplares de Lobesia botrana en dúas viñas do Rosal, con números moi baixos. Só se atopou un glomérulo nunha delas.
Cicadelidos
Non se detectou un aumento de capturas nin de ninfas, incluíndo Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada. Infórmase que nalgunhas zonas haberá que aplicar tratamentos autorizados nos próximos días.
Outras incidencias
Destácase a detección de acariose, especialmente no Rosal, e o colapso de plantas por enfermidades de madeira tras as altas temperaturas.
MACEIRA
O moteado non tivo condicións favorables, pero o aumento da humidade incrementa o risco, sobre todo en variedades sensibles. En canto á avelaíña, continúa a actividade en Areeiro e detectáronse danos visuais nun predio do Rosal.
PLANTAS DE HORTA
Mildio
O tempo seco favoreceu pragas como o escaravello da pataca e Tuta absoluta. Porén, o aumento da humidade obriga a reforzar o control do mildio para evitar perdas na colleita.
CASTIÑEIRO
Tortrícido temperá Pammene fasciana
A captura de Pammene fasciana confirmou o pico de voo en Areeiro pero non en Pontecaldelas, onde se rexistrou un incremento significativo esta semana.
BUXO
Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis
Capturáronse 8 machos de Cydalima perspectalis en Areeiro, onde tamén se detectaron postas e eirugas desenvolvidas. Reitérase a necesidade de incrementar a vixilancia para evitar a defoliación.