A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Caliza magnesiana granulada, unha opción para mellorar a nutrición do millo

Calfensa está a apostar por esta gama de produto, ben granulado ben en po, para correxir a habitual deficiencia de magnesio nos solos galegos, ó tempo que se corrixe o pH. Esa dobre acción redunda nunha mellora da absorción de nutrientes polos cultivos

Caliza magnesiana granulada, unha opción para mellorar a nutrición do millo

Caliza magnesiana granulada de Calfensa.

A empresa galega Calfensa aposta para esta última fase da campaña de millo por unha Caliza Magnesiana granulada, que permite maior comodidade para as explotacións. O novo produto, que mantén as características da Caliza Magnesiana en po de Calfensa, pode ser distribuída pola propia explotación cunha abonadora no momento máis axeitado.

A Caliza Magnesiana Granulada de Calfensa, que se lanzou hai un par de anos, responde a un aumento da demanda desta gama de produto. A maioría das explotacións continúan aplicando a Caliza Agrícola, conformada por carbonato cálcico (calcita), pero nos últimos anos está medrando o consumo da Caliza Magnesiana.

“As analíticas de solo nas explotacións son cada vez máis habituais e con frecuencia adoitan revelar carencias de magnesio, que é un elemento importante para mellorar a nutrición dos cultivos”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa. “Coa creación dun granulado de Caliza Magnesiana buscamos un produto de boa calidade que cubra as necesidades no campo. No mercado xa hai moitos produtos granulados, pero sen magnesio”, sinala.

A Caliza magnesiana granulada de Calfensa está composta nun 30% por óxido de calcio en forma de carbonato e nun 20% por óxido de magnesio. O seu valor neutralizante é de 58 e presenta unha granulometría de 2 a 5 milímetros. “É a nosa caliza magnesiana en po granulada. É un produto que destaca pola súa solubilidade e caracterízase por ser altamente reactivo, é dicir, por corrixir o pH cando o cultivo o precisa. No mercado existen outros produtos a base de dolomitas que reaccionan máis lentamente e que necesitan unha aplicación con máis anticipación”, precisa Alberte Momán.

A opción tradicional das calizas en po

calfensa estandar

Outra opción para as ganderías é a aplicación de calizas en po. As Calizas Agrícolas e Magnesianas son produtos moi empregados e non cáusticos. O grao de finura dos produtos determinarán o seu tempo de reacción en chan. “Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das Calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa.

“Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico.

Dose
Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da Caliza para corrixir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A Caliza Agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, a Caliza Magesiana ten un valor de 60, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa.

No mercado das calizas, hai mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda.

Outra situación confusa pode producirse con Calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, Calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás Calizas españolas con valor neutralizante de 40.

Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén Calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa.

A aplicación da Caliza Agrícola e Magnesiana é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *