A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Caliza magnesiana, dobre acción para mellorar a nutrición dos cultivos

Calfensa complementa a súa oferta de calizas agrícolas tradicionais cunha aposta pola caliza magnesiana, que ofrece en formato de po e granulada. Trátase dun produto que ademais de correxir o pH, aporta un micronutriente, o magnesio, que adoita ser escaso nos solos galegos

Caliza magnesiana, dobre acción para mellorar a nutrición dos cultivos

A empresa galega Calfensa aposta para a campaña de millo pola caliza magnesiana, ben en formato po ou granulada, que permite maior comodidade para as explotacións. A maioría dos agricultores continúan aplicando a Caliza Agrícola tradicional, conformada por carbonato cálcico (calcita), pero nos últimos anos está medrando o consumo da Caliza Magnesiana.

“As analíticas de solo nas explotacións son cada vez máis habituais e con frecuencia adoitan revelar carencias de magnesio, que é un elemento importante para mellorar a nutrición dos cultivos”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa. “Coa caliza magnesiana, logramos unha dobre acción. Correximos o pH do solo, o que mellorará a absorción de nutrientes polos cultivos, e incorporamos magnesio”.

Calfensa pode aplicar ou suministrar a caliza magnesiana no tradicional formato en po ou ben granulada, un formato que lanzou ó mercado hai tres anos. “Coa creación dun granulado de Caliza Magnesiana buscamos un produto de boa calidade que cubra as necesidades no campo. No mercado xa hai moitos produtos granulados, pero sen magnesio”, sinala Alberte.

A Caliza magnesiana granulada de Calfensa está composta nun 30% por óxido de calcio en forma de carbonato e nun 20% por óxido de magnesio. O seu valor neutralizante é de 58 e presenta unha granulometría de 2 a 5 milímetros.

“É a nosa caliza magnesiana en po granulada. É un produto que destaca pola súa solubilidade e caracterízase por ser altamente reactivo, é dicir, por corrixir o pH cando o cultivo o precisa. No mercado existen outros produtos a base de dolomitas que reaccionan máis lentamente e que necesitan unha aplicación con máis anticipación”, precisa Alberte Momán.

Gama de calizas de Calfensa

Caliza agrícola
O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan.

“Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa.

“Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico.

“Centrámonos en ofrecer un produto fino e altamente reactivo, que corrixa o pH cando o cultivo o necesita” (Calfensa)

Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa.

No mercado das calizas, hai ademais mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda.

“É preciso atender ó valor neutralizante do produto, xa que no mercado hai mensaxes que levan ó engano”

Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40.

Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa.

Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio)
Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Corríxense así as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos.

A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico.

A aplicación das calizas agrícolas é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado. A empresa conta con tres equipos aplicadores, cos que responder ós picos de demanda da primavera, e tamén se mantén en servizo un aplicador con aire a presión, xa que é máis versátil para parcelas que presentan dificultades no uso dos equipos con brazos aplicadores.

Óxido de calcio e óxido de magnesio
Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o do óxido magnesiano en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto servido por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade”, sinalan na empresa.

Novamente hai que ter en conta factores como o valor neutralizante do produto ou a súa facilidade para desfacerse no solo.

calfensa millo 2

Consellos de aplicación

Incorporación ó solo
Dado que a acción do encalante é por contacto directo, cómpre facer un esparexido homoxéneo en toda a superficie, así como unha incorporación inmediata ó solo por medio dun laboreo. Deste xeito, garantirase o beneficio do produto en toda a zona que ocuparán as raíces do cultivo.

Suba do pH
Deben usarse doses que non suban o nivel do pH do solo máis dun punto, xa que unha suba repentina maior tería efectos negativos nos microorganismos do solo.

Aplicación de xurros e abonos.
No posible, é conveniente esperar a que o produto encalante teña reaccionado no solo antes de incorporar xurros, estercos ou abonos. De non facelo así, o encalante pode reaccionar co esterco ou con abonos nitroxenados amoniacais, desprendendo amoniaco e, por tanto, reducindo a capacidade de fertilización do abono ou do xurro. Tamén pode repercutir de xeito negativo nos fosfatos.

Vantaxes do encalado

É coñecido o efecto negativo que ten a acidez do solo para a nutrición das plantas. O encalado conbribúe a correxir ese problema, xerando unha serie de efectos positivos, que podemos resumir do seguinte xeito:

    Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos, facilitando a súa absorción polo cultivo.

  • Bloquea parte dos ións de aluminio, ferro e manganeso, que poden estar en concentracións moi tóxicas para os cultivos.
  • Aumenta a accesibilidade do molibdeno para a planta, un elemento fundamental.
  • Mellora a estrutura do solo, estabiliza os humatos e aporta calcio.
  • Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha maior mineralización da materia orgánica.
  • Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *