As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

Calidade e seguridade alimentaria do campo á mesa

A PAC e as normativas a ela asociadas contribúen a unha redución de antibióticos e fitosanitarios nas producións agrogandeiras. Coñecemos como se garante a trazabilidade nas granxas e os controis que se realizan aos produtos que saen delas


A Política Agrícola Común contribúe a proporcionar aos consumidores europeos produtos seguros e de calidade, garantindo a trazabilidade das producións desde a granxa á mesa, en sintonía coa Estratexia aprobada pola Comisión Europea.

A nova PAC para o período 2023-2027 é ademais unha das ferramentas fundamentais para o avance na aplicación das normativas ambientais, de benestar animal e de redución de medicamentos, fertilizantes químicos e pesticidas empregados na produción agrogandeira.

A PAC forma parte dunha estratexia coordinada da UE para a mellora da produción de alimentos onde os agricultores e gandeiros, os técnicos que os asesoran e os organismos encargados da supervisión e o control das producións traballan unidos a prol dunha alimentación máis saudable para a poboación.

Controis diarios nas explotacións

O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) creouse en 1989 e en el están representados tanto os produtores como a industria transformadora. Roberto Lorenzana, o seu director-xerente, explica que o LIGAL é na actualidade o laboratorio interprofesional de maior dimensión de España, “cun carácter multiservizo focalizado en dar resposta ás necesidades do sector lácteo de Galicia, caracterizado polas fortes esixencias de calidade”.

A actividade principal do laboratorio son as análises das mostras de leite cru para a determinación da súa composición e calidade hixiénico-sanitaria. O número de mostras anuais realizadas cos equipos de alto rendemento do laboratorio ascende a 3,1 millóns, cun promedio por día de traballo no entorno das 10.000 mostras procesadas.

“O LIGAL é un punto fundamental no control da trazabilidade e seguridade alimentaria do leite producido en Galicia, sendo este o produto de alto consumo máis controlado e analizado como consecuencia das características intrínsecas da produción láctea, diaria e continua, e dos filtros de control tanto na explotación coma á entrada da industria sobre o 100% do leite cru aprovisionado polos operadores lácteos”, asegura Roberto.

“O leite é o produto de gran consumo máis controlado desde o punto de vista hixiénico-sanitario e de trazabilidade”

O director do LIGAL salienta “o notable esforzo feito polo sector lácteo no relativo á adaptación ás crecentes esixencias en materia de calidade”. “A mellora da calidade hixiénico-sanitaria foi espectacular. Pasamos dunha situación inicial a comezos dos 90, na que a metade das explotacións tiñan nalgún momento do ano recontos altos de células ou bacterioloxía, á situación actual, na que a nosa calidade está ao nivel das principais rexións produtoras da UE”, compara.

GANDERIA PORTUGAL ENCANTO NATURAL VACAS PESEBRE APAISADA

Resposta rápida

A implantación no ano 2008 dun protocolo de actuación ante resultados positivos nas mostras de leite colocou a Galicia á vangarda destes controis, cun sistema no que se actúa na explotación de orixe o mesmo día da detección por medio do servizo de inspección do LIGAL. Grazas a esta resposta inmediata, “a taxa de positividade reduciuse significativamente até converterse en residual a día de hoxe”, asegura Roberto.

O LIGAL presta apoio aos técnicos que asesoran ás granxas para avanzar cara a unha gandería de precisión

Ademais da detección dos residuos en leite, outra das aportacións fundamentais dos laboratorios do LIGAL é o seu servizo de identificación do patóxeno causante das mamites no gando, o que permite unha redución do uso de antibióticos por parte dos veterinarios que traballan nas explotacións. O LIGAL presta ademais apoio aos técnicos de alimentación nas granxas, a través e da análise da calidade dos silos para unha formulación das racións do gando máis axustada e equilibrada.

LIGAL laboratorio APAISADA 3

Asesoramento e concienciación dos gandeiros

A maior presión normativa e a concienciación de técnicos e gandeiros está contribuíndo a unha notable redución no uso de antibióticos nas granxas. Juan Pérez Rouco é veterinario especializado en calidade do leite na cooperativa Aira e destaca a importancia do asesoramento para a implementación de innovacións que permiten mellorar a calidade e seguridade da produción.

Un dos ámbitos onde máis antibióticos se utilizaban até agora era no momento do secado das vacas en produción, onde o uso de tratamentos intramamarios era xeralizado até fai pouco tempo.

Hai un ano que Aira está a cambiar esta rutina polo secado selectivo do gando. A este programa, que leva aparellado un seguimento individualizado dos animais, están acollidas 180 explotacións socias da cooperativa, axudadas por dous técnicos veterinarios.

Ao eliminar os antibióticos no momento do secado redúcese o risco de residuos no leite

A receptividade nas explotacións é moi boa, di. “Antes de empezar non o víamos claro pero hoxe o 90% das ganderías non volverían atrás”, afirma. “Cambiar o secado con antibiótico por un selador intramamario suponlle ao gandeiro moita tranquilidade a nivel de residuos no leite no momento do parto”, explica.

O tratamento das mamites é outro dos aspectos clave para a redución de antibióticos nas explotacións leiteiras. “O fundamental está en detectalas e tratalas canto antes. Cando aparece un caso de mastite o que facemos é sacar mostras para mandar a analizar e aplicar así o tratamento máis axeitado”, conta Juan.

O seu traballo nas explotacións, ademais de prescribir tratamentos, consiste tamén en asesorar na mellora de rutinas de muxido. “Axudamos con formación e asesoramento para ir cambiando técnicas e corrixindo erros”, indica.

Camiñando cara a agricultura e gandería de precisión

Unha vez máis a transferencia de coñecementos entre os membros do AKIS é un factor clave para aplicar estas prácticas innovadoras nas explotacións. Norberto Gonçalves, é un dos socios de Encanto Natural, unha gandería de leite localizada en Poiares, no municipio de Ponte de Lima.

 En Portugal estamos á cabeza de Europa en calidade hixiénico-sanitaria do leite

Defende a importancia do traballo que realizan os técnicos que asesoran á explotación na procura de maior eficiencia e precisión nas producións agrícolas e gandeiras. “Cando eu comecei, fai 30 anos, non había a alimentación equilibrada que hai hoxe nin as condicións de benestar animal que temos hoxe e iso reflíctese na calidade”, asegura.

O consumidor pode estar tranquilo, di. “Os controis nas explotacións son máximos; a empresa que nos recolle o leite saca unha mostra para analizar todos os días e se un animal foi tratado con algún medicamento ese leite non vai ao tanque sen facer antes un test que determine que non ten ningunha presenza de residuos do tratamento”, indica.

A ameaza da resistencia aos antibióticos

LIGAL laboratorio APAISAD 1

A resistencia das bacterias aos antibióticos cos que se combaten é na actualidade unha das maiores preocupacións da comunidade científica e as autoridades sanitarias. A UE ten aprobado normas que restrinxen o uso de medicamentos antimicrobianos na produción animal coa intención de reducir os índices de resistencia en humanos debido á relación directa existente entre ambos ámbitos de aplicación.

“A resistencia aos antibióticos é un problema de saúde pública de primeira orde”, asegura Gerardo Rivero, xefe do servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

O seu departamento encárgase de vixiar o uso adecuado dos medicamentos nas explotacións, a alimentación e manexo que recibe o gando e a calidade dos produtos que saen das ganderías. “Facemos unha labor directa de inspección e control nas explotacións, onde se verifica todo o proceso produtivo e a trazabilidade de todas as entradas e saídas”, detalla.

Garantir que os alimentos son seguros serve para que poidan viaxar sen restrición por toda a UE

Esta labor está encomendada a un corpo de veterinarios oficiais nas distintas provincias que, ademais de velar pola seguridade alimentaria das producións, son os que fan posible a existencia do mercado único dentro da Unión Europea. “Garantir que os alimentos son seguros e que se producen conforme á normativa serve para que poidan viaxar sen restrición por toda Europa”, asegura.

Investigación e innovación

Impulsada a través dos fondos da PAC, a investigación e innovación en materia de calidade alimentaria está presente tamén en todos os países da UE, con centros específicos como o Polo de Inovação do Vairão en Portugal.

Localizado en Vila do Conde, comprende todo un ecosistema especializado na área da seguridade alimentaria. Forma parte do Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterianária (INIAV) e é a sede da Unidade Estratéxica de Investigación e Servizos de Tecnoloxía e Seguridade Alimentaria de Portugal (UEIS-TSA). Dispón dun equipo con competencias transversais na área da microbioloxía, a bioloxía molecular e a química analítica, con vistas á resolución de problemas no ámbito da calidade e seguridade alimentaria.

LIGAL laboratorio APAISAD 2

As súas instalacións desempeñan así mesmo as funcións de Laboratorio Nacional de Referencia, contando con equipamento punteiro en seguridade alimentaria e saúde animal en Europa, de maneira que estes laboratorios permiten facer un conxunto de análises que garanten unha elevada seguridade dos produtos do sector agroalimentario portugués.

Entre os servizos que presta está a análise de residuos en produtos alimentarios de orixe animal e vexetal de compostos como medicamentos veterinarios, PAHs e micotoxinas, así como residuos de pesticidas en froitas, produtos da horta, cereais, leite e produtos lácteos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *