As zonas rurais representan o 80% da Unión Europea e aglutinan ao redor do 30% da poboación.Son claves na xestión do territorio e na produción de alimentos a prezos asequibles para os consumidores europeos, pero presentan serios retos de cara ó futuro. As poboacións rurais están reducíndose e envellecendo, hai dificultades para o relevo xeneracional no agro e outro factor de risco é que se percibe un aumento da pobreza e exclusión social, en comparación coas cidades.
Por iso, a Comisión Europea lanzou en decembro do 2021 a iniciativa do Pacto Rural, que pretende deseñar un plan de acción que asegure un mellor futuro para as zonas rurais. O seu acto central será en xuño do 2022, tralo que se porá en marcha un plan de acción coas medidas que se acorden.
A Comisión Europea considera que a Política Agrícola Común (PAC) cumpriu un rol destacado na reducción da pobreza e do abandono de terras agrarias en áreas rurais, se ben tamén recoñece liñas nas que é preciso mellorar, como a reducción das cargas administrativas ligadas ás axudas.
O 44% dos europeos considera que a principal prioridade no rural é mellorar infraestruturas e transportes, en tanto un 27% sinala a cuestións sociais (acceso á saúde, oportunidades de emprego e coidado de nenos e adultos)
Unha evaluación do impacto da PAC amosa que as medidas da Política Agraria Común son positivas para fomentar o desenvolvemento social e económico. A PAC aporta case o 50% de ingresos agrícolas en zonas marxinais e remotas, apoia a modernización agrícola e mellorou a produtividade.
O apoio da PAC beneficia a agricultores e gandeiros con axudas directas, pero ten ademais un efecto indirecto significativo na economía rural, con medidas de desenvolvemento rural como o Plan Leader, que benefician á poboación rural en xeral e que contribúen a proporcionar servizos básicos e a crear emprego.
Sen embargo, son precisos maiores avances para mellorar o atractivo das zonas rurais, especialmente para agricultores mozos. Que cuestións é necesario mellorar no desenvolvemento rural?
Eurobarómetro
Unha enquisa do Eurobarómetro realizada na primavera do 2021, con máis de 25.000 enquisados en toda Europa, concluíu que a principal prioridade para as zonas rurais son as infraestruturas e conexións de transporte, segundo o 44% dos enquisados. Séguelle o acceso á saúde, o coidado de nenos e adultos e a dispoñibilidade de oportunidades de emprego, cuestións mencionadas polo 27% da poboación. Nunha proporción similar, sinálase a necesidade de mellorar o acceso ás conexións dixitais (26%).
A mellora das conexións dixitais é outra das grandes cuestións a abordar no rural
Entre as persoas que viven en zonas rurais, máis da metade responderon que era difícil, ou imposible, moverse en tranporte público na súa área local. En cambio, entre os enquisados que viven en pobos ou cidades grandes, ata o 72% afirmou que era fácil chegar en transporte público ó supermercado máis próximo, ó médico ou ó pobo ou cidade máis próxima.
Outra cuestión que a cidadanía considera como un problema urxente a abordar nas zonas rurais é a cuestión ambiental, algo que sinala o 65% da poboación, que ten a idea de que se están a perder hábitats naturais, así como especies animais e vexetais.
Apoios a investir no rural
Un aspecto positivo que deixa o Eurobarómetro é que hai un 79% da poboación que se di favorable, en maior ou menor medida, ós apoios públicos dirixidos a áreas rurais. É unha boa base sobre a que poñer en marcha no 2022 o Pacto Rural, o plan de acción que buscará mellores infraesturas e servizos para as zonas rurais.
Entre os obxectivos que se marca a Comisión, están o de lograr áreas rurais máis prósperas, cunha economía diversificada e atractiva para as empresas. Tamén se incide na necesidade dun rural que aposte pola conservación de paisaxes naturais e culturais, cunha agricultura máis verde e cadeas de suministro máis cortas, que sexan resistentes en caso de crises económicas.