¿Cales son os retos para os mozos gandeiros de Galicia?

Máis de 150 mozos e mozas reuníronse este martes en Santiago no encontro do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. Unha mentalidade máis empresarial, mellorar a formación e a imaxe da gandería na sociedade ou solucións aos danos da fauna salvaxe foron algúns dos retos que se plantearon

¿Cales son os retos para os mozos gandeiros de Galicia?

Máis de 150 mozos e mozas de toda Galicia, boa parte estudantes de formación profesional agrogandeira, déronse cita este martes en Santiago de Compostela no IV Encontro da Mocidade Gandeira, unha xuntanza organizada polo Clube de Xóvenes Gandeiros e que contou coa colaboración de 15 empresas do sector.

O acto, ao que asistiu o conselleiro de Medio Rural, José González, serviu para analizar os principais retos aos que se enfrenta a xente nova que decide traballar na actividade gandeira e tamén para relanzar a actividade do Clube de Xóvenes Gandeiros, cuxo presidente, o lalinense Avelino Souto Rozados, avanzou como unha das novidades desta nova etapa que tamén se poderán asociar os gandeiros de vacún de carne, con actividades tamén para este sector.

6 retos para a xente nova que se inicia na actividade gandeira en Galicia

Tanto na mesa redonda como nas ponencias, ao longo deste Encontro da Mocidade Gandeira analizáronse os retos aos que se enfrontan os mozos e mozas que deciden continuar na actividade gandeira en Galicia. As propostas, que o Clube de Xóvenes Gandeiros trasladará á Consellería de Medio Rural, pasan entre outros aspectos por:

-Xestión empresarial das ganderías:

Gonzalo Gómez Grobas, gandeiro de O Pino e traballador da área de Xestión Técnico-Económica de Seragro. falou da importancia de que as ganderías sexan xestionadas de forma empresarial, tomando as decisións con criterios económicos.

“Hai 20 anos o prezo do leite estaba nas 50 pesetas o litro e o kilo do concentrado andaba nas 20 pesetas, polo que para ter beneficios no leite non era necesario ser moi bo. Hoxe cambiou moito a realidade, e as marxes de beneficios son moito máis estreitas, duns 9 euros por tonelada de leite no caso do grupo de xestión que levo eu”, explicou.

Gonzalo Grobas: “Cada vez implantarase máis nas granxas o servizo de xestión técnico-económica”

Neste sentido, Gonzalo Gómez Grobas considerou “esencial” que as ganderías incorporen o servizo de xestión técnico-económica, ao igual que contan con servizo de reprodución ou de alimentación. “É un servizo que cada vez máis se implantará nas ganderías, pois temos unha visión global da granxa e facilitamos que as decisións se tomen con criterios económicos, facendo posible que se incrementen os beneficios”, subliñou

-Solucións ao problema da fauna salvaxe:

Xabier Paz, un mozo gandeiro de Vilalba, explicou o obstáculo que supón para el, como para outros moitos en extensivo, o problema da fauna salvaxe, e en concreto do lobo. No seu caso, conta cun rabaño de 130 vacas de carne e 100 cabezas de gando equino, pero destas apenas consegue que sobrevivan os poldros debido aos ataques do lobo. “De 100 poldros este ano os lobos matáronme 80 e a este paso van acabar co rabaño e comezarán a atacar ao gando vacún”, lamentou.

En canto ás medidas da Xunta, asegura que as axudas para prevención que ven de convocar a Consellería de Medio Ambiente “son ineficaces, xa no caso dos cans mastíns, teñen que estar inscritos no libro xenealóxico da raza, no que se prima un can de concurso e non un can efectivo para defender o gando”. Igualmente, denuncia que “nas axudas para peches fixos esixen que no momento de presentar a solicitude tamén presentes todos os permisos, algo totalmente imposible de conseguir nun mes”.

Como solucións, ademais de solventar os anteriores erros, Xabier Paz demandou que a Xunta axilice o pagamento das axudas por danos de fauna salvaxe e que aumente a súa contía, “xa que na actualidade 800 euros que che dan por unha vaca non cobren os 3 ou 4 becerros que deixas de ter no futuro pola súa morte”.

“Se a Xunta non toma medidas a gandería en pastoreo, e en concreto do gando equino, vai ir a menos en Galicia ata case desaparecer”, advertiu.

-Mellorar a imaxe da gandería na sociedade:

María Ramos Castro, gandeira de SAT Os Agros, unha granxa de vacún de leite de Santa Comba cun rabaño de 386 animais, defendeu o papel activo que deben ter os e as gandeiras para mellorar a imaxe social deste colectivo.

“A imaxe que transmiten os medios dos gandeiros de vacún de leite non corresponde á realidade, preséntasenos como xente maior e con problemas e, últimamente, incluso como maltratadores de animais por parte de colectivos animalistas”, advertiu.

 María Ramos: “Cada un de nós ten que dar unha imaxe positiva do sector”

Neste sentido, defendeu que o sector debe ser o primeiro en cambiar esta imaxe: “Nas nosas redes sociais e no noso entorno os gandeiros temos que mostrar con orgullo as nosas vidas, demostrar que tratamos con cariño aos nosos animais, que nos gusta o noso traballo, abrindo as nosas granxas ás visitas da xente, especialmente dos nenos, para que a sociedade vaia cambiando a imaxe que ten de nós cara unha visión máis positiva e real”.

-Axudas de incorporación:

María Manteiga, ademais de membro da directiva do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, é unha nova activa do sector. “Incorporeime o ano pasado á gandería familiar en Vila de Cruces despois de realizar os estudos de de Enxeñería Agrónoma. Fíxeno porque me gusta a gandería e creo no futuro do sector”, explicou.

No seu caso xunto á axuda de incorporación solicitaron un plan de mellora que lles foi aprobado e co que construíron un novo establo e mercaron un robot de muxido.

En canto ás axudas de incorporación, María Manteiga demandou á Consellería de Medio Rural máis rigor na súa concesión para mellorar a eficacia deste diñeiro público. “Presúmese de que cada ano se están incorporando 500 mozos e mozas á agricultura e á gandería en Galicia, pero todos sabemos que moitas destas incorporacións non son reais”, advertiu.

Igualmente, demandou unha menor fiscalidade por parte do Ministerio de Hacienda para as axudas de incorporación, xa que os mozos e mozas beneficiarias teñen que devolver arredor do 25% desta subvención á Agencia Tributaria, a veces incluso antes de que a cobren.

-Formación:

Constante Lorenzo Santos, profesor da EFA Fonteboa destacou que a formación xoga un papel clave para poder exercer esta profesión. “Creo que a formación que ten máis éxito é a que vivimos como unha experiencia persoal, na que participamos e nos involucramos, e para iso a nosa actitude como estudante ou xa como gandeiros debe ser a de ter un interese por aprender e mellorar continuamente”, subliñou.

Constante Lorenzo: “Debedes manter ao longo da vida unha actitude de interese continuo por aprender”

Neste sentido, destacou o éxito da formación en alternancia na EFA Fonteboa: “Os alumnos pasan ata 2 meses traballando en granxas de Irlanda ou de Francia, e nese período viven con outra familia, aprenden outra lingua, ven outras realidades e melloran profesionalmente. É unha experiencia moi enriquecedora que lles fai madurar”.

Do mesmo xeito, aconselloulles que manteñan a inquedanza por formarse e enriquecerse ao longo da súa vida, tanto con lecturas como con visitas a outras ganderías. “Os gandeiros debemos aprender a ser aliados, e non alegrarse de que a explotación do veciño vai pechar, porque así podo alugarlle as terras ou a granxa. É un erro, porque cantos menos gandeiros haxa menos servizos vai ter o rural e menos poderemos apoiarnos entre nós”, sentenciou.

-Aposta polo cooperativismo:

Alba Rodríguez García, unha moza de 24 anos, falou da súa experiencia como traballadora e socia dunha cooperativa de Faba de Lourenzá. Destacou o papel do cooperativismo para baixar os custos de produción dos socios e aumentar o valor engadido dos seus produtos.

“Creo que as cooperativas leiteiras deberían seguir o mesmo camiño de pechar o ciclo para aumentar o valor engadido do leite e suprimir intermediarios”, valorou.

CLUBE_XOVENES_5

Pioneer monitoreará por satélite as fincas de millo de Galicia

Adrián Varela Pérez, técnico de Pioneer, presentou o proxecto da multinacional de seguimento de fincas de millo por satélite. “Galicia vai ser pioneira en España nesta iniciativa de Pioneer, mediante a que imos medir por satélite a actividade fotosintética das fincas de millo e así poder estimar cal vai ser o seu rendemento”, explicou.

Os gandeiros poden apuntarse a esta iniciativa de forma gratuíta, indicando a parcela ou parcela á que queren que se lle faga seguimento. “Cada 15 días, se non hai nubes, recibirán no seu móbil e de forma gratuíta a foto do satélite, podendo comprobar como é a uniformidade e o nivel de crecemento das plantas a partir da medición da actividade fotosintética da parcela. E a finais do mes de agosto recibirán unha estimación do rendemento que vai ter a finca”, explicou o técnico de Pioneer.

Por ultimo, Cristina Pilar Losada, técnica de ruminantes de MSD falou en “Só hai unha oportunidade de facelo ben”, sobre os retos aos que se enfronta a mocidade cando comeza a traballar nunha gandería.

Galería de imaxes do IV Encontro da Mocidade Gandeira:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información