Cales son os requisitos para o manexo en extensivo do Porco Celta?

Abordamos con Asoporcel as características que debe ter este ano o programa de xestión dunha explotación porcina en extensivo

Cales son os requisitos para o manexo en extensivo do Porco Celta?

O Programa está destinado a granxas de Porco Celta 100%

As normas básicas de ordenación das explotacións de gando porcino extensivo estipuladas no Real Decreto 1221/2009, do 17 de xullo, establecen no artigo 4.1.f a necesidade de que nas explotacións porcinas extensivas exista un programa de manexo e rotación. O seu obxectivo é facer un aproveitamento racional do medio, evitando fenómenos que supoñan un deterioro do ecosistema de soporte, como a sobreexplotación.

Este documento deberá ser aprobado pola autoridade competente, e así mesmo, só se poderán acoller a el aquelas explotacións nas que se críe en pureza a raza Porco Celta. Ademais, tan só terá validez se vai acompañado cos datos individualizados da explotación de acollida, seguindo o modelo exposto no anexo final do Programa de Manexo e Rotación para Explotacións Extensivas de Porco Celta, desenvolto pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel).

Neste último inclúense os datos xerais da explotación acollida, a descrición do sistema de aproveitamento, o plan de rotación, o estudo da xeomorfoloxía e edafoloxía, e o estudo hidrolóxico que pasarán por un proceso de verificación de Asoporcel. Pero seguindo o Programa de Manexo 2022, ¿que información se debe incluír en cada apartado?

Descrición do sistema de aproveitamento
Partindo da identificación do titular e da explotación acollida -datos do titular, Rega, enderezo, coordenadas, raza e observacións- cómpre detallar o sistema de aproveitamento, no cal se deberá cumprir cunhas condicións xerais das explotacións en termos de extensión da superficie, densidade gandeira, infraestrutura, e de manexo da alimentación.

En canto á extensión, as explotacións clasificaranse en función da súa orientación e capacidade produtiva, aínda que se asentarán sobre unha superficie sempre continua que terá unha dimensión mínima de 1 hectárea, a cal se deberá indicar segundo o Sixpac ou sistema de rexistro equivalente.

A densidade gandeira terá un límite en función da clasificación en canto a capacidade produtiva coa que figure inscrita no Rexistro de explotacións. Deste xeito, non excederán a carga gandeira máxima de 2,4 UGM por hectárea calculada de acordo coas equivalencias da seguinte táboa:

Fonte: Asoporcel

Táboa de equivalencia para a densidade porcina dunha superficie

Na mesma medida, a granxa en cuestión deberá cumprir cuns requisitos de infraestrutura, baixo a finalidade de garantir unhas condicións hixiénico-sanitarias e de bioseguridade axeitadas. Por isto, a totalidade da superficie onde se asente o gando porcino estará pechada perimétricamente con postes verticais que poden ser de madeira tratada, formigón ou metal, sobre os que se tense unha malla de arame formada por grandes cadros pouco visibles desde lonxe. A súa altura mínima será de 1,5 metros, e deberase establecer un efecto de dobre valado, no que a parte interna pode ser unha cerca máis sinxela conformada por arames a diferentes alturas conectados a un pastor eléctrico.

Fonte: Asoporcel

Efecto de dobre valado en peche perimetral de Porco Celta

Unha vez pechada a totalidade da superficie de explotación no seu perímetro, deberase facer unha subdivisión en parcelas con arame conectado a pastor, ou similar, para a correspondente rotación. Cómpre destacar que as entradas asignadas para a recepción de vehículos de transporte deberán contar cun sistema eficaz para a desinfección das rodas e do resto do vehículo, así como para a desinfección de calzado de operarios e visitantes.

As instalacións posteriores á entrada en vigor do Real Decreto 1221/2009 tamén deberán incluír un punto exterior para a carga e descarga, excepto aquelas permanentemente incluídas nun recinto pechado. Ao respecto, no eido das edificacións, deberán ir acorde ao estipulado no Real Decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para a protección dos porcos, e igualmente, deberán cumprir co ‘Programa sanitario e de benestar animal para o plan de aproveitamento con Porco Celta’ desenvolto por Asoporcel e aprobado pola Consellería.

Por último, este apartado fai referencia a un manexo de alimentación que debe consistir no aproveitamento directo por parte dos animais dos recursos agroforestais durante todo o ano e mediante pastoreo. Poderá levarse a cabo tanto en parcelas de monte, como pasteiros, soutos, etc. Ademais, subministraráselles diariamente e en cantidade suficiente unha ración de mestura de cereais balanceada e formulada en función da idade e estado fisiolóxico e produtivo dos animais.

Fonte: Asoporcel

Manexo da alimentación de Porco Celta

Plan de rotación
Entre os requisitos que se formulan no programa deste ano está o establecemento dunha rotación para garantir un aproveitamento axeitado do medio, evitando así que se produzan fenómenos de sobreexplotación ou erosión do mesmo. Esta xestión da superficie poderase levar a cabo de dúas maneiras diferentes, sempre sen superar a densidade gandeira máxima de 2,4UGM/Ha: por rotación de parcelas ou ‘todo dentro-todo fóra’.

No sistema de rotación de parcelas a explotación divídese en diferentes zonas mediante peches permanentes ou temporais, e segundo os exemplares vaian consumindo os recursos de cada zona delimitada, iranse rotando ás seguintes. Deberase facer un control periódico da piara, e deberase ter especial atención sobre o subministro de auga e alimento suplementario nas zonas que non dispoñan de recursos suficientes.

A outra opción, ‘todo dentro-todo fóra’ mantén a superficie parcelaria sen divisións. Desta forma, os animais mantéñense dentro da parcela de 8 a 10 meses, e tras a súa retirada, que coincidirá coa saída dos mesmos da explotación, deixarase descansar a finca para recuperar os recursos da mesma, facendo visitas e controis habitualmente.

Fonte: Asoporcel

Porco Celta nunha zona de castiñeiros

En cada caso, deberase indicar o sistema empregado, o período de permanencia dos animais por parcela, e a orde de rotación entre parcelas. Tamén deberá constar onde terán lugar as diferentes fases produtivas, separando a zona de cubrición e xestación, a de partos, a de deteste e transición, e a de cebo.

Estudo da xeomorfoloxía e edafoloxía, estudo hidrolóxico, e xestión ambiental
A información sobre o solo e as súas características é outra das cuestións de importancia que rexistra o Programa de manexo. Para dar unha descrición completa do solo da parcela da explotación será preciso elaborar un estudo edafolóxico, no cal se describen as propiedades físicas do solo mediante a súa estrutura, textura, porosidade e densidade aparente; ademais dun estudo xeomorfolóxico, que describa a forma do terreo tendo en conta a súa pendente media, e a orografía.

Existen ferramentas dixitais para proceder con ambos estudos: para a caracterización das propiedades físicas a incluír emprégase un programa GIS (Geographical Information System), de libre acceso, e o Sixpac para a información orográfica do terreo, e desta maneira completar o estudo xeomorfolóxico.

Tamén será necesario facer un estudo hidrolóxico da explotación extensiva no que se especifiquen as distancias a puntos de auga que puideran verse afectados. Para iso farase unha consulta no Sistema de Información Xeográfica de Galicia. Empregando as capas de información que están dispoñibles faranse medicións de distancias desde a parcela, a través da referencia catastral, ata os puntos de auga existentes nas zonas máis inmediatas.

Por último, hai que destacar a necesidade de realizar unha correcta xestión medioambiental, pola cal se controlarán e xestionarán os residuos xerados. Igualmente, deberá rexistrarse unha xestión de medicamentos e de produtos zoosanitarios utilizados, sempre de acordo á normativa vixente.

É preciso facer fincapé en que a xestión de cadáveres farase nunha zona especialmente habilitada para ese fin nas instalacións, para ser posteriormente retirados por unha empresa autorizada. No relativo á xestión de estercos e xurros, deberase atopar un equilibrio entre unha utilización recorrente e segura como fertilizantes naturais, e de control de excedentes. Asumindo que a produción do esterco en porcino contén niveis de nitróxeno a razón de 60kg por UGM e ano, pódese estimar a produción máxima de nitróxeno de cada explotación en función da súa densidade -máximo 2,4 UGM por hectárea-.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información