Neste artigo de opinión, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, expón o seu punto de vista sobre a recentemente creada Axencia Galega da Industria Forestal.
“No Diario Oficial de Galiza de data 29 de Agosto de 2017 ,ven de publicarse o Decreto 81/2017 ,de 3 de Agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos.
Coa creación de esta Axencia, dependente da Consellaría de Economía e Industria, a Consellaría do Medio Rural queda valeira de contido e de orzamentos para levar adiante unha política de montes.
“Coa creación desta axencia a Consellería do Medio Rural queda baleira para levar adiante unha política de montes”
Soamente queda nesta Consellaría o servizo de defensa contra incendios forestais onde os orzamentos xa fican hipotecados de un ano para outro. A vella idea da industria forestal e da madeira de impor a sua lei na política de montes que debe imperar na nosa nación é deste xeito unha realidade. Mais non mediante interpares como ate o de agora, senón directamente e sen atrancos de ningún tipo.
A Axencia Galega da Industria Forestal é considerada como interlocutor cualificado na elaboración dos instrumentos de planificación, ordenación e mellora dos aproveitamentos dos recursos forestais. E ao mesmo tempo é entendida como garante dunha xestión “sustentabel” (vivan os eufemismos) dos terreos forestais .Será a encargada de outorgar e xestionar todas as axudas (agás as de prevención e loita contra os lumes forestais) , relacionadas coa posta en valor dos montes .
Fica nas mans da industria forestal e da madeira o deseño do futuro do monte galego . Non soamente disporán das ferramentas de planificación e ordenación senón que tamén terán a chave da caixa dos cartos. Se algún titular de un monte (sexa particular ou veciñal) quere ser beneficiario dunha axuda pública, non pode selo para pór en valor o monte que el decida. Pode solicitar a axuda para pór en valor o monte que decida a industria forestal e da madeira.
“Con esta axencia queda nas mans da industria o deseño do futuro do monte galego, que para eles pasa por especies de crecemento rápido”
A finalidade da Axencia Galega da Industria Forestal é a de actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio das súas funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal. Un dos seus obxectivos é a promoción dos cultivos enerxéticos, aínda que seguindo cos eufemismos eles falan de “solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente”.
É de todos coñecido que o monte que ten deseñado a industria da madeira e forestal é un monte soamente forestalista a través da plantación de especies de crecemento rápido e de cultivos enerxéticos. Boa proba dilo é o ataque feroz que lle lanzaron á Consellaría do Medio Rural cando tentou de xeito tímido (case insignificante) regulamentar as novas plantacións de eucaliptus .
A Axencia Galega da Industria Forestal finiquita a posibilidade de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel axustado en primeiro lugar ás demandas da veciñanza comuneira, e en segundo lugar axustado ás demandas da sociedade galega no seu conxunto. Un modelo de monte eficaz a medio e longo prazo na loita conta os lumes forestais xa que ataca as causas estruturais que os provoca .
“A axencia sáltase o principio de participación e de democracia, xa que só hai representantes das administracións”
Para a industria da madeira e forestal (se se quere para o Partido Popular que os ampara ) , non é suficiente dispor das ferramentas e dos cartos para impor o seu modelo de monte, senón que queren tamén poder facelo de xeito plácido e cómodo. E se hai que pasar por riba dos principios de participación e da democracia, pois pásase. Só así pode entenderse que os compoñentes do Consello Reitor da Axencia Galega da Industria Forestal, todos sexan representantes das administracións (10 da Administración Autonómica e 1 da Administración local ). Nin representación dos sindicatos, das entidades medioambientais, dos colexios profesionais….etc. Por non haber, nin hai representación dos titulares dos montes .
A creación da Axencia Galega da Industria Forestal, facendo un símil cinematográfico , semella aquelas escenas dunha das películas dos irmáns Marx, onde buscaban madeira de calquera sitio para manter o lume. E logo virán os creadores políticos da Axencia Galega da Industria Forestal a laiarse hipócritamente de que os lumes forestais arrasan co territorio galego. Dalquelas choivas, estas lamas .
Queda en evidencia para quen traballa a Xunta de Galicia deste goberno, mentres seguen abandoados os centros públicos de investigación agraria, sen fondos da propia Consellería de Economía, da quen dependen as competencias de investigación, agora créase un “novo chiringuito” para financiar os intereses de empresas privadas, en detrimento da investigación agraria. Cantos cartos destinou o GAIN, da consellería de Economía desde 2010, a os organismos públicos de investigación agraria? cantos novos investigadores se incorporaron, cantas teses doutorais se financiaron? mentres o máximo responsable de xestionar os fondos para investigación, o Sr Varela, investigado por fraude https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/08/09/investigan-posible-fraude-fondos-europeos-centro-tecnologico-gradiant/0003_201708G9P8992.htm