¿Cales son os cambios que propón o Goberno nos controis sanitarios do leite?

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) está a traballar nunha nova normativa que regulará os controis sanitarios do leite

¿Cales son os cambios que propón o Goberno nos controis sanitarios do leite?

A nova norma busca, segundo o Ministerio, “unificar e actualizar a lexislación nacional aplicable ao sector lácteo (..) e limitar as determinacións a realizar sobre o leite cru a aquelas contempladas na normativa comunitaria; é dicir, ás relativas a aspectos sanitarios”.

Para o sindicato UPA na práctica supón que “os transportistas asuman a responsabilidade dos controis de calidade sanitaria do leite, en lugar dos laboratorios interprofesionais, como vén facendo ata agora.

O texto, que se atopa en fase de borrador, e ao que tivo acceso Campo Galego, propón, entre outros, os seguintes cambios:

Rastrexabilidade do leite cru:

-A comunicación de movementos de leite cru entre os distintos colectores queda limitada aos que teñan lugar entre tanque e cisterna. É dicir, entre gandeiro e transportista.

-Modifícanse as etiquetas de identificación de tanques e de cisternas.

Calidade hixiénico-sanitaria do leite cru:

-Establece os controis aplicables ao leite obtido a partir de femias das especies domésticas.

-Elimínanse a obriga de realizar determinacións relacionadas coa calidade comercial do leite, como son o punto crioscópico, a determinación da acidez ou da estabilidade ao alcol.

-Elimínase a obriga de rexistrar o plan anual de mostraxe na explotación.

-Faise obrigatoria a proba dirixida a detectar a presenza de residuos de antibióticos en explotación.

-Elimínase a proba dirixida a detectar a presenza de residuos de antibióticos na descarga da cisterna.

-Elimínase o uso de azidiol como conservante.

-Elimínase o rexistro das instalacións de lavado das cisternas.

-As probas usadas para detectar residuos de antibióticos en explotación detectarán, polo menos: beta-lactámicos (amoxicilina e ampicilina), quinolonas (enrofloxacino) e tetraciclinas (oxitetraciclina).

-Modifícase a fórmula utilizada para determinar o reconte de xermes totais en leite cru (equipos Bactoscan FC).

UPA acusa o Goberno de pór a calidade do leite en mans dos transportistas

A Unión de Pequeños Agricultores (UPA) considera que a principal novidade do borrador do real decreto que regulará os controis sanitarios do leite é que propón que os camioneiros examinen o produto ao recollelo nas explotacións.

Neste sentido, para a organización agraria “é un disparate que os transportistas asuman a responsabilidade dos controis de calidade en lugar dos laboratorios interprofesionais, como se vén facendo ata agora”.

Para UPA, este cambio é “unha aberración” por dous motivos. Primeiro, porque supón un perigo para a supervivencia das pequenas e medianas gandarías. Segundo, pola responsabilidade que transfire aos transportistas dos camións cisterna.

“A proposta só beneficia ás macrogranxas lácteas”

En opinión dos gandeiros, “esta proposta só beneficia ás macrogranxas lácteas” porque, tal e como explicou UPA, facer os oportunos exames do leite supón demasiado tempo para un transportista se ten que pararse en moitas granxas ao longo da súa ruta.

Por outra banda, a organización de gandeiros non entende por que o Ministerio propoña que os camioneiros se encarguen do control sanitario do leite, especialmente cando o sistema actual “garante a seguridade e rastrexabilidade do leite desde a granxa ata o consumidor final”.

UPA sinalou que esta proposta non só sentou moi mal entre os gandeiros, “hai un amplo rexeitamento do resto do sector”.

A Unión de Pequeños Agricultores e Gandeiros instou ao Ministerio que dirixe Isabel García Tejerina a concertar unha reunión na que os produtores poidan explicar ás autoridades cal é a realidade “a pé de campo” e as razóns polas que “esta proposta é un disparate”.

Descarga aquí o borrador no que está a traballar o Ministerio.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información