Cales son as industrias lácteas que controlan o mercado español?

O recente estudo “O sector lácteo en España” analiza a evolución recente, situación e estratexias da industria láctea española. Estas son as conclusións

O recente estudo “O sector lácteo en España” analiza a evolución recente, situación e estratexias da industria láctea española, da man de dous destacados expertos, os profesores da Universidade de Santiago de Compostela Jorge A. Santiso e Francisco Sineiro.

Cos últimos datos dispoñibles, referidos a 2020, a industria láctea española procesou ese ano uns 8,4 millóns de toneladas de leite, cun valor en orixe para os gandeiros duns 3200 millóns de euros. Deste total, 7,4 millóns de toneladas foron de leite de vaca e 1,0 de cabra e ovella, toda a materia prima prácticamente de orixe nacional, xa que o aumento de produción tras o fin das cotas en 2015 reduciu a importación de leite en cisternas procedente de Portugal ou Francia a unhas cifras irrelevantes.

En canto á evolución da facturación das principais industrias lácteas entre os anos 2011 e 2019, tal e como se reflicte na gráfica, destaca o estancamento ou redución dos ingresos das principais empresas do sector e o crecente peso dunha serie de industrias lácteas de tamaño mediano:

INDUSTRIAS LACTAS CAJAMAR FACTURACION

Conclusións:

Como conclusións, os autores do estudo destacan que durante os últimos 10 anos, a industria láctea experimentou en España cambios tanto no aprovisionamento como nos produtos elaborados e na súa estrutura
empresarial. En concreto:

– Procesou un 13 % mais de leite como resultado dun elevado incremento na recollida de leite de vaca ao ser eliminadas as cotas e, en menor medida, das de ovella e cabra.

– Máis da metade deste aumento destinouse á produción de queixos e o resto a iogures e sobremesas lácteas e produtos industriais, mentres que quedaba estabilizado o volume de leite envasado.

– Esta maior actividade da industria traduciuse nun incremento mais limitado nos ingresos e na marxe obtida, debido a un menor crecemento dos prezos de venda, afectados polo avance das marcas brancas.

E canto á evolución da estrutura empresarial da industria láctea nestes anos Francisco Sineiro e Jorge A. Santiso afirman que sobresaen algunhas tendencias de interese para definir as estratexias de futuro:

– O forte crecemento dun grupo de empresas de tamaño intermedio, nalgúns casos baseado en alianzas estratéxicas coa distribución, que contrasta coa redución de ingresos nos grandes grupos, resultando nunha diminución importante do grao de concentración empresarial.

– A perda de relevancia das multinacionais e demáis empresas de capital estranxeiro, a pesar de que o seu peso segue sendo determinante en segmentos como UF (iogures).

– O baixo grao de integración cooperativa, centrada en leite envasado, un segmento con limitado potencial de crecemento, o que obriga a abrirse a novos proxectos.

Polo demais, os autores conclúen que os resultados da industria láctea española son comparables aos dos principais países produtores da UE tanto na marxe unitaria obtida como na valorización do leite procesado.

Finalmente, destacan que os retos de futuro para a industria láctea española serían:

– A xestión do aumento na produción de leite con dous obxectivos principais: a substitución de parte das importacións actuais de queixos e o aumento na capacidade de procesado en produtos industriais e de regulación da produción

– A mellora nas técnicas de produción de queixos de vaca dos tipos básicos de gran consumo, que permitan competir en prezo cos produtos importados.

– Melloras na regulación e tipificación das especialidades de queixos de ovella, cabra e mestura, e o desenvolvemento do seu potencial nos mercados exteriores.

– A mellora da capacidade de negociación das empresas de leite envasado no marco dunha distribución moi concentrada e con crecemento do modelo hard discount e similares.

– O apoio aos mercados de especialidades e de diferenciación de produtos
(denominacións de orixe, leite ecolóxico, de pastoreo e alimentos nutracéuticos) como resposta ás novas esixencias dos consumidores e aos condicionantes ambientais.

Como conclusión, os expertos apuntan que “un desenvolvemento equilibrado e competitivo do noso sector lácteo debería basearse en estratexias de alianzas sólidas entre os diferentes elos da cadea (produción, industria e distribución)”. “A colaboración entre industria e distribución foi clave para o avance dalgúns proxectos empresariais nos últimos anos, e nos próximos sera necesario avanzar nesta liña e construír relacións estables entre produtores e industria, que abrangan a dobre vertente de prezos e volumes”, conclúen.

Descarga aquí o informe completo “O sector lácteo en España”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información