Nestlé, Danone e as chinesas Yili e Mengniu son as gandes industrias lácteas a nivel internacional que máis valor lle quitan ao leite, de media máis de 1 dólar de ingresos por cada litro de leite transformado.
Así se recolle no informe do IFCN, o observatorio internacional do sector lácteo, presentado na última edición da conferencia One Ideas de Alltech, celebrada en formato online o pasado mes de xuño.
“Temos unha inmensa diversidade, desde os 0,5 dólares por quilo de leite transformado -das industrias que principalmente venden leite líquido- aos máis de 2 dólares -das que transforman o leite en derivados lácteos de máis valor-“, destacou Torsten Hemme, director executivo de o IFCN.
O ranking das 20 principais industrias lácteas do mundo está encabezado pola cooperativa Dairy Farmers of America, cuns ingresos en 2019 de 29.000 millóns de dólares, seguida doutra cooperativa, a neozelandesa Fonterra, con 21.900 e en terceiro lugar grupo francés Lactalis con 20.000 millóns.
Porén, por valor xerado, o primeiro posto corresponde ao grupo francés Danone, que logra 2,8 dólares por cada quilo de leite que vende transformado. Séguenlle a chinesa Yili ,con 1,4 dólares e en terceiro lugar Mengiu, Nestlé e Savencia, con 1,3 dólares. No extremo oposto, de menor valor xerado, atópanse Dairy Farmers of América, a primeira por volume, California Dayries ou Glanbia.
71.000 millóns de dólares en pagos aos gandeiros polo leite
Outro dato relevante do informe do IFCN é que as 20 principais industrias lácteas do mundo tiveron un volume de negocio en 2019 de 103.000 millóns de dólares estadounidenses, dos que 70.000 corresponderon a pagos aos gandeiros, 21.000 millóns a pagos a empregados das industrias e o resto a impostos e beneficios.
Outro dato interesante do estudo é que o EBITDA medio de todas estas empresas nese ano roldou o 8%.”¿Este 8% é suficiente para facer todos o investimento necesario en modernización das plantas, en reducir a pegada de carbono, en apoio a sistemas agrícolas, etcétera?”, preguntouse como conclusión Torsten Hemme.