O próximo ciclo da Política Agraria Común ten xa as súas bases asentadas. Este ano, a Comisión Europea presentou os 2 documentos clave que condicionarán as medidas da próxima PAC, a estratexia ‘Da granxa á mesa’ e o Green Deal (Pacto Verde), que pretenden reducir o impacto ambiental da actividade agraria e mellorar a biodiversidade. Tamén quedou pechado no mes de xullo o marco presupostario do próximo ciclo da Política Agraria Común, o que deixa claros os camiños a seguir. O ministro de Agricultura, Luis Planas, vén de poñerlle datas ós próximos pasos.
A prioridade pasa por definir o Plan Estratéxico Nacional, no que se concretarán as medidas de apoio ós diferentes sectores. Para a posta en marcha do Plan Estratéxico, o Ministerio consultou a organizacións agrarias e cooperativas. Tamén está en conversas cos conselleiros do ramo das comunidades autónomas. Tivo unha primeira reunión cos conselleiros en xullo e anuncia unha segunda no outono.
O obxectivo da reunión do outono é definir as liñas de apoio para as tres grandes producións mediterráneas: froitas e hortalizas, olivar e viño, segundo subliñou o ministro en declaracións a Efe. Ese énfase do Ministerio nas producións agrícolas preocupa no agro, pois a gandería de leite e carne ten unha importancia social e económica decisiva nas comunidades da Cornisa Cantábrica e noutras como Castilla y León. “A anterior PAC deixou un pouco de lado á gandería e a nova PAC debe ser gandeira”, reivindica o lalinense Román Santalla, secretario de Gandería de UPA, a matriz estatal de Unións Agrarias.
Agricultura conta de pechar o Plan Estratéxico Nacional no primeiro trimestre do 2021, momento no que manterá unha última reunión cos conselleiros das comunidades autónomas. Logo, probablemente en abril, presentaralle o borrador do seu Plan a Bruxelas. coa idea de que o documento final estea entregado o próximo verán e aprobado a inicios do 2022.
Deste xeito, o novo ciclo da PAC comezaría en xaneiro do 2023, con dous anos de retraso sobre o inicialmente previsto. Entre tanto, no 2021 e 2022, agricultores e gandeiros continuarían cobrando a PAC con normalidade, de acordo co regulamento de transición xa aprobado por Bruxelas, que en resumo permite seguir prorrogando a PAC 2014-2020.
Proceso en Bruxelas
De xeito paralelo ó traballo en España co Plan Estratéxico Nacional, este outono espérase que o Parlamento Europeo e o Consejo Europeo negocien o acordo lexislativo que concretará os regulamentos do próximo ciclo da PAC. Se todo marcha segundo o previsto, para inicios do 2021 estarían claros os regulamentos sobre os plans estratéxicos da PAC; sobre a súa financiación e xestión; e un terceiro sobre a organización de mercados dos produtos agrarios.
Acadar as 4 metas fixadas por Europa: máis agricultura ecolóxica, menos antibióticos, fitosanitarios e fertilizantes
As metas fixadas por Europa céntranse en 4 piares e estipulan obxectivos concretos aínda que dende a Comisión Europea inciden na importancia de ir traballando neles e non fixarse só nas cifras finais. “Trátase de poñer o enfoque no camiño que nos levará a conseguir estas cifras, non só na meta”, apunta Ricard Ramón, xefe de unidade adxunto á Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, que participou recentemente nunha xornada online organizada por Cooperativas Agroalimentarias de España sobre os novos retos da PAC.
Unha das metas que se fixan dende Europa é conseguir de cara a 2030 unha redución do 50% dos praguicidas. Para lograla, Ramón indica que deberá apostarse por tres liñas de actuación: unha maior aposta pola loita integrada de pragas, sen centrarse unicamente nas solucións químicas. As novas tecnoloxías poden contribuír conseguindo mellorar a dosificación dos produtos e incrementando a eficacia destes. Tamén reclama a implicación das administracións na autorización de produtos que sirvan como alternativas máis sostible.
Europa tamén esixe unha redución do 20% das cotas de fertilización actual e reclama unha redución do 50% do emprego de antibióticos. “Esta é quizais a meta que vemos máis viable, porque xa se leva tempo traballando nesta liña e cada vez empréganse menos antibióticos”, detalla Ramón. Coinciden tamén nesta valoración dende o Ministerio: “Hai moito camiño avanzado na redución do uso de fitosanitarios e antibióticos”, apuntan.
A produción ecolóxica é outro dos obxectivos para Europa, que pretende conseguir que un 25% da produción agrogandeira sexa deste tipo. Na actualidade, en España a produción ecolóxica representa o 9% e sitúase por encima da media europea, pero aínda así atópase moi lonxe do proposto. “Se continúa medrando ó mesmo ritmo que ata agora, nos próximos anos poderíamos acadar un 15% de cara ó 2030, pero tamén cómpre analizar que supón ese incremento”, valora o secretario xeral de Agricultura do Ministerio, Ignacio Atance.
Europa reivindica a importancia da produción ecolóxica e a necesidade de adaptarse ás peticións dos consumidores máis novos
No caso da produción ecolóxica, Ramón reivindica a importancia deste tipo de producións atendendo ós datos de consumo que se realizaron nos últimos meses, nunha situación de crise sanitaria e económica mundial. “Temos que irnos adaptando ás novas peticións, ás dietas dos máis novos. Mesmo nunha situación como é a do Covid-19, a caída do consumo de ecolóxico non foi tanta como cabía agardar, o que pode evidenciar xa a importancia que ten este tipo de produción para os consumidores”, argumenta.
Dende a Dirección Xeral de Agricultura, apuntan tamén que outra das liñas sobre as que están a traballar é o reaxuste das normas de competencia no período 2020 – 2022, tendo en conta a sostibilidade. Neste ámbito, Ricard Ramón defende o compromiso da Comisión Europea para incrementar as medidas que melloren o posicionamento dos agricultores na cadea alimentaria. “Contamos xa cunha directiva da competencia e contra prácticas desleais, agora cómpre implementala”, apunta.
Como encarar as novas estratexias verdes?
Europa acaba de fixar novos obxectivos para o desenvolvemento agrogandeiro dos próximos anos por medio das políticas de biodiversidade e do Pacto Verde. Produtores e organizacións agrarias amosan as súas dúbidas sobre estas estratexias e a capacidade de lograr as metas fixadas nun momento no que aínda non se conseguiu garantir prezos por encima dos custos de produción en moitos sectores.
Porén, dende a Comisión Europea avogan por dar pasos nesta dirección. “Estas novas estratexias continúan na mesma liña que xa se estaba traballando, é momento de acelerar o proceso para que sexa irreversible”, indica Ricard Ramón, xefe de unidade adxunto á Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento da Comisión Europea.
“Estas estratexias van na liña que se estaba traballando. É momento de acelerar o proceso para que sexa irreversible”: Ricard Ramón, Comisión Europea
Durante o encontro virtual organizado recentemente por Cooperativas Agroalimentarias abordouse a implantación destas estratexias e os obxectivos que propoñen de cara o ano 2030, ó tempo que os expertos foron indicando algunhas das claves destas novas directrices agrogandeiras polas que se rexerá Europa.
A sostibilidade ambiental e económica
Un dos aspectos que máis preocupa coa implantación destas novas directrices é a viabilidade económica das actividades agrogandeiras ó incrementar as esixencias ambientais. “Estase traballando para conseguir estándares máis altos de sostibilidade ambiental co mínimo impacto económico. Non queremos incidir na viabilidade e na rendibilidade económica das explotacións agrícolas e gandeiras”, defenden na Comisión Europea.
Dende o Ministerio de Agricultura, Ignacio Atance, secretario xeral de Agricultura reivindica que só se pode entender a sostibilidade coma un todo, cómpre non diferenciar se realmente se pretende lograr. “ Debemos evitar separar por un lado a sostibilidade ambiental e por outro a sostibilidade económica, ou somos sostibles ou non, xa que a sostibilidade debe implicar a tódolos aspectos. Non se logrará unha sostibilidade ambiental se non se consegue tamén a económica”, aclara.
Os avances tecnolóxicos preséntanse como un dos aliados para lograr a sostibilidade da actividade agrogandeira
Unha das vías para lograr incrementala sostibilidade no agro, e que indican tanto dende a Comisión Europea coma dende o Ministerio, pasa por estimular os avances tecnolóxicos, como ferramentas claves. Ademais, Ricard Ramón insiste na importancia que terán as cooperativas para conseguir a implantación de novas tecnoloxías ó servizo dos produtores. “As cooperativas teñen un papel fundamental para achegar os avances tecnolóxicos ós socios, pero todos os axentes e administracións deben estar implicados neste obxectivo”, detalla Ramón.
Os avances tecnolóxicos tamén son claves para o Ministerio de Agricultura á hora de afrontar as esixencias europeas. Atance indica que a aposta pola tecnoloxía contribuirá á redución de custos de produción, mellorará a xestión de recursos máis escasos, sobre todo pola incidencia do cambio climático, así como poderá ser unha vía para canalizar axudas ó campo.
“Non se conseguirá unha sostibilidade ambiental se non se consegue tamén a económica” (Ignacio Atance, Ministerio de Agricultura)
Para o Ministerio, o reto da implantación das tecnoloxía está en conseguir que chegue a todo tipo de modelos produtivos e non só ós de maior tamaño. “O complicado é chegar ás pequenas e medianas explotacións. O reto está nelas, en saber facerlle chegar as novas tecnoloxías”, detalla Atance. Tamén insiste en que “non só é cuestión de transformar o modelo actual senón que esta transformación sexa xusta e conseguir que non queden atrás aquelas ganderías que aportan outros beneficios”, detalla.
Máis información
– O que se sabe e o que non da próxima PAC.