Unións Agrarias alerta dos efectos directos nas rendas dos produtores lácteos galegos debido ao que cualifica de “baixada salvaxe nas cotizacións levada a cabo polas industrias” nos novos contratos lácteos.
Como exemplo, a organización agraria advirte de que “no caso dunha explotación media de 450.000 de quilos de produción ao ano, a rebaixa imposta nos contratos de 8 cts/l supón uns 27.000 euros de caída nas rendas da granxa ao longo do ano”. Un balance negativo que se agrava polo incremento disparado de custes pola guerra en Irán (45% gasoil, 30% fertilizantes, 15% servizos agrarios, etc), “o que ven supoñer un sobrecusto de 6 cts/l”.
Desde Unións chaman a atención sobre a importante perda de posicións de Galicia no prezo medio que recibe polo leite, con diferenciais coas comunidades autónomas veciñas de Castela e León e Asturias de 13,5 % e 24,3%, respectivamente. “Así, a cotización pola produción galega cae a cuarta posición do Estado pola cola e xa ten un desaxuste co prezo medio que se paga no resto de España dun 4,2 %”, subliñan.
Deste xeito, calculan que “para o conxunto da base de ganderías galegas prevese, senón hai corrección, unha caída nas rendas anuais de máis de 186 millóns de euros distribuídos nunha media de 38.000 euros entre as 4.893 explotacións que seguen abertas”.
Con estes datos UUAA fai un chamamento ás administracións para trasladarlles “o enorme malestar existente no sector produtor pola falta de actuacións contundentes que poñan couto aos incumprimentos e abusos das industrias lácteas”. A organización considera que “a imposición de contratos perpetrada polas lácteas, cunha baixada xeneralizada de 8 céntimos por litro de leite nun contexto de suba dos custos de produción, atenta contra a legalidade vixente e non pode quedar impune porque está a ameazar de vez a un piar económico central en Galicia”.
Entrada masiva de cisternas de leite dende Portugal e Francia
Do mesmo xeito, Unións Agrarias insiste en que “a entrada masiva de cisternas de leite de Francia e Portugal, con cotizacións artificialmente baixas, está xa a producir un efecto contaxio sobre as que se comercializan en Galicia, arrastrando a cadea de valor”.
UUAA denunciou ante a AICA que toda esta situación “derívase de que se está formando un novo Cártel do Leite máis sofisticado, con prácticas de concertación ilegal de prezo por parte das industrias para forzar as caídas de cotizacións nas explotacións máis grandes. Unha actuación inaceptable que bate frontalmente coas obrigas que marca a Lei de Cadea Alimentaria”. Unións Agrarias lembra que “a lexislación é clara á hora de establecer unha formación de prezos dende abaixo arriba”, e pregúntase “como é posible que cunha suba de custos de 6 cts/l as industrias baixen 8 cts/l”.
A organización, que xa ten posto estes feitos en coñecemento da Fiscalía, insta tamén á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia a actuar penalmente contra as industrias que están a importar leite de terceiros países a prezos de derribo. «Esa entrada de leite a 10 ou 12 céntimos litro, moi por debaixo dos 48 que se paga aos franceses, é ilegal. E pedímoslle tanto á AICA e ao Miniterio como á Xunta de Galicia que interveñan ante unha situación que supón unha distorsión do mercado e un fraude ás persoas consumidoras», advirten.
Galego









Control OJD