Calculan que a escalada dos pensos supón un sobrecusto mensual nas granxas galegas de 2,7 millóns de euros

Unións Agrarias cuestiona que as industrias lácteas estean tratando de renovar contratos a prezos similares que a pasada campaña, sen ter en conta ese cambio de escenario

Calculan que a escalada dos pensos supón un sobrecusto mensual nas granxas galegas de 2,7 millóns de euros

A escalada de prezos dos pensos ronda xa un 20%, segundo os cálculos de Unións Agrarias, que estima que ese encarecemento representa un sobrecusto mensual de 2,7 millóns de euros para as granxas galegas de leite. Tal escenario chega nun momento no que a maioría de ganderías están renovando os contratos de suministro de leite coas industrias, polo que o sector agardaba unha suba do prezo do leite que compensase os maiores gastos en penso, pero o escenario está a ser distinto.

As principais industrias que operan na comunidade están ofrecéndolle ás ganderías contratos nunha liña similar á pasada campaña, segundo advirte Unións Agrarias en nota de prensa, que reclama das industrias un xiro nas súas propostas. “É preciso que o prezo do leite se ligue ós custos de produción, pois o encarecemento do penso repercútelle ás granxas polo menos en 2 céntimos por litro de leite”, valora Óscar Pose, de Unións Agrarias.

A organización agraria lembra ademais que a Ley de la Cadena Alimentaria prohíbe asinar contratos por baixo dos custos de produción das ganderías. Na actualidade, o Ministerio está a ultimar un estudo de custos nas granxas, pero non estará listo para esta campaña. Tamén a Xunta anunciara no outono a inminente posta en marcha dunha aplicación de cálculo de custos que vía útil para a negociación de contratos do leite, pero polo de agora nada máis se soupo dela.

Mercado
O aumento de gastos das granxas coincide cun bo momento de mercado para os produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po, soro, queixos, etc.), polo que Unións entende que os contratos das industrias coas granxas teñen que ter en conta ambos factores.

“Estamos de acordo en asinar contratos a un ano porque danlle estabilidade a granxas e industrias, pero neste escenario teñen que ser contratos que se revisen en función da evolución dos custos de produción e da marcha do mercado lácteo. Non poden ser contratos a un prezo fixo igual ó do ano pasado”, defende Óscar Pose.

A falta de articulación das relacións entre produtores, industrias e cadeas de distribución é outro dos factores que Unións chama a correxir, pois percíbese ás cadeas de supermercados como un factor que dificulta a suba de prezos do leite ó longo de toda a cadea.

Problemas estruturais
Un último aspecto sobre o que chama a atención Unións é a base territorial das granxas galegas. “Temos unha superficie por explotación moi inferior á media comunitaria. Precisamos aumentar esa base territorial para non ser tan dependentes do penso”, subliñan. A organización agraria calcula que na produción dun litro de leite consúmense de media nas granxas galegas arredor de 400 gramos de penso, unha cantidade que se podería baixar cunha maior produción de forraxes propias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información