Calculan que cada granxa de polo perderá uns 5300 euros a causa da crise do Covid 19

Calculan que cada granxa de polo perderá uns 5300 euros a causa da crise do Covid 19

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a dar un paso á fronte e a poñerse a traballar sen demora no deseño de fórmulas que permitan paliar as graves perdas que o sector do polo prevé para este ano. A organización agraria anima ao goberno galego a actuar coa anticipación precisa para compensar o baixón da actividade que podería darse nos vindeiros meses.

“Sen unha actuación axeitada, traduciríase en 3,5 millóns de euros de perdas para as 670 granxas galegas de avicultura de carne”, advirten dende a organización agraria. Son, segundo Unións, as estimacións que o propio sector xa ten sobre a mesa, en vista dos hábitos de consumo que, nun ano normal, se traducirían nun aumento do consumo de carne de polo durante os meses do verán.

O consumo de carne de polo está moi ligado ao turismo e á actividade hostaleira. E adoita repuntar durante a época de maior afluencia de visitantes. É por iso que as granxas galegas ollan con temor cara á tormenta que se lles ven enriba; a consecuencia do descenso do fluxo turístico previsto para esta tempada.

“As granxas deben facer fronte a unha serie de gastos fixos de insumos, enerxía ou seguros que non se reducirán a pesar do coronavirus. Porén, a crise sanitaria si podería obrigar ás explotacións a mermar o seu habitual número de crianzas anuais. Unha redución da produción que suporía un duro golpe para as rendas destes produtores”, explican dende o sindicato. En concreto, calculan que podería significar a perda de 5.300 euros por explotación.

Así as cousas, Unións Agrarias demanda anticipación e insta á Xunta de Galicia a buscar fórmulas que permitan compensar o baixón da actividade previsto a consecuencia da redución do turismo. A organización lembra que, debido á estrutura do propio sector, que traballa de xeito integrado, non caben solucións parciais que se apliquen unicamente na comunidade. E anima ao goberno galego a buscar apoios e a liderar a procura dun consenso a nivel nacional que evite que o sector avícola se converta nunha nova vítima da Covid-19. Advirten tamén da tentación de abaratar a produción por parte desas empresas integradoras ante a previsible baixada da demanda desta carne.

Así as cousas, Unións Agrarias urxe un plan estatal que permita adaptar a produción anual ás necesidades de consumo estimadas para este 2020, e que compense a perda de ingresos dos produtores derivada dese parón. Unha especie de ERTE que, igual que xa se fixo noutros sectores, permita atallar os problemas de ingresos dos produtores de polo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información