Calculan perdas de 164 millóns de euros pola seca na produción de forraxes en Galicia

Unións Agrarias pide axudas urxentes e indica que o millo forraxeiro concentra máis de 102 millóns en danos irrecuperables nunha campaña marcada polos altos custos de produción

Calculan perdas de 164 millóns de euros pola seca na produción de forraxes en Galicia

A seca e as extremas temperaturas rexistradas durante este verán están a golpear con enorme severidade ao sector gandeiro de Galicia. Segundo as estimacións de Unións Agrarias (UUAA), as perdas acumuladas na produción de forraxes para a alimentación do gando alcanzan os 164,1 millóns de euros ata a primeira semana de agosto. Ante a gravidade desta conxuntura, a organización agraria solicitou de xeito urxente unha reunión de seguimento á Consellería do Medio Rural co obxectivo de avaliar a evolución dos danos e deseñar unha folla de ruta para habilitar axudas directas ás explotacións.

O impacto económico abarca tanto a diminución da cantidade de alimento dispoñible como a perda de calidade nutricional. O cultivo máis prexudicado é o millo forraxeiro, que concentra 102 millóns de euros en perdas. Na maioría das zonas produtoras, o cultivo completou a floración e atópase en fase de formación da mazaroca cunha maduración acelerada polo calor. A redución da área foliar impide que o millo recupere o seu potencial aínda que volvan as choivas. Pola súa parte, as pradeiras acumulan 34,8 millóns en danos e os pastos permanentes suman 27,3 millóns de euros.

As comarcas Barcala-Xallas, Chantada e Deza son as máis afectadas, con índices de impacto de entre o 20 % e o 40 %

Xeograficamente, A Coruña concentra máis da metade das perdas estimadas, seguida da provincia de Lugo, debido ao gran peso das súas granxas. Comarcas como Barcala-Xallas, Chantada e Deza son as máis afectadas, con índices de impacto de entre o 20 % e o 40 %. Nesta última zona, os cultivos de mazá corren ademais un especial perigo polo risco de encorchamento dos froitos.

Esta crise chega tras a campaña de sementeira máis cara da historia recente polo encarecemento do gasóleo, fertilizantes, sementes e plásticos de ensilaxe. A menor dispoñibilidade de forraxe propia obrigará ás explotacións leiteiras, onde a alimentación representa o 60 % dos custos, a mercar alimentos alternativos máis caros como alfalfa ou veza, estendendo o impacto económico e financeiro durante todo o inverno e a primeira parte do ano 2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información