Calculan 400 euros de gastos por vaca afectada por EHE

As organizacións agrarias reiteran a necesidade de que as axudas ás granxas teñan en conta os gastos en tratamentos e o lucro cesante da perda de produción

Calculan 400 euros de gastos por vaca afectada por EHE

Vaca con síntomas de EHE. / Foto: Alberto A. Díez Guerrier.

O aumento das temperaturas está a incrementar a actividade do mosquito que funciona como principal vector de contaxio da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas ganderías de vacún e xa se constatou un aumento dos casos de animais enfermos nas granxas de vacún de leite e carne galegas, tal e como alertan as organizacións agrarias. Así, nos últimos días en zonas como a franxa máis oriental da provincia de Ourense está a detectarse unha importante propagación da enfermidade.

Ante esta situación as organizacións agrarias reclaman unha resposta urxente por parte da Consellería. Dende Unións Agrarias piden que se convoque coa máxima urxencia a comisión de seguimento para abordar a situación. No Sindicato Labrego reclaman que a Administración active todas as súas competencias, así como que dende as oficinas comarcais das zonas máis afectadas se faga chegar información clara a todas as granxas, tanto sobre como actuar para previr os contaxios como logo de contaxiados os animais.

Cubrir todos os gastos

Esta enfermidade supón importantes perdas económicas para as ganderías, tanto polos animais que morren como polo custo dos tratamentos para que saian adiante. Segundo as estimacións do Sindicato Labrego, as perdas derivadas da EHE en Galicia poden chegar a superar os 20 millóns de euros. Calculan que a enfermidade supón para as ganderías afectadas unha media de 400 euros de gasto por animal afectado, ó que se suman o custo dos produtos preventivos que se están a empregar para tentar evitar a propagación da enfermidade.

Tanto dende o Sindicato Labrego como dende Unións Agrarias esixen á Consellería de Medio Rural que, ademais de cubrir a morte dos animais, lexisle con carácter inmediato para cubrir o 100% dos citados gastos veterinarios derivados desta enfermidade, así como o lucro cesante provocado tanto pola perda produtiva dos animais que falecen como polos que finalmente sobreviven.

Dende Unións consideran ademais, que pese ás reiteradas peticións tramitadas á Consellería, a contía das axudsa por morte segue totalmente desfasada, por debaixo do valor do mercado e sen ter en conta o lucro cesante causado polas perdas dos animais, mentres que outras Comunidades xa o contemplan.

Vacina

En canto ó anuncio dunha vacina da EHE, dende Unións reprochan que a día de hoxe o sector descoñece a aplicación desta. “É unha situación intolerable que se suma á saturación dos servizos veterinarios e ás dificultades das ganderías para facer fronte á aplicación dos tratamentos”, condenan dende Unións.

Unións Agrarias lembra os problemas que xa se rexistraron na última campaña de saneamento gandeiro pola falla de efectivos suficientes para acometer en tempo e forma a campaña de vacinación da lingua azul. Nese senso, a organización insta ao goberno galego a reforzar os medios humanos e técnicos dispoñibles para garantir unha cobertura e un tratamento eficaz e áxil da EHE.

Pola súa banda, o Sindicato Labrego amosas certas reticencias a esta vacina, xa que se atopa aínda nunha fase moi inicial e recoñece que existen no sector dúbidas fronte ás garantías que pode ofrecer esta vacina, a súa efectividade ou os efectos secundarios, máis aínda ó recordar a problemática rexistrada coa vacinación da enfermidade da lingua azul.

As organizacións agrarias insisten en que este incremento dos custos de produción derivados da EHE veñen a empeorar a vulnerabilidade económica das gandarías, afectadas nestes momentos pola baixada de prezos tanto no sector cárnico como no leiteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información