Unións Agrarias ofreceu hoxe unha rolda de prensa conxunta co despacho de avogados Eskarian para abordar os “catro anos de litixios” contra o chamado ‘cártel do leite’. O ‘cártel’ trátase dun grupo de 8 industrias sancionadas por Competencia no 2019 por prácticas anticompetitivas (pacto de prezos, reparto de proveedores e intercambio de información) no periodo 2000 – 2013. A multa contra as industrias dictada por Competencia no 2019 foi ratificada hai dous anos pola Audiencia Nacional, con matices, o que abriu o paso ás demandas civís de reclamación de danos por parte dos gandeiros.
En concreto, Unións Agrarias está a xestionar, en colaboración con Eskarian, as reclamacións de 5.000 produtores, en tanto o despacho de avogados sinala que aglutina a un total duns 8.000 gandeiros.
Caso aberto
O conselleiro delegado de Eskarian, David Fernández, compareceu hoxe en Santiago para explicar o que definiu como “unha visión clara do caso”. “O primeiro que hai que subliñar é que os xulgados resolveron que o caso non está prescrito, como pedían as industrias, polo que se poden reclamar danos máis intereses”, sinala Fernández.
De feito, desde Unións Agrarias destacaron que as granxas que entregaron leite no periodo 2000 – 2013 e que aínda non se sumaron ás demandas, están a tempo de facelo. “Nin sequera é preciso que lle teñan entregado leite a unha das 8 industrias sancionadas por Competencia, pois recoñécese que o comportamento destas 8 industrias tivo un efecto paraugas sobre o conxunto dos prezos no campo”, valora o responsable do departamento xurídico de Unións Agrarias, Félix Porto.
Sentencias dos xulgados de primeira instancia
A día de hoxe, Eskarian destaca que nos últimos meses logrou catro sentencias favorables de grupos de gandeiros en xulgados de primeira instancia (Madrid, Barcelona, Granada e Toledo). “A cuestión sobre a que aínda non hai unanimidade é a cantidade que as industrias terán que indemnizar por danos. Temos unha resolución na que se dicta que o dano a indemnizar é dun 10% e outra dun 9% (Madrid e Toledo) -porcentaxe de indemnización similar ó reclamado-, pero hai outras dúas nas que se indica unha indemnización do 5% (Granada) e outra do 2% (Barcelona), explica Fernández.
Así as cousas, Eskarian considera que de cara ó futuro terase que buscar un “equilibrio” nas indemnizacións fixadas nos xulgados, que ao entender de Eskarian, decantaranse cara a órbita do 10%.
De chegarase a sentencias firmes, tralo proceso de apelación das industrias, o despacho de avogados considera que as empresas terán que responder ás indemnizacións de xeito solidario.
Na misma liña opina Félix Porto, que apunta que os demandantes están á espera de que o Tribunal Supremo marque unha doctrina de cuantificación dos danos.
Cálculo de indemnizacións
O secretario xeral de Unións, Roberto García, presentou pola súa parte uns cálculos das indemnizacións que poderían recibir os gandeiros galegos. Só as 5.000 granxas que representa Unións Agrarias suman arredor de 9 millóns de toneladas de leite entregado no periodo obxecto das sancións de Competencia. Cunha estimación de indemnizacións duns poucos céntimos por litro de leite comercializado, as reclamacións por danos ascenden a centos de millóns de euros, que Roberto García cifrou no entorno dos 600 millóns.
Galego









Control OJD