Unión de consumidores de Galicia acaba de facer público os resultados do seu último estudo centrado no desperdicio alimentario nos fogares galegos, un estudo que pretende darse a coñecer a amparo da xornada que sobre esta materia terá lugar en Santiago de Compostela mañá martes 18 de xuño.
Máis de 600 persoas participaron na mostra deste estudo que dunha forma accesible pretendía coñecer en que medida as persoas consumidoras galegas manteñen determinados hábitos de consumo que poden incidir dunha maneira moi directa nas cifras de desperdicio alimentario que se producen nos fogares.
En primeiro termo, o estudo quería coñecer como de implantado está o hábito de realizar previamente unha lista da compra antes de acudir ás tendas, neste sentido cabe destacar que máis do 69% elaboran sempre ou case sempre unha lista dos produtos que necesitan. Son os menores de 35 anos os menos seguen este tradicional consello das asociacións de consumidores.(57%)
Máis do 77% declara aproveitar as sobras para elaborar outros pratos, por idades, son as persoas maiores quen máis aproveitan os restos de comida (84%) e novamente son os menores de 35 anos quen menos uso fan de restos para elaborar outros pratos (56%).
Á hora de ir comprar, e como aspectos que poden influír nas cifras de desperdicio como consecuencia de non aproveitar ao máximo o seu potencial, o 45% dos galegos afirman acudir a ofertas do tipo 3×2 ou similares. Case o 73% afirma respectar sempre ou case sempre as datas de consumo preferente malia que en ocasións o alimento poida ser consumido. Só o 12% dos galegos afirma comprar con asiduidade alimentos próximos a caducar, unha práctica que non só pode supor una aforro para os petos senón tamén contribuír a minorar o desperdicio que se produce no sector da distribución.
Por grupos de alimentos, froitas, verduras e hortalizas son os que máis veces acaban no cubo de lixo (un 50%), seguido de alimentos cociñados que nos sobraron (32%), carnes, friames e embutidos (29%). Os que menos son as conservas (9%), lácteos (16%), peixe (17%) e alimentos conxelados e preparados (18%).