Este martes pola mañá tivo lugar en Santiago de Compostela a xornada Sostibilidade, Pegada de Carbono e Pegada Hídrica na produción de leite, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA). Nela foron presentados resultados do proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de gando vacún leiteiro mediante asesoramento para a redución da pegada de carbono e a pegada hídrica” iniciado en 2018, no cal participou a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
No proxecto efectuouse a medición da pegada hídrica e a pegada de carbono en 100 explotacións galegas produtoras de leite, cunha media de 88 vacas en fase produtiva.
Ricardo Rebolledo, enxeñeiro industrial na USC, explicou que mediante a metodoloxía de análise de ciclo de vida achouse que a media dos indicadores ambientais avaliados (pegada de carbono e pegada hídrica) foi de 1,42 kg de CO2 equivalente por litro de leite (en tanque frío de explotación) para a de carbono, na media da Unión Europea, situada en 1,4 kg, e de 1,33 m3/l en canto á hídrica, tamén na media comunitaria.
En canto a fontes de impacto, as cargas ambientais principais son, para a pegada de carbono, as emisións de campo (fertilizantes e pensos) e, para a pegada hídrica, a alimentación do gando. Un fenómeno que se observa, ademais, é que a maior produción de leite, menor pegada de carbono: “Se mellora o rendemento da produción de leite, considerando os mesmos niveis de emisón e consumo, mellora o meu indicador de pegada de carbono e auga. En ambas as pegadas a emisión está ligada a emisións de campo, aínda que no caso da hídrica teñen maior impacto os pensos”, precisou o investigador da USC.
Rebolledo indicou que as granxas analizadas teñen un valor de eficiencia próximo ao 100% (58 teñen un valor do 100% e as restantes sitúanse maioritariamente entre o 80% e o 100%).
Boas prácticas para reducir a pegada de carbono e hídrica na produción de leite:
-Control de enfermidades para reducir a necesidade de recría e aumentar a produción vitalícia: O 20% das perdas de produtividade animal están estreitamente relacionadas coa enfermidade.
-Uso eficiente da auga: Instalar sistemas de recuperación, utilizar sistemas de limpeza de auga a presión e instalar colectores para recoller e reutilizar as augas pluviais.
-Produción de biogás separando a parte sólida da líquida do xurro.
-Mellorar a calidade dos alimentos das vacas mediante:
Mellora da calidade das forraxes producidas, empregando trigo ou cebada en lugar de palla, sorgo, millo, pensos secos ou residuos de cultivos.
Aposta polos sucedáneos dos alimentos: bagazo de cervexa…
Promover o contido proteico da colza, un cultivo local, en comparación coa soia.
-Xestión do esterco e dos fertilizantes químicos:
Adaptar a súa aplicación segundo as necesidades do solo, realizando análises periódicas do mesmo.
Uso de leguminosas (chícharos, trevos…etc) para fixar nitróxeno e reducir a necesidade de fertilización nitroxenada a partir de estercos e fertilizantes de orixe mineral.
-Mellorar a xestión ambiental das granxas mediante:
Formación e sensibilización do persoal
Revisión periódica de equipamentos
Plan estratéxico de redución de insumos, en especial abonos químicos e pensos.
Tendencias de futuro para reducir a pegada de carbono e hídrica por litro de leite:
-Emprego de complementos alimenticios
-Alimentación de precisión, axustándoa en cantidade e tipo de alimentos (especialmente no caso do concentrado) ao estado produtivo de cada animal.
-Uso de inhibidores: Afecta directamente aos microorganismos do rume para evitar a produción de metano
-Resistencia ás enfermidades, mediante a mellora xenética.
Conclusións:
-A pegada de carbono aumenta a medida que diminúe o nivel de produción de leite, o que amosa un sobredimensionamento no aproveitamento dos recursos que consumen as pequenas explotacións gandeiras.
-Constatouse que en ambas pegadas, a maior parte das cargas ambientais poderían estar asociadas a emisións do campo, compra de pensos e insumos agrícolas para os campos. Reducir estes imputs contribuiría nunha granxa a reducir tamén a súa pegada de carbono e hídrica.
-Para a pegada hídrica ,a maioría dos impactos poderían estar asociados a o tipo de ingredientes utilizados no penso adquirido , destacando o alto valor reportado para a cebada.
Elevada capacidade das granxas galegas de vacún de leite para secuestrar carbono no solo
Pola súa banda, María Rosa Mosquera (catedrática de produción vexetal da USC), indicou que a agrosilvicultura é clave para manter e mellorar o carbono orgánico no chan. En concreto, foi analizada a presenza e influencia de superficies de pastos, froitais e forestal nas 100 granxas. Mosquera indicou a elevada capacidade das explotacións de Galicia para secuestar carbono, dado que a maioría das analizadas declaraba contar con alguna das superficies, e recomendou a creación de plans de xestión adaptados ao clima e cultivos de cada zona, ademais de encamiñar as granxas cara aos pastos permanentes para alimentación do gando, tendo en conta non só o secuestro de carbono senón tamén a redución de custos en man de obra e compra de proteína, ademais de reducir o volume de xurros.
Por outra banda, Victorio Collado, técnico de Gandería de Cooperativas Agro-alimentarias de España, explicou carbon farming, mellores técnicas dispoñibles e posibles ferramentas para controlar pegada de carbono no sector lácteo. María Luz Macho, subdirectora xeral de Meteoroloxía e cambio climático, presentou diferentes ferramentas e sistemas para calcular pegada de carbono nas explotacións e Lorenzo Bonoldi, de Nutralia Solutions, presentou Rumitech como caso de éxito na redución da pegada de carbono.
Ademais, foi presentado o proxecto europeo GO-GRASS, no que participa AGACA, cuxo obxectivo é por en valor os pasteiros e atopar novos usos para a herba (como camas e concentrado de proteína orgánica para animais, biochar e papel).
A xornada forma parte do proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de gando vacún leiteiro mediante asesoramento para a redución da pegada de carbono e a pegada hídrica”, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES).
Conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial destas.