Cal é o sobrecusto para o agro do modelo europeo de produción?

Un estudo europeo analiza o impacto nas explotacións das normativas comunitarias sobre benestar animal, medioambiente e seguridade alimentaria. O informe conclúe que a mellora da imaxe ante o consumidor compensa o gasto a maiores

Cal é o sobrecusto para o agro do modelo europeo de produción?

O porcino é dos sectores máis afectados polos sobrecustos.

Só a lexislación europea sobre seguridade alimentaria e saúde animal engloba 26 directivas de obrigado cumprimento no agro. A esas normativas hai que engadirlles as correspondentes a benestar animal e a cuestións medioambientais. En resumo, un paquete de esixencias que as explotacións da UE de tódolos sectores teñen que cumprir, en tanto en terceiros países, as normas en ocasións son máis relaxadas. Que sobrecusto xenera iso no agro europeo? O estudo conclúe que entre un 2% e un 10%, en función do sector e do país.

Os escándalos alimentarios das últimas décadas levaron na UE a un reforzo da seguridade alimentaria e de cuestións colaterais que tamén preocupan ó consumidor, coma o respeto ó medioambiente e ó benestar animal. As lexislacións comunitarias sobre estas materias, por tanto, non supoñen só un sobrecusto, senón que tamén xeneran unha mellor imaxe ante o consumidor que se traduce en competitividade.

En porcino e avicultura, os sobrecustos chegan ata o 5-10%, en tanto en vacún non superan o 3%

Porcino e avicultura
Agora ben, analizando só as cifras dos custos de produción derivados do cumprimento das normativas comunitarias, os datos son significativos. Os sectores peor parados son o porcino e a avicultura, con sobrecustos de ata un 5-10% por cuestións de benestar animal, xestión de xurros e seguridade alimentaria.

O informe recoñece que houbo explotacións pequenas que tiveron que pechar nos últimos anos por non dar cumprido coa normativa, se ben apunta que a produción global de carne non se reduciu na UE.

Vacún de leite e carne
En vacún de leite, os sobrecustos limítanse ó 2-3%, segundo o estudo da Comisión Europea, xa que o sector lácteo produce máis en base a terra e normalmente xa viña dispoñendo de instalacións suficientemente dimensionadas; se ben tamén hai diferenzas por países. En tanto en Irlanda, con gran base de pastizais, os sobrecustos medioambientais de xestión dos xurros son case nulos e mesmo levaron a unha redución da aplicación de fertilizantes minerais, nos Países Baixos, a directiva de nitratos xenera un sobrecusto dun 1,6% pola falta de base territorial.

Na produción de vacún de carne, un sobrecusto sinalado no estudo radica na prohibición en Europa de fármacos permitidos en Estados Unidos para promover o crecemento das reses, os chamados beta agonistas, unha situación que tamén se repite no porcino coa ractopamina. Cando a carne da UE compite coa dos Estados Unidos en terceiros mercados ou cando a de Estados Unidos accede a mercados comunitarios, a produción europea compite en desvantaxe.

A produción de carne en Estados Unidos usa fármacos promotores do crecemento. En Europa están prohibidos

Viticultura
En agricultura, o estudo examina os casos da viticultura e da produción de trigo e de mazás e conclúe que en Europa prodúcese un sobrecusto de entre o 1 e o 3,5 % polo cumprimento das normativas comunitarias, principalmente as relativas á seguridade alimentaria e ó uso sostible de fitosanitarios.

En terceiros países produtores de froita hai menores requisitos medioambientais, aínda que o estudo precisa que as esixencias das cadeas de distribución europeas que mercan esas producións encarecen tamén os custos a niveis similares ós da UE.

“Se desaparecera toda a lexislación europea, non melloraría moito a competitividade de gandeiros e agricultores”

Conclusións
Así as cousas, a gran diferenza de gastos de produción entre a UE e terceiros países, máis que polo cumprimento da normativa comunitaria, débese ós menores custos laborais de terceiros países e en ocasións a unha maior produtividade ou a menores gastos de alimentación.

O informe sinala diferenzas de custos globais entre a UE e terceiros países de ata o 50%, unha cifra que a penas baixaría se se reduciran os gastos polo cumprimento das normativas comunitarias, que representan en Europa un sobrecusto de entre o 1 e o 10%: “Se desaparecera toda a lexislación europea relativa á seguridade alimentaria, protección do medioambiente e benestar animal, non melloraría moito a competitividade dos gandeiros e agricultores europeos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información