¿Cal é o nivel óptimo de proteína na ración de vacún de leite?

A proteína é esencial na dieta das vacas pero aportar demasiada deixa efectos na produtividade da gandería e provoca problemas ambientais derivados do exceso de nitróxeno que xera. Varios expertos dan as claves para optimizar o uso deste nutriente

¿Cal é o nivel óptimo de proteína na ración de vacún de leite?

Vacas en Granxa Riveira, en Cambás (Aranga)

¿Cal é o nivel de proteína adecuado para a ración de gando vacún de leite? A esta pregunta, de importantes consecuencias na saúde e produción do gando e na economía das granxas, responderon diversos expertos na xornada técnica “Granxas de leite: ¿Podemos ser máis eficientes?”, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo, dependente da Consellería de Medio Rural, en colaboración con ProEpla-USC.

A proteína é un nutriente esencial na dieta das vacas xa que achega aminoácidos para o animal e, ao mesmo tempo, fornece nitróxeno para os microorganismos do rume. A pesar de ser imprescindible, un exceso de proteína na ración das vacas en produción de leite trae consecuencias para a produtividade a distintos niveis e fai menos eficientes aos animais e á gandaría.

A clave está en calcular a dose precisa de proteína, en base a unha alimentación cada vez máis coidada, co fin de atopar o equilibrio. Ese punto intermedio permite achegar aos animais os aminoácidos precisos e reduce os problemas ambientais derivados da perda de nitróxeno por lixiviación ou por evaporación.

A proteína, indispensable para o rumen

As vacas non necesitan especificamente a proteína senón que, o que realmente precisan son os aminoácidos que se atopan nela, xa que son a única fonte de nitróxeno para o animal.

As vacas precisan da proteína polos aminoácidos, que son a única fonte de nitróxeno para o animal

O nitróxeno é fundamental para garantir o bo funcionamento do rumen, que ó mesmo tempo, é o engrenaxe que permite un aproveitamento óptimo dos alimentos por parte da vaca.

“Agardamos que tódolos alimentos sexan dixeridos polas vacas, pero o aproveitamento da ración pode variar moito e as vacas poden deixar comida sen dixerir. Non hai que esquecer que a produción do rabaño dependerá do rendemento da ración”, explica Henrique Prado, técnico de Alltech. A perda de comida tradúcese en cartos perdidos tamén para a gandería, xa que o custo en alimentación representa o 70% dos gastos totais da granxa.

Axustar o rendemento da ración, para evitar que as vacas deixen alimentos sen dixerir, reduce os gastos en alimentación

Obter o máximo proveito da dieta implica incrementar a síntese de proteína microbiana, aumentar a dixestión da fibra e o rendemento leiteiro, reducir as excretas e mellorar a eficiencia da alimentación.

Menos proteína na ración pero máis rendemento económico: 

Evolucion-e-gasto-na-racion-en-funcion-da-proteina-

Reducir o nitróxeno consumido proporciona un aforro económico á gandería.

Por iso, cada vez máis, a alimentación de precisión, cunha composición da ración axeitada, supón “unha oportunidade para as ganderías, aínda que non sexa fácil, xa que monitorear ós animais é difícil”, como apunta Francisco Maroto, da Universidade de Córdoba.

Para o experto é determinante o papel do gandeiro e do técnico para conseguir unha produción máis eficiente en canto á dieta, de maneira que non terminen desaproveitándose nutrientes. Maroto fai fincapé tamén en que: “converter máis nutrientes en leite implica menos residuos producidos tales como o nitróxeno”, puntualiza.

En que emprega a vaca a proteína?

Arredor do 28% da proteína inxerida pola vaca é convertida en proteína láctea mentres que a maior parte remata expulsada, o que conleva a acumulación de nitróxeno tanto nas feces (24%) ou nos ouriños (40%). A vaca tamén retén en torno ó 6%, como recolle Javier López, responsable de rumiantes de Kemin.

Preto do 70% do nitróxeno que inxire a vaca por medio da proteína termina perdéndose

Así, preto do 70% do nitróxeno que inxire a vaca por medio da proteína termina perdéndose o que, ademais, supón un problema ambiental. Este é un dos motivos polos que se fai preciso adecuar a inxesta de proteína bruta na ración.

Problemas do exceso de proteína

O aporte excesivo de proteína na ración provoca consecuencias negativas directas tanto no propio animal como no conxunto da gandería, e provoca un maior gasto económico en pensos máis proteicos.

Custo enerxético

De feito, un dos principais efectos é que a vaca ten máis dificultades para xestionar a proteína, é dicir, baixa a eficiencia no uso da proteína que fai o animal.

A inxesta excesiva de proteína ten un efecto perxudicial nos requirimentos de enerxía nas vacas de alta produción. Observouse que máis de 1 gramo extra de proteína bruta ó día por vaca leva a que tamén se incrementen as necesidades de enerxía en 13,3 quilocalorías de enerxía dixestible, é dicir restando xa a enerxía que se deriva das feces, segundo os datos manexados polo técnico Henrique Prado.

Un exceso de proteína de 230 gramos ó día por vaca supón un gasto enerxético igual ó que a vaca precisa para producir 2 quilos de leite

Así, uns 230 gramos ó día de proteína bruta en vacas sobrealimentadas en proteína implican uns 27,8 megaxulios de enerxía dixestible, que é o que a vaca precisa para producir 2 quilos de leite.

Exceso de nitróxeno

Regular a entrada de nitróxeno no organismo da vaca, en forma de proteína, vai conseguir tamén que se reduzan as emisións de nitróxeno que produce o animal e que supoñen un problema medioambiental. Deste xeito, búscase unha eficiencia do uso do nitróxeno que se calcula tendo en conta o nitróxeno presente no leite e na dieta.

Calculo-excrecion-de-nitroxeno-nunha-granxa

Cálculo da excreción de nitróxeno nunha gandería de 320 vacas.

O control da urea no leite resulta unha ferramental útil xa que permite avaliar tanto o estado nutricional como proteico do animal. Estas medicións posibilitan utilizar dun xeito máis eficiente a proteína e a enerxía, optimizando a produción de leite e reducindo a excreción de nitróxeno ó ambiente.

Un bo obxectivo nas ganderías de leite é conseguir unha eficiencia de uso de nitróxeno próxima ó 30%

Estímase que un bo obxectivo para alcanzar nas ganderías de leite é conseguir unha eficiencia de uso de nitróxeno próxima ó 30%. Recollemos algúns exemplos do cálculo destes índices de eficacia en distintas ganderías que manexa o asesor veterinario Ángel Ávila.

– Caso 1: Granxa cunha produción de 32 quilos de leite por vaca ó día con 3% proteína, con 22 quilos de materia seca e 18,5% proteína bruta. A eficiencia en nitróxeno é do 23%
.

– Caso 2: Granxa cunha produción de 33 quilos de leite por vaca ó día con 3,15% proteína, 22 quilos de materia seca e 17,5% de proteína bruta. A eficiencia en nitróxeno é de 26,5%
.

– Caso 3: Granxa cunha produción de 33 quilos de leite por vaca ó día con 3,3% proteína, 22 quilos de materia seca e 16,5% de proteína bruta. A eficiencia en nitróxeno é de 29,6%

Para a vaca, sintetizar a urea e a súa excreción suponlle tamén un gasto enerxético para o seu organismo. Eliminar cada gramo de nitróxeno en exceso que se produce repercute na capacidade de produción de leite.

Ávila estima que pasar dunha ración do 17% de proteína bruta ó 16% consegue reducir o gasto de urea en 0,32 megacalorías equivalentes ás necesarias para producir 0,42 litros de leite.

Perda de aminoácidos

O exceso de proteína bruta pode derivar, ademais, nun desequilibrio que inflúe directamente na produción da proteína láctea onde é preciso unhas determinadas concentracións mínimas dos aminoácidos de Lisina (6,8%) e 2,2% Metionina.

Neste senso, o asesor veterinario Ávila recolle algúns dos alimentos que aportan estes aminoácidos e que deberan incluírse na ración.
Aporte-de-aminoacidos-na-racion-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información