Caixa Rural Galega asinou coa Fundación Juana de Vega un acordo de mecenado para ser unha das entidades cofinanciadoras do proxecto de bioeconomía “Saberes do Monte: coñecemento tradicional e custodia para un monte vivo”. Manuel Varela López, presidente de Caixa Rural Galega, e Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, foron os encargados de asinar o convenio.
Así, Caixa Rural Galega achegará 56.800 euros repartidos en tres anualidades ata finais de 2028 para reforzar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa. En concreto, destinaranse a apoiar instrumentos de xestión forestal e a intervencións no territorio orientadas ó pastoreo extensivo como ferramenta de conservación e prevención de incendios.
A través de Saberes do Monte, apoiaranse as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto de Galicia para facilitar a conservación de hábitats prioritarios. En concreto, a Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Ancares e O Courel (Lugo) e Serra da Groba (Pontevedra). Case 22.000 hectáreas que abarcan os municipios do Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba, Negueira de Muñiz, Cervantes e Folgoso do Courel (Lugo), Oia e O Rosal (Pontevedra).
O proxecto integrará coñecemento tradicional, custodia do territorio e restauración ecolóxica para reforzar a infraestrutura verde destas zonas de Galicia e promover a resiliencia fronte ao cambio climático e os incendios forestais.
Marca ‘Saberes do monte’
Ademais, consolidarase a marca colectiva Saberes do Monte para valorizar en circuítos curtos os produtos resultantes da actividade de gandería extensiva, apicultura e ecoturismo. Outros eixos estratéxicos do proxecto serán o impulso ao emprendemento rural como ferramenta para fixar poboación e o reforzo da gobernanza participativa, promovendo unha maior presenza das mulleres nos espazos de toma de decisións.
A finais de 2028, o proxecto aspira a demostrar que biodiversidade, bioeconomía rural e emprego verde poden constituír ferramentas estratéxicas para consolidar un monte vivo, produtivo e máis resiliente fronte aos incendios forestais e ao cambio climático.
O consorcio de Saberes do Monte está liderado pola Fundación Juana de Vega e integra un equipo multidisciplinar conformado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT).
A alianza combina coñecemento científico, experiencia en xestión territorial e traballo directo coas comunidades locais, garantindo unha abordaxe integral que conecta investigación aplicada, gobernanza participativa e intervención práctica no territorio.
A iniciativa continúa así un proxecto xa executado que fora apoiado pola Fundación Biodiversidad.
Galego










Control OJD