Caixa Rural Galega concluíu satisfactoriamente o exercicio 2020, cun beneficio lixeiramente superior ao do ano anterior, unha vez realizadas importantes dotacións para blindarse dos efectos que a pandemia poida ter durante o 2021, cando se retiren os diferentes estímulos públicos establecidos.
Para alixeirar a carga que está a supor a Covid-19 sobre os seus socios e clientes, a entidade estableceu unha serie de medidas que tratan de aliviar as cargas financeiras de particulares e empresas. A tal fin concedéronse moratorias a empresas e particulares por valor de 11 millóns de euros, co fin de acompasar os calendarios de amortización á xeración dos recursos para a súa atención.
Tamén se participou nas liñas Covid instauradas polo ICO, concedendo financiamento por máis de 40 millóns de euros. Sobre estas liñas están a concederse ampliacións de prazo e/ou carencia, segundo o establecido nos diferentes Reais Decretos publicados co obxectivo de preservar a aquelas empresas que sendo viables, afrontan dificultades de liquidez.
Outra ferramenta impulsada por Caixa Rural Galega foron os mecanismos para adiantar o pago dos ERTES e prestacións de desemprego aos traballadores afectados, para evitar que os atrasos do Servizo Público de Emprego afectasen á percepción dos ingresos.
Dentro desta difícil conxuntura, a entidade galega foi capaz de incrementar os depósitos e o investimento crediticio, superando as dificultades que se presentaron e mantendo o emprego e as oficinas, sen peches nin recortes.
Máis préstamos hipotecarios
En canto aos resultados, a entidade conseguiu mellorar lixeiramente o resultado do exercicio anterior, baseándose nunha maior comercialización de préstamos (fundamentalmente hipotecarios, para a adquisición de vivenda) e unha maior achega das comisións derivadas da venda de seguros.
Os crecementos alcanzados nos depósitos (+19%) e no investimento crediticio (+24%) referendan o modelo de negocio da Entidade, baseado nunha proposta de produtos sinxelos, trato personalizado e moderación no cobro de comisións.
Como medida compensatoria para evitar que estes crecementos empeoren os cocientes de apalancamento e solvencia, a Entidade está a proceder nestes momentos a emitir novo capital social entre os clientes que o soliciten, garantindo un importe mínimo a cada solicitante para conseguir que un maior número de socios poidan participar.
A pesar da adversa conxuntura, marcada por un importante retroceso do PIB nacional, a entidade conseguiu reducir a cifra de morosidade e situala no 3,5%, o que supón unha redución fronte á rexistrada ao peche do exercicio anterior de máis dun punto porcentual. Así mesmo,a cobertura da morosidade mellorou até alcanzar un 70%.
A Entidade, presidida por Manuel Varela, ten abertas na actualidade 47 oficinas, sen variación con respecto ao ano anterior, e emprega a 155 traballadores.