Caída dun 30% no consumo de fertilizantes en España este ano debido á seca e os altos prezos

As empresas fabricantes e comercializadoras garanten a subministración de produto para a actual campaña de sementeira. En Galicia as pradeiras trala colleita de millo faranse a base de cal e purín

Reunión del ministro Luis Planas con asociaciones empresariales del sector de los fertilizantes

Reunión do ministro Luis Planas con asociacións empresariais do sector dos fertilizantes

Os altos prezos que alcanzaron os fertilizantes neste ano (e que aínda manteñen), sumado aos efectos da importante seca sobre o chan e as colleitas, provocaron un descenso considerable no uso de abonos químicos en España.

A caída estaría próxima a un terzo no cómputo total do ano, cando está a piques de iniciarse en amplas zonas a campaña de sementeira do cereal de inverno, con subministración garantida, a pesar do peche de plantas de fabricación en toda Europa debido ao elevado prezo do gas natural.

O ministro de Agricultura, Luis Planas, reuniuse a pasada semana na sede do Ministerio con representantes do sector dos fertilizantes para analizar a situación actual e intercambiar información sobre o mercado tanto en España como en Europa.

Á reunión asistiron representantes da Asociación Nacional de Fabricantes de Fertilizantes (ANFFE), da Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER) e da Asociación Española de Fabricantes de Agronutrintes (AEFA).

A falta de choivas modificou as decisións tanto de sementeira como de compra de fertilizantes por parte dos agricultores

O presidente de ANFFE, Javier Goñi, que o é tamén de Fertiberia, garantiu ao ministro, en nome da asociación que aglutina ás principais empresas fabricantes, a dispoñibilidade de subministro en cantidade suficiente para a presente campaña de sementeira.

“A idea que transmitimos é que a pesar de todas as circunstancias, o produto está asegurado para esta campaña de sementeira. Abonos complexos si que hai; o problema é nos nitroxenados, pero pola nosa localización xeográfica aquí en España non dependemos tanto de Rusia como outros países, como pode ser o caso de Alemaña ou Polonia”, aclaran.

A urea tráese fundamentalmente de importación de varias orixes, como o norte de África, debido a que o elevado prezo do gas natural fai inviable economicamente a súa produción en España. De feito, nestes momentos Fertiberia, principal fabricante español, mantén pechada a súa planta de Palos de la Frontera, en Huelva.

Mantéñense prezos elevados

O ministro Luis Planas agradeceu ao sector dos fertilizantes os esforzos realizados durante o ano pasado e durante o actual para garantir a subministración e abastecemento de fertilizantes.

Luis Planas apuntou que para manter os niveis de produción da agricultura española é necesario que os agricultores poidan ter á súa disposición fertilizantes “en cantidade, calidade e tempo adecuados e a prezos asequibles”.

Mais esta última premisa non se cumpre este ano, no que os principais nutrintes duplicaron ou mesmo triplicaron o seu prezo, encarecendo notablemente os custos de sementeira tanto na primavera como agora no outono. Existe grande volatilidade no mercado, xa que inciden o alto prezo do gas e a electricidade pero tamén outros factores de carácter xeopolítico a nivel global.

Redución drástica de consumo pola seca

Os problemas xerados pola seca, que afectaron á colleita e ás decisións de sementeira e abonado dos agricultores, acabaron influíndo tamén no uso de fertilizantes, que se reduciu de forma notable no que vai de ano.

Segundo os datos que manexan os principais fabricantes, en 2021 o volume de abonos químicos utilizados polos agricultores baixou un 4% en España, pero en 2022 arrástrase un descenso moito máis importante.

“Este ano foi un horror para o sector. Levamos acumulado un 30% de caída de consumo ata o de agora, aínda que esperamos que na sementeira se recupere un pouco”, detallan en ANFFE, que piden ao Goberno “conciliar a cuestión climática coa soberanía alimentaria para non depender de terceiros países, porque se non hai fertilizantes, non hai colleita”, resumen.

Sementeira de pradeiras só con cal e xurro

O calendario da campaña de abonado en Galicia, onde as empresas subministradoras e comercializadoras non empezan a falar de fertilizantes ata finais de ano, é totalmente distinto ao de outras comunidades, máis centradas na producción de cereais e onde o uso de abonos se reparte entre a primavera e o outono.

Por contra, as explotacións de leite galegas non acostuman empregar abono nesta época, xa que para a renovación das terras do millo e a sementeira das pradeiras usan fundamentalmente purín, procedente das propias granxas e almacenado nas fosas de xurro durante os meses do verán.

En Galicia o uso de abonos químicos concéntrase na primavera: en febreiro e marzo na herba de ensilar e en maio para labrar o millo

O fertilizante úsano despois en febreiro antes do primeiro corte de herba para ensilar e en marzo ou abril antes do segundo corte, e logo despois xa para a sementeira do millo no mes de maio.

 “Ata final de ano non hai compras significativas. Como moito as ganderías botan man nesta época de algo de cal para encalar as terras”, explican as empresas que comercializan fertilizantes en Galicia.

Como a cousa siga así o fertilizante vaise converter nun artículo de luxo para moitas explotacións

Tampouco as explotacións de carne acostuman abonar nesta época, e menos en anos con prezos elevados coma este. Por iso, “esta vai ser ser unha campaña con pouco movemento de produto como a do ano pasado, porque a xente cos prezos actuais non fai grandes acopios”, recoñecen.

En canto ao consumo, o uso de fertilizantes convencionais e nitratos baixou un pouco este ano en Galicia, sustituídos nalgúns casos por abonos complexos. “Houbo clientes que postos a pagar, non quixeron escatimar e preferiron abonar con produtos de máis calidade”, aseguran.

Peche de plantas de fabricación en toda Europa debido ao elevado prezo do gas natural

O prezo do gas impactou de forma moi significativa na produción de fertilizantes nitroxenados en Europa. Nestes momentos, os custos enerxéticos teñen provocado un descenso do 70% da produción europea deste tipo de abonos.

Para esta compaña de outono que está a piques de comezar, a UE verase abocada a incrementar a importación de abonos debido ao peche de plantas de fabricación en territorio europeo polo elevado prezo que está a alcanzar o gas natural e a caída de reservas e stocks como consecuencia da resposta de Rusia ás sancións impostas pola UE.

O motivo principal do encarecemento producido este ano débese aos elevados prezos do gas natural, elemento esencial para a elaboración de fertilizantes

A guerra en Ucraína dificulta ademais esas importacións, debido a que ambos os países en conflito eran tradicionalmente os principais produtores de materias primas e fertilizantes que chegaban á UE, sobre todo a países do centro e norte de Europa, que se viron abocados a buscar novos subministradores.

A asociación europea de fabricantes de fertilizantes, Fertilizers Europe, emitiu a finais de agosto unha nota de prensa alertando unha vez máis de que o aumento vertixinoso dos prezos do gas natural ten provocado a redución ou o peche da maioría das plantas europeas de fertilizantes.

A maioría de plantas de fabricación en distintos países europeos están pechadas ou reduciron drasticamente a súa produción

Cun custo do gas natural entre 8 e 10 veces superior na UE en comparación con Estados Unidos, e aínda maior en comparación con outros países produtores de fertilizantes do norte de África, por exemplo, os fabricantes europeos non poden competir nin no mercado doméstico nin no mundial. Como resultado, reduciuse a capacidade de produción europea en máis dun 70%, detallan.

O custo do gas é 10 veces superior na UE que en EEUU, o que provocou unha caída da produción europea de fertilizantes nun 70%

Por iso, os fabricantes instan á Comisión Europea a que estableza medidas urxentes e decisivas para afrontar esta crise e que permitan restablecer a produción europea de fertilizantes. “É fundamental que a agricultura da Unión Europea sexa autosuficiente na subministración de fertilizantes para poder asegurar a nosa seguridade alimentaria a longo prazo”, din.

Procura de novos produtos

Desde ANFFE, a asociación que engloba aos principais fabricantes españois de fertilizantes, destacan o “esforzo” das empresas do sector para evitar a dependencia do gas.

En España están en marcha proxectos como a obtención de amoníaco verde, que está a levar a cabo Fertiberia, ou a extracción de nutrintes de fontes alternativas, por exemplo biorresiduos, en liña cos plantexamentos da economía circular.

O emprego de bioestimulantes poida que sexa o futuro en Europa, onde é difícil fabricar comodities e competir nese campo con outros países

“O problema é que non temos materias primas fosfatadas, só temos potasa, de aí a procura doutras fontes. O emprego de bioestimulantes poida que sexa o futuro en Europa, onde é difícil fabricar comodities e competir nese campo con outros países; hai que ir a produtos de maior valor engadido”, conclúen. En Galicia, empresas como o Grupo Soaga xa se lanzaron a ese campo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información