O Sindicato Labrego Galego solicita unha reunión coa Consellería do Medio Rural para reclamar un plan de apoio ás persoas produtoras de faba con axudas específicas e, tamén, a posta en marcha dun proxecto de investigación destinado a loitar contra as enfermidades que afectan a este cultivo.
Actualmente, a maioría das produtoras e produtores de faba da Mariña enfróntanse a unha situación na que dispoñen de menos do 20% da colleita habitual doutros anos, o que significa que se perdeu máis do 80% da produción.
Isabel Vilalba Seivane, secretaria do SLG, explica que “o problema foron sobre todo as enfermidades do cultivo polas chuvias constantes todo o verán na zona da Mariña, non houbo 3 días seguidos sen que non chovera”.
A zona de produción, almacenamento e envasado da faba abarca o territorio da Mariña Luguesa (A Mariña Occidental, Central e Oriental). No mercado de Lourenzá véndense arredor de 600.000 kg anuais de faba.
“Aínda que se chaman fabas da Lourenzá trátase dunha produción que engloba o territorio da Mariña, de feito estímase que se produce na Galiza o 30% de toda a leguminosa que hai no estado español, e a maioría incluso está na Mariña”, apunta Isabel Vilalba.
O Sindicato Labrego Galego alerta da grave situación que atravesa a Mariña debido ás perdas no cultivo de faba, que afectan tanto ás persoas produtoras como á economía da comarca.
Por este motivo, solicitan con urxencia unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural para buscar solucións, incluíndo “unha liña de axudas para as produtoras e os produtores ante as perdas” e medidas para combater as enfermidades derivadas dos cambios climáticos.