
A campaña da castaña deste ano en Galicia foi mala a nivel xeral. Esa é a valoración que fan os produtores e operadores das diferentes comarcas castañeiras galegas. Máis aló das causas puntuais que levaron a esta mala colleita, dende o sector sinalan problemas estruturais sobre os que habería que actuar para que non se siga perdendo produción.
Castañas Rafael (Valdeorras): “Os incendios reduciron nun 90% a colleita en Valdeorras”
A comarca de Valdeorras é a de máis produción de castaña en Galicia e na que a campaña deste ano foi a peor. A causa estivo nos incendios de agosto. Juan Fernández, responsable da industria Castañas Rafael e Presidente da Rede Estatal do Castiñeiro, sinala que se perdeu o 90% da produción.
“Os incendios foron devastadores porque queimaron soutos enteiros e perdéronse moitas árbores. Moitas masas arboradas desapareceron para sempre e outras quedaron tan danadas que precisarán de moito tempo e traballo para podelas recuperar. Das castes temperás non se recolleu practicamente nada e das medianas e tardías a recollida foi case anecdótica.”, di Fernández.
Perdemos competitividade e tardaremos en recuperala (Juan Fernández, Castañas Rafael)
O responsable de Castañas Rafael sinala que, se ben a castaña é un complemento de rendas para a meirande parte dos produtores, a suma conxunta supón un importantísimo aporte económico para Valdeorras co que este ano xa non se vai poder contar e a curto prazo quedará moi reducido.
Para as industrias como a de Fernández, a perda dese 90% de produción supón ter que acudir a outros mercados para se abastecer, o cal pode supoñer unha perda de competitividade. “En Verín ou Viana do Bolo a colleita foi relativamente normal. Porque o lume afectou menos e porque teñen castes tardías, que se deron moderadamente ben. Pero cos nosos provedores de Valdeorras xa non puidemos contar.”

Os incendios de agosto arrasaron numerosos soutos en Valdeorras
Ademais do lume, Fernández tamén apunta as condicións climáticas. “Houbo moitísima calor boa parte da primavera e todo o verán. E as chuvias non chegaron ata ben entrado novembro. Eso xa ía afectar os castiñeiros seriamente, independentemente dos incendios. Estamos vendo como en Extremadura e Portugal, onde non houbo lumes, a produción de castaña baixou notablemente este ano. Pola seca e a calor.”
A perda de produción aínda é máis dolorosa porque o estado sanitario e a calidade organoléptica das castañas este ano é excepcional. Nin chancro, nin tinta nin avespiña afectaron apenas e tan só o verme tivo unha pequena incidencia.
Por outro lado, os castiñeiros que se perderon en Valdeorras eran de castes sativa, que teñen -di Fernández- moita máis calidade que as híbridas e moitas máis aplicacións culinarias e de transformación en produtos elaborados.
Máis aló do que pasou nesta campaña, hai que afondar na profesionalización para non seguir perdendo produción
Malia as enormes perdas, o empresario prefire evitar o dramatismo. “O sector e o mercado da castaña son cada vez máis globais. Cando falla unha rexión produtora, funciona perfectamente outra. Por suposto que todos queremos vender máis, pero sempre temos froito para traballar. Especialmente no mercado europeo.”
Máis aló desta campaña, Fernández cre que hai que actuar para profesionalizar o sector, de xeito que poida haber agricultores que vivan dos castiñeiros e que haxa máis industrias que poidan operar comercializando castaña galega. “Só así conseguiremos frear a perda de produción, o abandono dos soutos e o despoboamento rural.”
Xosé Manuel Guerra (comcarca de Verín): “Incluso estando os soutos limpos, o lume afectou igual pola maleza dos arredores”
No sudeste da provincia de Ourense, unha das zonas máis produtoras de Galicia, a campaña estivo marcada polos incendios de agosto. “Houbo parroquias onde arderon moitos castiñeiros e outros quedaron moi deteriorados. Incluso estando os soutos limpos, o lume afectou igual pola maleza dos arredores. Eso supuxo unha perda de cantidade e agora haberá que traballar cos que se deterioraron para ver se se poden recuperar.”, di Xosé Manuel Guerra, produtor e Presidente da Asociación da Castaña de A Gudiña.
“Aínda que o lume non entrara no souto, os castiñeiros chamuscáronse pola calor e os refachos de lume que os tocaron dende as zonas de maleza lindeiras. A falta de limpeza na contorna dos soutos levou a que os incendios reduciran enormemente a colleita dete ano.”, explica Guerra.
Aínda que os soutos estean coidados, o lume acáballes afectando se a contorna non está limpa e coidada (Xosé Manuel Guerra, produtor de A Gudiña)
O lume e as altísimas temperaturas que causou fixeron que os castiñeiros non polinizaran axeitadamente, que desapareceran boa parte dos ourizos de árbores en produción ou que os calibres das castañas se reduciran moito máis do habitual.

Nin sequera a rega puido paliar os efectos da seca e os lumes no Oriente ourensán
Pero, independentemente do lume, a campaña xa se agoiraba baixa en canto a produción nesta zona. “A falta de auga xa viña dende xuño. Os que procuramos ter os soutos profesionalizados facemos regas cando vemos que é preciso. E cada ano é máis preciso. Desta vez aínda regando e sen non houbera lumes ía ser moi difícil ter un volume importante de froito.”
No que coincide Guerra con produtores doutras zonas de Galicia é en sinalar que nesta campaña o estado sanitario das castañas era óptimo. Algo que quedou demostrado nas castes tardías (as que caen a partir da última semana de outubro) que se viron favorecidas polas primeiras chuvias do outono e amosaron unha saúde excelente.
“Aquí, por ser zonas de montaña, temos castes sativa moi valoradas pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia. Soen vir máis tarde que as outras e por eso aguantan mellor a falta de humidade, as enfermidades e as pragas.”
Outro factor que incidiu negativamente na campaña é que cada vez secan máis castiñeiros vellos. “Sería precisa unha revalorización de soutos. Porque os castiñeiros grandes e vellos son os que dan máis froito. O manexo agronómico permitiría recuperar esas árbores máis antigas que precisan podas, demoucados, limpezas…”, explica Guerra.
Nesta zona -e case en toda Galicia- e neste contexto de caída da produción, os prezos en orixe situáronse entre 1,50-1,70 euros o quilo para as castañas a granel e entre 2,70-2,80 euros para as clasificadas por lotes e calibres homoxéneos e con froitos sativa sans e de calidade. E, sinala Guerra, toda a produción ten a compra garantida.
Hai que valorizar e revalorizar os soutos. Porque estamos perdendo moitos castiñeiros vellos, que son os de máis e mellor rendemento
Un aspecto positivo nesta zona é que hai produtores que teñen ata un 90% da produción das castes ventura ou famosa. Dese xeito, élles máis doado ofrecer á industria lotes homoxéneos, que son os máis demandados e mellor pagados. Algo que pode aliviar a mala campaña.
Guerra cre que a falta de industrias, aínda que sexan medianas e pequenas, en boa parte de Galicia fai que os produtores teñan que recorrer a intermediarios, o cal pode diminuír as marxes de beneficio, como sucede con calquera produto agrario. E lamenta tamén a escaseza de viveiros que faciliten plantas sativa autóctonas galegas adaptadas a cada territorio produtor de Galicia.
Cooperativa Amarelante (Manzaneda): “Nos momentos en que a chuvia era máis necesaria non caeu nin pinga”
Tamén os lumes de agosto tiveron unha incidencia directa na campaña na zona da montaña ourensá. Óscar Freire, da Cooperativa Amarelante de Manzaneda, explica que houbo lugares onde arderon numerosos castiñeiros e eso reduciu notablemente a produción na zona.

Os castiñeiros de castes tardías atenuaron a mala colleita na montaña ourensá
Pero Freire explica que a campaña xa partía con malas expectativas. “Nos momentos en que a chuvia era máis necesaria non caeu nin gota. Así é imposible obter unha cantidade suficiente de froito. E esto xa se arrastra dende hai anos. Calculamos que este ano a colleita vai ser inferior nun 30% á do ano pasado nas zonas non afectadas polo lume.”
Por castes, as máis temperás presentaron un tamaño moi reducido pero unha alta calidade e un perfecto estado sanitario. E as máis tardías víronse favorecidas polas chuvias de setembro e aínda se recolleron ata mediados de novembro. “Nun ano normal, as castes temperás traen un 20% de insectos. Este ano apenas trouxeron. Por eso foi unha mágoa que houbera tan pouca.”, di Freire.
A mala colleita en canto a produción aínda se fai máis lastimosa porque os froitos que quedaron están nun estado sanitario excelente (Oscar Freire, Amarelante)
Tamén nesta parte de Ourense a ausencia de industria leva a que haxa que tratar con intermediarios. En Amarelante teñen tres liñas de produto elaborado con castaña e funcionan como unha especie de centro de distribución para distribuidores da zona. Pero os volumes son pequenos para pensar nunha profesionalización a curto prazo.
Freire sinala que as castes sativa galegas sempre van ter demanda e a produción véndese íntegra independentemente do seu volume. “Un produto coma este, de alta calidade, está moi demandado. Por eso é unha pena que non se produza máis e que esta campaña baixara tanto a produción.”
O socio de Amarelante cre que a produción seguirá descendendo nos vindeiros anos. “O cambio climático está aí. Cada vez chove menos e as temperaturas son máis elevadas. O castiñeiro pode resistir o cambio, pero a produción vaise ver reducida porque o primeiro que fai a árbore para sobrevivir é prescindir do froito.”
Provincia da Coruña: Colleita abondosa e bo estado sanitario
As Rías Altas e en xeral a faixa atlántica galega tiveron unha colleita que se pode cualificar de moi boa. Se ben son zonas de plantacións pequenas e, polo tanto, producións reducidas, o certo é que o froito recollido por árbore foi abondoso e de moi alta calidade e excelentes condicións sanitarias.

Na faixa atlántica a colleita foi boa en canto a calidade e cantidade
“En comparación con outros anos, podemos falar de éxito. A cantidade e calidade foron excelentes tanto nas castes máis temperás como nas máis tardías. A seca non afectou tan fortemente como noutras zonas de Galicia”, sinala José Antonio Liñares, produtor de Cerceda e Presidente da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos (AGCS).
Unha valoración climática na que coincide José Manuel Queijas, produtor tamén en Cerceda e Secretario da AGCS. “As altas temperaturas de agosto, combinadas cos días de chuvia que tivemos en setembro foron de moita axuda. Especialmente para as castes tardías como a xudía, que aínda está a caer durante novembro.”
Na faixa atlántica tivemos moi boa colleita porque o clima axudou e as pragas apenas afectaron (Asociación Galega das Castañas e dos Soutos)
Liñares e Queijas destacan que os momentos de máis recollida coincidiron con días secos, o que contribuíu a que o estado sanitario fose bo e os froitos estiveran libres de fungos e insectos. Con todo, sinalan que hai pragas que aparecen no momento da floración e que son independentes das condicións na época de recollida. Algo que este ano, por fortuna, non sucedeu.
En canto a prezos en orixe, os produtores de Cerceda indican que hai moita oscilación. “Se metes a castaña en cámaras inmediatamente despois de recollela e a entregas seleccionada e por lotes o máis uniformes posible o prezo será moito máis elevado que se a vendes a granel e sen manexala.” Os cribados que fan os maioristas para comprobar o estado sanitario tamén inflúen, de xeito que pode haber diferencias de ata 1,50 euros por quilo entre produtores da mesma zona.
Os dous produtores indican que a variedade parede é a que está a ter máis adaptación e resultados na súa zona e pode ser a predominante nos vindeiros anos. Tamén cren que o cambio climático pode favorecer o cultivo na faixa atlántica a medio prazo polo cambio nas condicións do clima nas zonas tradicionalmente produtoras.”
Os Ancares
Radicalmente distinta foi a situación nos Ancares lugueses. A Cooperativa Carqueixa nin sequera contempla facer negocio este ano coa castaña debido ao extremadamente mala que foi a colleita. “Nin sequera estivemos a recoller. Foi un ano catastrófico.”, explica Román Sánchez, xerente da cooperativa.
Sánchez sinala que enfermidades e pragas como a tinta, a avespiña ou o chancro tiveron unha importante incidencia este ano. “E a mediados da primavera padecemos unha treboada que cortou a floración e que mesmo danou algunhas árbores.”
A campaña foi tan mala que en moitos lugares xa nin recollemos. É un ano perdido (Román Sánchez, A Carqueixa)
Na Carqueixa levaban un proceso lento pero continuo de recuperación da produción de castañas por parte dos socios pero este ano viuse freado radicalmente. “Nin sequera podemos facer unha valoración do que se salvou porque foi anecdótico. Xa nin o contamos.”

A campaña deste ano nos Ancares deuse por perdida
Se ben a castaña é unha actividade secundaria nos Ancares, moi por detrás da gandería, o certo é que para moitas familias e socios da Carqueixa supón un importante complemento de rendas. “Outros anos había quen sacaba 10.000 ou 15.000 euros coas castañas e este ano non os vai ter. Non cabe dúbida de que para eles é un golpe duro.”
Con todo, o que máis preocupa é que nas zonas onde as árbores están mellor coidadas, onde o clima non afectou tan negativamente e onde as pragas e doenzas apenas apareceron, tampouco houbo produción. “Xa ten pasado algunha vez. As castañas non saen e non temos unha explicación para ese fenómeno.”
Manuel López “Vilariño” (IXP Castaña de Galicia): As castes de media estación e tardías foron as que salvaron en certa medida esta campaña. As temperás apenas produciron
Dende decembro de 2024, a IXP Castaña de Galicia abrangue todo o territorio galego. Por eso, a IXP pode ter adscritos produtores de calquera comarca, o que lle confire maiores responsabilidades. O seu secretario, Manuel López “Vilariño”, fala dunha campaña moi diversa polas diferentes condicións e circunstancias de cada zona de Galicia.
“Na metade occidental de Galicia, e sobre todo na costa, choveu moito máis que no interior, que é a zona tradicionalmente produtora. Eso inflúe no resultado final de produción. O que constatamos é que as castes temperás foron escasas e de pequeno tamaño por causa da seca.”, di Vilariño.
As variedades de media estación e tardías, nas zonas onde choveu, foron de alta calidade e máis abondosas do que cabía esperar. Incluso en zonas de interior como Verín, Sarria, Baralla ou Chantada. “Malia os moitos condicionantes negativos -seca, incendios, afectacións na floración…- podemos dicir que a calidade e o estado sanitario desta colleita en castes medias e temperás foi notablemente mellor que en anos anteriores.”

A IXP Castaña de Galicia fala dunha colleita reducida pero de moi alta calidade
Fungos como a antracnosis ou o fusarium, que non se ven por fóra da castaña pero poden estar presentes por dentro, causaron bastantes problemas en campañas anteriores. Este ano, nas castañas que se lle presentaron á IXP non se detectou unha presencia significativa.
Vilariño admitiu que as castañas amparadas pola IXP non dan unha imaxe completa do sector. “Nós só certificamos castañas cunha plena garantía sanitaria, de calidade e de trazabilidade. Pero o sector é moi amplo e hai moitos operadores e moitas operacións que non sempre quedan rexistradas. En todo caso, podemos afirmar que nesta campaña teremos menos froito na IXP pero cunha maior calidade.”
Os prezos e cantidades recollidas oscilan dunhas comarcas a outras. Pero, como IXP, en todas elas está garantida a calidade e a sanidade do froito
Co fin de mellorar a situación da castaña galega -especialmente en campañas malas como a actual- a IXP está a promover que nos lineais dos puntos de venda se obrigue a diferenciar entre as castañas sativa e as híbridas. “O consumidor ten que ter toda a información e despois decidir en que quere gastar o seu diñeiro e en que cantidade.”
A falta de confirmación oficial, Vilariño calcula que as castañas adscritas á IXP se estean comercializando a entre 1,40 e 3 euros. “Hai que ter en conta os calibres, as variedades, as castes, as mermas, o estado sanitario…inflúen moitos factores e eso explica os diferentes prezos.”
Galego









Control OJD