Cae un 70% a colleita de mazá de sidra en Galicia e soben os prezos

A produción reduciuse notablemente nesta campaña, chegando a manifestar unha caída dun 70% en certas zonas como A Estrada. A pesar de que a meteoroloxía durante o callado non axudou, a causa principal foi a coincidencia co ano de descarga destas árbores

Publicidade
Cae un 70% a colleita de mazá de sidra en Galicia e soben os prezos

A colleita de mazás de sidra deste ano coincidiu cun ano de descarga polo que se obtivo un 30% aproximadamente da cantidade do 2021

A colleita de mazás de sidra deste ano non tivo un bo balance de cantidades. A diminución da produción en certas zonas de tradición de cultivo como A Estrada, con respecto ao ano pasado, chegou ao 70%. Deste xeito, a recollida pecharase progresivamente por moitas zonas de Galicia a partir da semana que ven, cun número de quilos reducido que trouxo como consecuencia unha lixeira subida de prezos. “O ano pasado rematamos o 20 de novembro, pero este ano esperamos ter acabado a partir da semana que ven”, detalla Miguel Soto, produtor da comarca da Estrada, unha das principais localidades produtoras de mazá de sidra en Galicia.

Os fortes ventos e, sobre todo, as choivas durante o período de floración motivaron un descenso da capacidade produtora das maceiras, pero a causa principal “é a coincidencia co ano de descarga das árbores”, explica o enxeñeiro agrónomo e presidente da Cooperativa Cabrinfolla, Francisco Otero. Deste modo, “a gran loita da fruticultura é regular as producións, e abandonar estas tendencias bienais”, matiza.

Unha colleita con cantidade reducida

A superficie de explotación de mazá para sidra da comarca da Estrada chega ás 100 hectáreas de terreo en produción, aproximadamente. Dende os últimos anos ata o de agora “ampliouse a plantación de maceiras pero, polo momento, teñen que pasar sobre 3 anos para que esas árbores entren en produción, e ademais inscribilas no Craega para certificalas en ecolóxico”, explica Soto. As especies con maior presencia nesta zona son ‘Raxao’, ‘Regona’ e ‘De la Riega’, acompañadas da ‘Rabiosa de Callobre’; en calquera dos casos traballadas en ecolóxico.

“Este ano, ao igual que o resto de anos pares, a produción é mala, e ademais as choivas e os ventos na primavera, no momento do callado, acabaron por prexudicar a produción”, amplía o productor estradense. Por este motivo, a produción deste ano na Estrada será “un 60% ou 70% máis baixa que o ano anterior; no 2021, sacamos sobre millón e medio de quilos e este ano non superaremos o medio millón no concello”, detalla.

“A produción deste ano na Estrada será un 60% ou 70% máis baixa que o ano anterior” (Miguel Soto)

O caso da Estrada non é unha excepción á mala colleita de sidra deste ano, senón que se percibe o mesmo a través doutras zonas de Galicia, como na Cooperativa Cabrinfolla. Actualmente, contan con “20-25 hectáreas plantadas pero non están todas en produción, contamos con 15 en plena produción, repartidas por diferentes puntos da xeografía galega, como Portomarín, Aranga, Láncara ou Guntín, principalmente entre as provincias de Lugo e A Coruña”, describe Francisco Otero.

En canto ás variedades que traballan nesta cooperativa existen grandes similitudes coas da Estrada posto que “a partir dun estudo que se fixo no 1996, e do cal se obtiveron os resultados no 2001, puxéronse 14 variedades asturianas repartidas en diferentes partes do territorio, e sacáronse como variedades principais ‘De la Riega’ ‘Regona’ e ‘Raxao’, e despois outras como ‘Perico’, ‘Solarina’ e ‘Durona de Tresali’; por iso, o que normalmente se aconsella é plantar un 75% das tres primeiras e o 25% con outras variedades para completar polinización”, explica Otero. Así se reparte a produción en Cabrinfolla coa maior parte en ecolóxico, e nalgún caso en convencional.

Comparativamente ao caso da Estrada, a situación en canto a volume de recollida nestes momentos, con respecto ao ano pasado, é case a mesma. “Agora mesmo estamos en torno ao 30% ou o 40% de quilos de mazá recollidos nun ano de carga como o pasado; este é ano de descarga das árbores porque así se acostumou en Galicia a produción, cara os anos pares” sinala o enxeñeiro agrónomo.

“Este é ano de descarga das árbores porque así se acostumou en Galicia a produción, cara os anos pares” (Francisco Otero)

Así mesmo, “non quere dicir que todas sexan así, pode haber algunha plantación que non estea influenciada pola zona froiteira na que se situou, como é o caso dun socio que temos en Xermade, a quen lle afectaron as xeadas o ano pasado e non houbo apenas flor, e por iso, nesta colleita tivo moita máis mazá que o resto”, comenta Otero.

Fotografía dun dos socios da cooperativa Cabrinfolla, en Xermade, recollendo mazás. Fonte: Cabrinfolla

Fotografía dun dos socios da cooperativa Cabrinfolla, en Xermade, recollendo mazás. Fonte: Cabrinfolla

Por outra banda, respecto a enfermidades non se rexistraron grandes perdas. “Foi un ano ideal para que non houbera ataque de fungos xa que non houbo moita choiva, e polo tanto, non houbo humidade, cuestión que permitiu evitar o moteado ou o oídio”, afirma o membro de Cabrinfolla. Igualmente, “houbo algúns casos de ataques severos ocasionados polo verme da mazá, e iso tamén facilitou a entrada de monilia nalgúns froitos”, apunta.

En consecuencia, a baixada de froito da colleita deste ano trouxo como unha lixeira subida dos prezos. “Nestes momentos estannos pagando o quilo dous céntimos por riba do ano pasado, aproximadamente”, concreta Miguel Soto. “Agora están pagando o quilo no intervalo dos 0,25€ e os 0,32€”, especifica Otero.

“Agora están pagando o quilo no intervalo dos 0,25€ e os 0,32€” (Francisco Otero)

A necesidade de regular a plantación e claves para logralo

O ano de carga e o de descarga representa un patrón no cal as árbores froiteiras, neste caso as maceiras, teñen unha tendencia bienal de maiores e menores producións; “é coma un dente de serra, un ano hai moita produción e ao seguinte moita menos, e por isto, a loita grande en fruticultura é regular a produción para que non pase isto”, explica Francisco Otero.

Por este motivo, “estase investindo moito en investigación para axustar isto, e solo se subsana mediante aclareo; polo momento, pode ser manual ou químico, pero independentemente do método, hai que sacar flor ou froito”, sinala o enxeñeiro agrónomo. “A froita que imos ter no 2023, xa está na árbore desde xullo. O que acontece no mes de xullo é que as xemas de madeira pasan a xemas de flor, fenómeno que se coñece como ‘iniciación floral’, explica.

“Se estamos nun ano de carga, as sementes das mazás inhíben o paso da xema de madeira a xema de flor por medio das xiberelinas (compostos hormonais), e as xemas de madeira que queren pasar a flor vense inhibidas polas sementes das mazás que se están formando”, concreta Otero.

Tendo en conta estas cuestións, cales son as claves de cara o ano que ven? “Se pensamos que o próximo ano vai ser de carga -falando en termos xerais porque sempre pode haber excepcións, incluso nunha mesma plantación- recomendaría, en primeiro lugar, que se fixera unha poda máis forte tratando de eliminar máis xemas de flor. Tamén restrinxiría o abonado para a campaña que ven. Despois, aclarearía coas ferramentas que sexan posibles de utilizar en función da súa metodoloxía de cultivo”, recomenda Francisco Otero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información