A compra tanto de leite como de iogures caeu no 2023, segundo se extrae do último informe presentado polo Ministerio de Agricultura sobre o panel de Consumo Alimentario dos Fogares. Mentres, o consumo de queixo continúa incrementándose.
En termos xerais, o consumo de lácteos experimentou un descenso do 2,6% en comparación cos datos manexados no 2022. Con todo, o valor do mercado incrementouse nun 12% impulsado polo aumento do prezo medio, que se sitúa en 2,24 euros por quilolitro, o que supón un incremento de 30 céntimos por quilolitro en comparación co 2022.
Os lácteos representan un 12% do orzamento da compra de alimentos e bebida dos fogares. Pola súa banda, cada español inxire aproximadamente 97 quilos ou litros de lácteos, o que supón unha baixada do 3% con respecto do 2022 e do 10% en relación ó 2019. O consumo dos lácteos leva reducíndose dende o 2008, a excepción do ano 2020, debido ó incremento do consumo doméstico durante a pandemia.
No consumo de lácteos, o leite segue a ser o que maior volume representa (64%), pese a que se reducira a súa inxesta no 2023. Cada español bebe ó ano de media uns 62 litros. Aínda que se mercou menos leite, a facturación de leite foi un 13% maior, debido ó incremento do prezo, que se pechou en 0,98 euros por litro.
No 2023 tamén se aprecia unha redución do consumo de iogures (2,8%), así como de manteca (0,6%), de batidos (4,6%) e de sobremesas lácteas (7,9%). Neste ano, incrementouse o consumo de queixos nun 2%, o de xeados nun 0,8% e o de nata nun 2,7%.
Os queixos con maior demanda
O queixo fresco é o que máis se consume (26%), aínda que xa se veu reducido este volume nun 1,4% con respecto do 2022. De media, cada español consumiu o ano pasado 2 quilos de queixo fresco. Mentres, o consumo de queixo tenro incrementouse nun 13% . Este tipo de queixo experimentou tamén un crecemento da facturación.
O queixo semicurado é o segundo máis demandado polos españois, polo que representa o 25% dos quilos de queixo que se consumen. Cada individuo mercou de media 1,93 quilos deste tipo de queixo, que é ademais o que maior valor ten, cunha cota do 29%.
O único queixo que non experimentou un incremento da demanda e do valor é o de ovella. A demanda caeu nun 23% e tivo unha facturación un 13% inferior con respecto do 2022.