O caderno dixital, a súa entrada en vigor e a obrigatoriedade das normas como a de nutrición sustentable dos chans, que se publicaron recentemente, son temas que xeran incerteza no sector. Por ese motivo, desde o Campus Terra de Lugo, organizaron unhas xornadas formativas durante a celebración de GandAgro’25.
Para abordar o caderno dixital de explotación agrícola e as aplicacións de fertilizantes contaron co subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Xunta de Galicia, Nicasio Mejuto.
RD de Nutrición de Chans
Os reais decretos de Ordenación dos Sectores foron os primeiros en publicarse e afectáronlle á xestión dos xurros. Así, indícase que todas as explotacións de determinadas categorías (a partir dun tamaño pequeno cara a un máis grande) deben contar cun sistema integrado de xestións, que inclúe o veterinario, a sanidade animal e a xestión ambiental, entre outras. “Trátase dun plan que inclúe a xestión de residuos e as dexeccións gandeiras, para as que é obrigatorio dispor dun plan”, indica.
No plan de dexeccións débese indicar o tipo de almacenamento de xurro que hai nas explotacións, a capacidade e produción anual, así como a distribución que se fará do mesmo. Todo iso pódese xestionar por tres vías: a propia explotación, unha cesión a outro agricultor ou coa entrega a un xestor autorizado.
Non se fai un seguimento dos xestores de residuos e non hai un control deses xurros, o que pode derivar en activar zonas vulnerables
Esta última vía causou debate posto que dende o público consideraron que moitas persoas “que non poidan levar eles os xurros, recorrerán a un xestor, pero a este non se lles esixe nada e provoca que algunhas zonas se vaian a considerar áreas vulnerables. Onde vai o xurro dos xestores de residuos?”, preguntaron.
Mejuto afirma que deben presentar un documento no que se indica a entrega dunha cantidade de metros cúbicos ou toneladas de xurro. “A través da autorización ambiental integrada fan os controis e revisan as autorizacións todos os anos, pero non facemos un seguimento das avaliacións ambientais, polo que non sabemos se as entregas cun xestor autorizado están a realizarse de acordo ao establecido, ou non. É un tema pendente por parte da Consellería”.
Outra das indicacións que abordou Mejuto é o Real Decreto de Nutrición Sustentable de Chans, o cal establece que o caderno de explotación debe estar en formato papel. Esta norma afecta a todas as explotacións que están inscritas no REGEPA e a plantacións forestais. “Non se aplica á xestión de esterco dentro dunha explotación, para iso está o RD de Ordenación”, aclara.

Nicasio Mejuto, á esquerda, xunto a Javier Bueno, profesor da Universidade e coordinador da xornada
Abonado e fertilización
Hai unha serie de requisitos e prazos para o abonado: o tamaño das explotacións, a prohibición de utilización de prato ou canón, os períodos nos que está prohibido, calibrado dos equipos de aplicación de fertilizantes e os produtos e subproductos que poden estar autorizados para esta aplicación. “Hai que ter un plan de abonado, que é un dos temas que xera máis controversias”, resalta. Nese sentido, lembrou que está fixada a obrigatoriedade de ter un plan de abonado no 1 de setembro de 2024, e non houbo unha modificación da data.
Por outra banda, tamén se regula a aplicación de estercos e establécense uns sistemas prohibidos, que son o prato ou canón, que se permiten só para determinadas explotacións cunha pendente nas súas parcelas. Así mesmo, indícase que o asesoramento técnico é obrigatorio nas explotacións situadas en zonas vulnerables, a partir de 2024, e para o resto dende o 1 de setembro de 2025.
Caderno de explotación
Todas as explotacións deben dispor do caderno de explotación en papel desde o 1 de xaneiro de 2024 e contar co caderno de fitosanitarios, que é obrigatorio a partir do RD 1311, o cal regula o uso sustentable. “Especifícase que será obrigatorio de forma dixital a partir do próximo período de programación da PAC, é dicir, a partir de xaneiro de 2028. Isto será aplicable tamén para fitosanitarios e fertilización de chans”, augura.
A Consellería ten a disposición dos gandeiros un caderno dixital propio que funciona a través da plataforma dixital agroforestal XEAGA
Recentemente modificouse o RD 342025 que afecta ao 1311, no que se indica que se pode manter a información do caderno de fitosanitarios en formato papel ata o 31/12/2025 e, por tanto, o 1/1/2026 será a data obrigatoria a partir da cal todas as explotacións deben de facer uso do caderno dixital para rexistrar os seus tratamentos fitosanitarios.
Mejuto lembra que sacaron unhas axudas complementarias para as explotacións que dispoñan do caderno dixital de explotación, ademais de medidas que fomentan a dixitalización. “Entendemos que, se o caderno non é dixital, a súa eficacia será limitada. É volver para atrás e ter que visitar todas as explotacións para recoller datos”, relata o subdirector.
Caderno de explotación da Consellería
A Consellería ten a disposición dos gandeiros un caderno dixital propio que funciona a través da plataforma dixital agroforestal XEAGA, que é unha aplicación informática de Xestión de Explotacións Agrarias de Galicia. Neste sistema albérganse aplicacións que van máis aló do caderno de explotación.
Nunhas capas bases, ofrece fotos de satélite, apps, xestión de axudas e unha plataforma territorial. Logo, recolle tratamento integral da información, ademais das aplicacións para gandeiros e agricultores que poden facer uso delas. Xestión da actividade como poden ser os cadernos elementos, onde poden dar de alta maquinaria agrícola, instalacións que teña a explotación etc. “É unha aplicación que ten moitas utilidades que non só son as propias dun caderno”, subliña Mejuto.
Están a desarrollar unha aplicación para móbil na que se poderán facer algunhas xestións
Ten un alcance global posto que unifica nunha ferramenta a información de rexistro autonómico e as anotacións do caderno, facilita a recollida de información das actuacións, pon o foco na interoperabilidade cara a dentro e fóra, e facilita a comunicación coa administración. “A través de XEAGA podes deixar solicitudes e establécese unha vía de comunicación coa propia Administración. Ademais de xestionar altas de parcelas, instalacións, puntos de auga, traballadores e dar os datos de caderno, que son as aplicacións de fitosanitarios e fertilizantes”, describe.
Leva un ano funcionando en Galicia e supuxo un grande avance para a xestión das explotacións. Por iso, actualmente estase desenvolvendo a mesma aplicación para o móbil, que estará dispoñible para todos os agricultores e gandeiros que utilicen ese sistema e na que poderán ver determinadas actuacións e datos que teñen no seu rexistro de explotacións.
A través da mesma, cada titular da explotación pode ver as parcelas que ten dadas de alta e as actuacións que realizou e onde traballará. “Podes escoller a parcela na que vas actuar e decidir se fas unha aplicación de xurro en toda ela ou se a divides en áreas para actuar nunha delas”, relata. Todos eses datos rexístranse e constitúen os cadernos e datos de explotación. Mejuto aclara que estes cadernos son propios da Xunta de Galicia, “pero seguen ao pé da letra o que se indica nos do Ministerio a nivel de plans de fertilización, abonado e fitosanitarios. Estamos aliñados co que o Ministerio sinala en cada unha das reunións”, conclúe.