A cadea forestal continúa no 2022 en cifras récord de facturación

A previsión é que o exercicio remate en cifras similares ou maiores ás do 2021, que xa representaran un tope histórico. A segunda metade do ano está a experimentar unha ralentización no sector do taboleiro e pasta de papel

A cadea forestal continúa no 2022 en cifras récord de facturación

O conselleiro José González, xunto co director de XERA, Jacobo Aboal, na clausura do acto de presentación do informe da cadea forestal 2022.

As cifras da cadea monte – industria de Galicia seguen no 2022 en topes históricos, segundo o avance que se vén de presentar no informe da cadea forestal 2022, elaborado pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo). O conselleiro do Medio Rural, José González, que clausurou a presentación do informe, destacou que as estimacións apuntan a que este ano se superarán os 2.500 millóns de facturación do 2021, que xa foran récord.

A nota dominante do ano foi un encarecemento dos prezos ó longo de toda a cadea, desde o monte ata os produtos finais. “Tivemos un 2022 con prezos altos dos produtos, pero tamén con altos custos de produción, en especial os loxísticos, pola suba dos combustibles”, precisa o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, coordinador do informe.

Os datos estimados para o 2022 presentan unha mellora das cifras de facturación en tódolos subsectores da cadea. O principal subsector é o de taboleiros e pasta de papel, cuns ingresos previstos duns 1.160 millóns de euros, se ben haberá que agardar ó peche do ano, pois tanto taboleiros como pasta de papel experimentaron unha ralentización no segundo semestre.

No caso da celulosa, a baixada da facturación do segundo semestre débese ó parón de Ence Pontevedra a partir de xullo, cando a seca deixou á planta sen dispoñibilidade de auga suficiente e tivo que parar a actividade. Estes días precisamente Ence está a reiniciar a fabricación de pasta, tras catro meses de parón. A factoría pontevedresa agarda entrar en ritmo normal de produción a inicios de decembro.

Tras taboleiros e pasta de papel, o seguinte subsector en facturación é o da segunda transformación (mobiliario, contract), que chegou ós 650 millóns de euros e representa xa un 22% das exportacións en valor. Séguenlle en facturación rematantes (529 millóns de euros), serradoiros (492 millóns de euros) e biomasa (86 millóns de euros).

O conselleiro do Medio Rural, José González, que clausurou o acto xunto co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, destacou igualmente outras fortalezas do sector: “suma 24.500 empregos directos e representa un 12% do emprego industrial galego”, subliñou.

Iniciativas para o 2023
De cara ó próximo ano, Medio Rural avanzou a súa intención de presentar un plan estratéxico da industria forestal – madeira, a fin de aliñar o Plan Forestal de Galicia, enfocado na planificación do monte, coas necesidades da industria.

No terreo da xestión forestal, o conselleiro avanzou que no primeiro trimestre do ano publicarase a orde que regula as agrupacións de xestión conxunta, un instrumento que considera clave para mobilizar os terreos forestais dos pequenos propietarios. “É unha das asignaturas que temos pendente”, recoñeceu González, que tamén se amosou preocupado polos grandes incendios forestais vividos este verán.

“O futuro para loitar contra os incendios forestais pasa pola xestión do territorio, gandeira, agrícola e forestal. O maior perigo que temos é o abandono” (José González, conselleiro do Medio Rural)

“O futuro para loitar contra os incendios forestais pasa pola xestión do territorio, con tres patas: gandería, agricultura e forestal”, valorou González, que avogou por unha estratexia de planificación do territorio que inclúa a creación de discontinuidades nas masas forestais.

“Non estou de acordo cos que propugnan que o mellor é deixar que o monte se xestione a si mesmo” (o chamado ‘rewilding’). “O enemigo do rural é o abandono, que aumenta os riscos derivados dos lumes. Se alguén tiña algunha dúbida, xa se lle quitaría despois do sucedido este verán”, concluíu.

Nova normativa de montes veciñais
Doutro lado, a deputada popular Elena Candia anunciou onte no Parlamento que a Xunta está a traballar no borrador do Libro branco dos montes veciñais, que recollerá a nova normativa que regulará ás comunidades de montes. Este Libro branco seralle trasladado ó Consello Forestal de Galicia no primeitro trimestre do 2023, a fin de iniciar un “proceso participativo” co sector para pechar a nova normativa, segundo sinalou a deputada popular.

A saca da madeira queimada arrefría o mercado de piñeiro, en tanto o eucalipto mantense estable

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información