A grave vaga de lumes que afectou este mes de agosto a Galicia, nomeadamente á provincia de Ourense, obriga a adoptar todas as medidas que sexan posibles no curto prazo para unha axeitada restauración ambiental dos montes afectados. Un dos primeiros pasos é a retirada da madeira queimada, para a cal os serradoiros, industrias e rematantes que forman parte da Fundación Arume comprometen o mantemento de prezos.
Se ben a maior parte da superficie calcinada polos incendios foi rasa, en parte dos lumes houbo importantes superficies arboradas afectadas. Dada a gravidade da situación, a cadea da madeira chegou ó consenso da necesidade de manter os prezos da madeira comercial que se retire das zonas afectadas polos lumes, en apoio ás comunidades de montes veciñais e propietarios afectados.
Como consecuencia dos incendios, parte da madeira afectada adoita perder valor comercial, ao que hai que sumar os subrecustos que adoita comportar para as empresas a extracción e procesamento de madeira queimada.
Para evitar o deterioro da madeira en monte e facilitar a posterior restauración ambiental das zonas queimadas, a entidade subliña que cómpre axilizar no posible nos próximos meses a retirada de toda a madeira afectada.
Esa retirada da madeira queimada -destaca Arume- resulta ademais prioritaria para evitar a extensión de pragas e enfermidades no monte: “As cortas cumprirán unha función fitosanitaria, especialmente importante no sur de Ourense, na zona tampón do nematodo do piñeiro (franxa fronteiriza con Portugal), e na zona oeste da provincia, na zona demarcada polo nematodo do piñeiro en Galicia, pois o insecto vector da praga atopa un hábitat óptimo nas árbores queimadas”.
A corta e saca da madeira, que se deberá facer sempre seguindo as recomendacións técnicas pertinentes e con autorización previa da Administración, converterase así no primeiro chanzo do proceso de restauración ambiental do monte.
No marco dos traballos de retirada da madeira do monte, sempre que a pendente e a accesibilidade o permitan, os restos da corta permanecerán no terreo, distribuídos de forma homoxénea e evitando a súa acumulación en montóns, co obxectivo de contribuír á protección fronte á erosión, ata a súa posterior trituración, previa á reforestación.
Apoio para as persoas afectadas por parte de Abanca
Outra medida relevante de apoio ás persoas e comunidades de montes veciñais afectadas polos lumes é a adoptada por Abanca, unha das entidades patroas da Fundación Arume
Abanca puxo en marcha dende o inicio dos incendios importantes medidas de axuda, como a doazón dun millón de euros para afectados e a apertura de liñas de financiamento por importe de 150 millóns de euros, complementarias ás axudas públicas das distintas Administracións.
O anticipo de axudas públicas son ao 0% e a prazo de 1 ano, o que supón un apoio fundamental nestes momentos para facilitar a execución dos investimentos subvencionados.
Estratexia de futuro: proposta para unificar nun organismo público tódalas competencias do monte
Máis alá das medidas paliativas a curto prazo, a tendencia a vagas de lumes máis agresivas que se experimenta nos últimos anos en Galicia e noutros puntos da Península obriga a redefinir a estratexia de futuro, segundo a entidade. A Fundación Arume avoga por adoptar dúas medidas principais.
“Primeira, desvincular a estrutura administrativa, e polo tanto o persoal dedicado á extinción de incendios, dos que se deben ocupar da xestión forestal do monte, dotando a estes últimos de persoal e orzamento suficientes para que se poda realizar unha xestión integral da superficie forestal para a súa posta en valor e conservación”, explican.
Arume destaca tamén que é preciso analizar en profundidade o cometido e os obxectivos actuais do sistema de extinción de incendios, na medida en que os incendios forestais evoluíron a un carácter de incendios rurais, nos que a protección de núcleos de poboación e persoas se converte na principal necesidade.
En segundo lugar, a entidade propón consignar nun mesmo organismo público tódalas competencias forestais, de xeito que sexa posible abordar unha xestión integral do monte.
Cómpre lembrar que a superficie forestal supón dous terzos do territorio de Galicia, onde o sector xera mais de 23.000 empregos directos, 3.000 millóns de facturación e representa o 2% do PIB de Galicia. Desta cifra, ⅔ corresponde á cadea das coníferas, producidas e transformadas en Galicia.
Son todos estes motivos que avalan a necesidade de unificar nun organismo público tódalas competencias e políticas públicas que o monte precisa, desde a silvicultura e a industria forestal ata os espazos naturais protexidos, silvopastoreo, caza e pesca, ou usos sociais do monte, entre outras.
Análise da vaga de lumes
Por último, dada a gravidade da actual vaga de lumes, Arume sinala que nos próximos meses será necesario un estudo independente que permita unha análise sosegada do sucedido, tanto nas causas dos incendios como no funcionamento dun servizo de extinción que chegou a situacións de colapso.
Galego










Control OJD