A cadea da madeira reduce actividade pola baixada da demanda

Tralo peche temporal de Finsa, que se prolongará ata o 30 de abril, parte dos aserradoiros e rematantes están reducindo a actividade ou iniciando peches temporais. A excepción é a corta de eucalipto para pasta de papel, que mantén o ritmo habitual

A cadea da madeira reduce actividade pola baixada da demanda

A crise do coronavirus está ralentizando toda a cadea galega da madeira, a excepción das cortas de eucalipto para pasta de papel. Aserradoiros e rematantes mantéñense en boa medida aínda en activo, pero están reducindo a súa actividade. Tralo peche temporal de Finsa, que se prolongará polo menos ata o 30 de abril, hai xa outras empresas que optaron polo parón e espérase que máis firmas do sector se paralicen ou reduzan o seu traballo significativamente nos próximos días.

“É unha situación que vén dada pola baixada de demanda do cliente final en canto ó consumo de táboa, taboleiro e outros derivados da madeira” -explica Daniel Villapol, presidente da Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo e conselleiro delegado do Grupo Villapol-. “No noso caso, hai fábricas coas que traballabamos que están paradas ou a medio rendemento e reducimos as exportacións de laminados a países como Francia ou Alemania”, apunta.

O Grupo Villapol mantense polo de agora activo a medio rendemento, valorando que facer de cara ó futuro. “É unha situación incerta, dependerá dos clientes e da situación. Se tivésemos algún caso de coronavirus nalgún centro de traballo, veriámonos na obriga de pechar ese centro concreto, aínda que puidésemos manter outros”, analiza Daniel Villapol.

Previsibles peches e ERTEs
A evolución da situación na cadea da madeira depende de como se comporte a crise do coronavirus nos próximos días e semanas. “Polo de agora a maioría de aserradoiros e rematantes manteñen a actividade, aplicando tódolos protocolos de prevención precisos”, explica Ana Oróns, secretaria xeral da da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia.

“Está claro de tódolos xeitos que hai unha serie de limitacións polo peche de clientes e polas dificultades de loxística. Por iso, lle trasladamos ás autoridades que é necesario apoiar os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTEs) que se presenten desde a cadea da madeira. É necesario que sexan considerados peches de forza maior, pois aínda que a actividade forestal pode manterse, a baixada da demanda e as dificultades de transporte dificultan a situación”, valora Ana Oróns.

Suministros ó sector alimentario e eucalipto
Parte do sector, non obstante, mantén un alto ritmo de traballo, segundo destaca tamén Ana Oróns. É o caso dos aserradoiros adicados á elaboración de envases, caixas e palés destinados a alimentación e servizos, que proseguen a súa actividade con normalidade, ó manterse a demanda de produto final dos seus clientes.

Hai ademais fábricas de taboleiro que manteñen o seu traballo e Ence e as outras industrias do papel continúan a actividade. De feito, Ence anunciou a pasada semana que a demanda que recibe de pasta de celulosa aumentou no que vai de marzo un 20% en comparación co mesmo mes do pasado ano, un incremento que achaca ás maiores compras de papel hixiénico e material de limpeza e hixiene.

Os madeiristas que traballan con eucalipto confirman a normalidade da situación. “Estamos cortando e suministrando madeira ás fábricas como sempre. Temos un traballador que decidiu parar esta tempada, pero os demais seguimos” -explica Óscar Piñón, madeirista de Ortigueira-. “En piñeiro e leñas, traballamos de xeito habitual con Intasa (San Sadurniño), que polo momento tamén segue funcionando”, sinala.

Parón das compras en monte
O principal cambio no conxunto do sector está no parón da negociación de madeira cos propietarios, que está bloqueada polo confinamento obrigado dos propietarios. “As empresas traballamos cun stock de corta de madeira, no noso caso temos un stock para 3-4 meses”, sinala Óscar Piñón.

Unha situación similar dáse na maioría das empresas do sector, que agardan que a crise do coronavirus se solucione antes de que poida chegar a producirse un desabastecemento de madeira no mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información