A cadea da madeira acada un récord de facturación no 2022, con arredor de 2.800 millóns de euros

Un informe da Xunta avalía a evolución das dúas últimas campañas

A cadea da madeira acada un récord de facturación no 2022, con arredor de 2.800 millóns de euros

A facturación conxunta dos subsectores principais da cadea de valor forestal madeira de Galicia ascendeu en 2021 a 2.578 millóns de euros. Isto supón un aumento respecto ao 2020 dun 29 % e sitúa a cifra de facturación como máximo histórico da serie desde o 2006. A falta de datos finais do último ano, calcúlase que o 2022 pecharase con arredor de 2.800 millóns de euros de facturación, o que representa unha nova marca.

Así o reflicte un informe da Axencia Galega da Industria Forestal -dependente da Consellería do Medio Rural- avaliado polo Consello da Xunta. No documento, elaborado coa colaboración da Universidade de Vigo, indícase tamén que as estimacións que se poden facer cos datos dos primeiros tres trimestres de 2022 apuntan cara a unha facturación que podería acadar os 2.800 millóns de euros.

Así, o estudo constata que, en xeral, os subsectores da madeira experimentaron grandes incrementos na produción, nas vendas e na facturación dende mediados de 2020 e ata o terceiro trimestre de 2022. Polo tanto, produciuse máis, vendeuse máis e a mellores prezos. Por subsectores, o da fabricación de taboleiro e pasta de papel foi o que acadou unha maior facturación en 2021, cun total de 1.115 millóns de euros (un 25 % máis que en 2020). Por volume de facturación, seguíronlle os da segunda transformación de madeira, os rematantes, o serrado e a biomasa.

Con respecto ás exportacións do sector galego, constátase que logo dunha redución no ano 2020, en grande parte pola pandemia, as cifras do mercado exterior no ano 2021 volveron situarse en altos niveis como os de anos anteriores, cun valor que superou os 1.000 millóns de euros, cifra que se prevé superar en 2022.

Aproveitamentos
En relación coas cortas de madeira na nosa comunidade, o informe reflicte que se manteñen constantes ao longo dos últimos anos. Así, no período 2018-2021 tramitáronse declaracións ou autorizacións de aproveitamentos na contorna dos 10 millóns de metros cúbicos anuais.

Esta tendencia mantívose estable no ano 2022, con 10,56 millóns de metros cúbicos, o que supuxo un incremento do 2 % en relación co
exercicio anterior. Galicia corta arredor do 56% da madeira talada en España.

Axenda da industria forestal-madeira
A elaboración deste informe enmárcase na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, que contempla un orzamento de 55,5 millóns de euros e que prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información