José Luis Videira é un colleiteiro do Hío (Cangas) encadrado na IXP Ribeiras do Morrazo, que foi recoñecida a nivel europeo en xaneiro do 2018. Traballa unha finca de 7.500 metros cadrados, tras unir 27 parcelas, e orientou os seus viñedos principalmente ó albariño e ó loureiro, alí chamado espadeiro. O seu viño Quereres do Hío adoita acadar boas puntuacións, no entorno dos 93 puntos, dun afamado crítico de viños norteamericano, Robert Parker.
Cal é a historia de viñedo no Hío e a túa tradición coa vitivinicultura?
A miña tradición é familiar, pero comecei a nivel profesional a partir do 1998, que foi cando reestructurei estas fincas. Aquí xa había viñedo e eran viñedos antigos da xente nativa do barrio, que podían ter unha altura de 70 cm de alto e tipo parra. Eu fun comprando por parcelas e reestructurando todo en espaldera, de feito ainda non rematei ese proceso, estou eliminando algunhas carreiras que quedaban moi estreitas para así facelas máis anchas e poder mecaniza-lo viñedo.
A tradición local sempre foi de albariño co espadeiro, que é unha variante do loureiro, que se distingue un pouco na uva e a pel. Os viños máis coñecidos da zona históricamente eran O Hío e Soutomaior, eran os albariños máis coñecidos da zona desde hai moito tempo atrás.
Que variedades traballas e por que escolliches estas variedades?
Principalmente albariño e espadeiro porque eran as que se traballaban aquí de toda a vida. O 85% é albariño, seguido polo loureiro ou espadeiro, e despois un pouco de treixadura e caíño branco, un 3%, que lle dá outra viveza e agulla ao viño branco.
A tradición de aquí era facer ou albariño ou loureiro (espadeiro). Eu introdución as outras variedades. A miña intención é manter a tradición e recuperar todo o que se facía antigamente, por eso introducín a madeira nas barricas. Tinto teño pouco, sobre todo con uvas de caíño tinto, sousón e mencía.
Falabas antes da tradición na comarca dos viños do Hío e Soutomaior, zonas que agora están xa amparadas pola IXP Ribeiras do Morrazo. Que destacarías da liña de traballo da Indicación?
Gustaríame destacar que o que pretendemos coa IXP é potenciar as tradicións de cada zona. Porque a IXP comeza en Poio e finaliza en Cabo Home, pasando por Pontevedra, Redondela e todo o Morrazo. Entón, o idóneo é que cada un intente vender o producto da zona, sen mesturar uvas de distintas zonas. Recuperar os viñedos e as formas de facer as cousas tradicionais, falando coa xente, recuperar as tradicións antigas.
A nivel de viñedos, no Morrazo tedes tamén unha tradición singular nalgunhas zonas, de viñas asentadas na area…
Certo, nas zonas de Donón e Viñó (Cangas) hai viñedos asentados sobre area. As viñas facíanse baixiñas para que a calor do sol do día fora absorbida pola area, que pola noite reflectía esa calor para manter as uvas en condicións óptimas.
No noso caso, aquí no Hío a terra é vexetal, pero a pouca profundidade, uns 80 centímetros, temos outro tipo de terra máis arenosa, tipo xabre. Estamos tamén á beira do mar e nótase moito a súa cercanía, sobre todo cando hai temporal percíbese o iodo mariño.
En canto á sanidade dos viñedos durante a campaña, como é a situación na zona?
Aquí o principal problema é o mildiu, pasamos de non ter nada a de repente ter moito. O único que facemos son medidas preventivas, estar moi pendentes da viña, especialmente coa vexetación, tratamos de que haxa moita ventilación e así conseguimos librar a tempada con 11-12 aplicacións de fitosanitarios, diría que a metade que noutras zonas.
Como influíu a posta en marcha da IXP Ribeiras do Morrazo na comarca?
Había adegas que xa estaban traballando na IXP antes de que existira, pero non podían etiquetar o viño como IXP, era unha pena porque tiñan que etiquetar viños de calidade como viños de mesa, sen dicir o tipo de uva que era nin nada. Agora xa non son viños de mesa, senón viños da IXP Ribeiras do Morrazo, e están levando premios e poden competir con calquera outro viño.
No teu caso, como foi o proceso de poñer en marcha a adega?
Isto ten unha historia longa detrás. Antes facía furancho con outros 46 furancheiros en Cangas. En Redondela e Bueu había outros tantos. Co bipartito, os furanchos pasaron de ser regulados con ordenanzas municipais a aplicar un decreto novo de turismo a nivel de Galicia. Naquel momento intentamos explicarlle ás administracións que non podiamos cumprir sempre a normativa de turismo, e despois de varias xuntanzas conseguimos que se creara un decreto específico para os furanchos.
Naquel momento intentamos entrar na denominación Rías Baixas, tivemos varias reunións pero non o consideraron oportuno nin nos deron explicacións. Entón puxemos en marcha a IXP, estando eu de presidente dos furancheiros de Pontevedra, co apoio da directiva, e foi un traballo longo e custoso. Tivemos que contactar con profesionais para facer o expediente e despois de 2-3 anos foi cando definitivamente saíu aprobada a IXP Ribeiras de Morrazo. Entón, eu decidín deixar o furancho e montar a adega, que foi unha tramitación que tamén me levou o seu traballo, pero xa está en marcha desde hai 4 anos.
Como son os viños que elaboras?
O que máis elaboro é o albariño, misturado con treixadura, loureiro e caíño branco. Este fágoo de forma tradicional en aceiro, controlando as fermentacións.
Despois teño outro en barrica, que é albariño con loureiro, e ese xa leva máis tempo de proceso, leva moito máis tempo de maceración. Con ningún dos dous acelero as fermentacións, quero que todo se faga por proceso natural controlado.
Facemos dúas marcas, a de albariño elaborado en aceiro, que é “Quereres do Hío”, e o que macera en barrica de carballo francés é “Quereres de Berobreo”.
Obtiveches unha alta puntuación de Robert Parker en Quereres do Hío. Como foi o proceso e como valoras esa alta puntuación?
No 2018, antes da ser aprobada a IXP, xa Robert Parker nos dera 93 puntos no “Quereres do Hío”. Este ano non cheguei a tempo para enviarlle as botellas para as catas.
Tamén saímos na Guía de Viños de Galicia que edita Luis Paadín na Coruña, cunha prata no “Quereres do Hío” e un ouro no “Quereres de Berobreo”, estamos á espera dos resultados deste ano.
A repercusión da puntuación de Robert Parker é notable a nivel de demanda do viño, tivo máis saída e a xente pregunta máis polo noso viño. É certo que costa introducilo no mercado igualmente, pero pouco a pouco imos avanzando.
É de destacar que como non usamos lévedos, o viño é totalmente natural e varía dun ano a outro en función da meteoroloxía.
Nós estamos orientados ao mercado local e provincial, hostalaría, tendas e algún cliente persoal de venda directa; esporádicamente envías algunha caixa fóra, pero tampouco podo expandirme moito porque temos unha produción moi limitada, só podemos producir 10.000 kg por hectárea. Os rendementos son máis limitados que nalgunhas denominacións de orixe, que chegan a 12.000 – 13.000 Kg., pero iso implica que nós temos unha maior selección da uva e unha maior calidade. A outra parte é que temos menos cantidade.