Pedro Mansilla (Madrid, 1952), é enxeñeiro xefe do Servizo de Fitopatoloxía da Estación do Areeiro -centro dependente da Deputación de Pontevedra- dende 1986. Ademais, é profesor de profesor de Entomoloxía Forestal na Escola de Lourizán e profesor asociado de Fitopatoloxía Forestal no Campus Universitario de Lugo.
Como se está a presentar esta tempada en canto á sanidade vexetal en Galicia?
Comezou a agromada e, na provincia de Pontevedra, que é o que máis coñezo, empezaron os primeiros síntomas de mildeu na pataca. Nos viñedos da DO Rías Baixas de momento a situación non é preocupante en canto a mildeu, coas primeiras manchas que tamén eran esperables.
En maceira de momento non temos grandes preocupacións e na cerdeira se que están a aparecer problemas de monilia e botritis.
Cales son as enfermidades máis virulentas ás que se están a enfrontar os agricultores?
En viticultura, sobre todo as enfermidades radiculares e da madeira. Estanse a incrementar por varias causas: dende os viveiros que venden planta en condicións dubidosas, á prohibición do arsenito sódico para combatelas, sen que haxa unha alternativa clara de tratamento.
En canto ás enfermidades de raíces, a armilaria é das máis comúns e agravouse porque xa temos poucos produtos fitosanitarios para combatela. Ofrécesenos como alternativa os tratamentos con bioestimulantes, e é certo que a planta está en mellores condicións pero non controla a enfermidade.
Estas limitacións en canto a tratamentos tamén se dan no mundo forestal, onde tamén está a haber un repunte de enfermidades. Xunto a estes patóxenos que xa coñeciamos tamén nos preocupan os de nova aparición.
A globalización está a estender tamén as pragas dos vexetais?
Está claro que si. O intercambio comercial é hoxe máis activo que nunca e quizais debería haber inspeccións sanitarias máis drásticas e un maior control.
Unha opinión entre os agricultores é que cada vez hai máis enfermidades e é máis difícil controlalas. Comparte esta opinión?
É certo que hai resistencias das pragas aos tratamentos pero porque se saltan os consellos dos propios fabricantes de produtos fitosanitarios en canto a non repetir tratamentos.
O que si que é certo é que cada vez temos menos materias activas par combater as enfermidades porque a lexislación sobre pesticidas é cada vez máis estrita e moitos produtos tamén van desaparecendo do mercado porque ao vencer o período de rexistro e liberalizarse a patente os fabricantes non ven rendible seguir comercializándoos.
“En viticultura están a medrar as enfermidades radiculares e da madeira”
Traballamos cada vez máis con novos produtos como bioestimulantes, fungos e bacterias antagonistas. O que pasa é que son produtos de acción máis lenta porque a loita biolóxica non dá resultados inmediatos, pero é eficaz e respecta o medioambiente, e isto ás veces os agricultores non o entenden.
Despois dunha longa experiencia traballando co sector Como valoras os cambios que se produciron na agricultura galega nas últimas décadas?
Dende o meu punto de vista o maior boon foi o da viticultura. Cando cheguei a Galicia case non podías conseguir unha botella de albariño con etiqueta e hoxe é un sector que se desenvolveu moito e non ten que envexarlle a ningunha rexión vitícola do mundo. Imos ter competencia pero contamos cunha terra e uns técnicos marabillosos.
Noutras áreas, a floricultura practicamente desapareceu da provincia de Pontevedra e a fruticultura non se desenvolveu como debería. No caso do kiwi é unha pena porque é un produto espléndido pero quizais os agricultores apostaron máis pola viticultura e porque para facer grandes plantacións de kiwi en Galicia é moi difícil conseguir terreo.
Viviu a época dos servizos públicos de extensión agraria. Bótanse en falta?
Había uns servizos pioneiros en moitos casos e que realizaron un labor inxente, polo que foi unha pena a súa perda porque eran o nexo entre a investigación práctica e o agricultor.
É certo que agora mesmo toda a información está en internet, pero desbrozar o importante non é doado. Iso antes facíano os axentes de extensión agraria, que coñecían o terreo e ao agricultor e este confiaba neles porque estaban a pé de campo.
Como está a situación da investigación agraria en Galicia?
A investigación agraria en Galicia, ao igual que no resto de España, está a sufrir recortes dende hai anos. Non obstante, son optimista: todos temos problemas presupostarios e de falta de persoal pero espero que superemos esta conxuntura e temos que intentar facer o noso traballo do mellor modo posible.
En investigación o fundamental son os equipos, as persoas e o que é lamentable é que cando tes formada a unha persoa, despois de 4 ou 5 anos, se teñan que ir por falta de presuposto.