
Noelia é avogada e levaba a asesoría xurídica da asociación desde a súa fundación fai 10 anos
Noelia Rodríguez (Reigosa, A Pastoriza, 1982) é a nova presidenta de Agromuralla. Toma o testigo de Roberto López e de José Luis Pérez Barreiro á fronte dunha asociación que ela mesma axudou a fundar fai 10 anos, cando os tractores rodearon durante semanas a Muralla de Lugo para protestar polos baixos prezos do leite.
Hoxe, Agromuralla reune a uns 400 socios, a maior parte deles granxas leiteiras de Lugo e A Coruña, pero na última asemblea, celebrada a finais de novembro, na que os membros de Agromuralla renovaron a súa xunta directiva e Noelia foi elixida presidenta, acordaron tamén abrir a asociación a produtores doutros sectores, como o vacún de carne ou o viño, pasando de ser unha asociación de gandeiros para converterse nunha asociación agrogandeira.
– Por que tomaron esta decisión? Quere isto dicir que Agromuralla deixa de ser unha asociación de produtores de leite?
– Non, en absoluto. Pero hai granxas de leite que se pasan á carne. Eu mesma son titular dunha pequena explotación de vacún de carne que antes, cando a levaban os meus pais, producía leite. Ademais, as ganderías de leite tamén producen carne, pois venden vacas de desvelle aos matadoiros e becerros aos cebadoiros, polo que os produtores de leite e os de carne temos intereses comúns.
Por outra banda, nestes 10 anos de andadura tivemos contacto con outros sectores que comparten as nosas inquedanzas e que querían formar parte da asociación. E estamos convencidos de que moitos dos problemas do rural son comúns e debemos encaralos desde un enfoque conxunto.
– No caso do vacún de carne é certo que hai unha relación máis directa, pero no caso do viño parece un pouco máis forzado, non?
– Desde a súa orixe, Agromuralla sempre defendeu a solidariedade entre gandeiros e entre produtores en xeral. É algo que ademais practicamos. Nos lumes que afectaron no 2017 aos Ancares, donamos forraxe ás explotacións afectadas, a maioría de carne. Neste momento estamos facendo o mesmo cos gandeiros que sufriron os incendios deste verán na provincia de Ourense.
Levamos xa entregados 42 camións de rolos de silo e herba seca. A forraxe é doada por gandeiros socios de Agromuralla e transportada grazas a camioneiros que colaboran na iniciativa. Os destinatarios son granxas de vacún de carne e de ovino de concellos como A Rúa, Monterrei, A Mezquita, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa ou Quiroga que non teñen con que alimentar o seu gando para pasar o inverno. Moita desa xente fíxose socia de Agromuralla.
Levamos entregados xa 42 tráilers de rolos de silo e herba seca aos gandeiros afectados polos lumes do verán en Ourense
No caso concreto do sector vitivinícola, pásalle en parte o mesmo que ao do leite antes de que existira Agromuralla: é un sector que está desestruturado e os sindicatos tradicionais non dan resposta ás necesidades e problemas dos produtores.
O caso máis claro é o da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, sumida actualmente nun grave problema á hora de dar saída á súa produción de viño tinto e que pode acabar por facer desaparecer a centos de pequenos viticultores e levar ao abandono duns viñedos que son a esencia mesma dese territorio. No caso das adegas, pode acontecer o mesmo se non contan co apoio do Consello Regulador.
No sector do viño pasa o mesmo que no do leite antes de que existira Agromuralla: está desestruturado e os sindicatos tradicionais non dan resposta aos problemas reais
Pensamos que hai un problema de base no Consello Regulador, que é a entidade encargada da certificación da produción. Vemos problemas internos e mala xestión e pedimos que haxa transparencia para que os fondos das DO se destinen ao que realmente se teñen que destinar. Non hai campañas específicas de promoción dos viños da Ribeira Sacra, igual que teñen o resto de denominacións de orixe e iso que, como diciamos, seguramente sexa a máis necesitada diso.
– Cando se fundou Agromuralla o prezo medio do leite era de 28 céntimos, mentres que hoxe sitúase nos 50 céntimos. O prezo da carne tamén é bo neste momento. Está todo solucionado?
– O prezo é un elemento determinante para a rendibilidade das explotacións pero non é o único factor a ter en conta. Hai que ter en conta tamén todas as novas esixencias, que redundan nun aumento dos custos de produción.
Cando se analiza a situación actual do sector leiteiro hai que prestar atención a cuestións que son moi preocupantes de cara ao futuro, como por exemplo o continuo peche de granxas ou a falta de relevo xeracional.
Na última década pecharon na nosa comunidade case a metade das granxas leiteiras que había. Isto é un auténtico drama, porque cada vez que pecha unha granxa, en moitos casos, morre unha aldea, coas consecuencias que iso ten. Non temos máis que ver o que ocorre co tema dos incendios cada verán.
Na última década pecharon case a metade das granxas leiteiras que había en Galicia, iso é un auténtico drama
Ás industrias semella non preocuparlles que sigan pechando granxas, mentres teñan cubertas as súas necesidades de materia prima, e a Administración saca peito de que somos xa a novena rexión produtora de leite de Europa, pero a nivel social é moi distinto que nunha parroquia haxa 10 granxas de 100 vacas ou unha de 1.000, aínda que produzan o mesmo leite.
As pequenas e medianas explotacións, xunto coas grandes, porque unhas non exclúen ás outras, forman o tecido económico produtivo de Galicia. Pero coas súas decisións, tanto desde Bruxelas como desde Madrid ou Santiago de Compostela, están acabando con el. Existe unha burocratización excesiva que estamos sufrindo no sector, sen deixar de lado a normativa medioambiental cada vez máis restritiva.
Ningún outro sector é capaz de vertebrar o territorio como o fai a gandería
En Galicia, a gandería de leite e de carne é o principal sector vertebrador do territorio. O que fixa poboación e crea riqueza e emprego en todos os concellos. E non so creamos empregos directos, senón moitísimos indirectos. Ningún outro sector ou industria é capaz de facelo. Desde ese punto de vista, somos moito máis importantes que Citroën ou que Inditex.
– Desde o final das cotas leiteiras no 2015 Galicia aumentou a produción nun 20%. Hai capacidade para seguir medrando?
– As cotas leiteiras foron unha corda ao pescozo que durante moitos anos afogou ás explotacións e impediulles medrar. Por iso, cando desapareceron as cotas, moitas puideron expresar un potencial que antes non podían mostrar.
Pero foi a costa dun esforzo económico que non foi recompensado, porque Bruxelas obrigou a moitas granxas a endebedarse para mercar cota e despois todo iso non valeu para nada. A consecuencia desas políticas europeas, cando desapareceron as cotas moitas granxas quedaron endebedadas.
A situación hoxe é diferente á dos últimos anos. A produción neste momento está estancada e penso que non veremos no futuro eses grandes crecementos que vimos desde o 2015, cando moitas explotacións eran capaces de dobrar a súa produción. Moitas das granxas que pechan hoxe xa non son tan pequenas e as que quedan non poden paliar tan facilmente esas perdas de produción.
En Galicia son inviables as macrogranxas polas propias características xeográficas
Vai ser moi difícil que as granxas sigan medrando debido ás condicións que teñen que cumprir na declaración de impacto ambiental que se lles esixe ás explotacións que aumentan o seu tamaño e cambian de grupo na clasificación do Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas, onde ademais se fixa a limitación máxima das 850 UGM. Para nós non é unha cuestión de tamaño, senón de xestión adecuada, pero en Galicia son inviables as macrogranxas porque chega un momento no que o modelo americano de grandes explotacións non é posible polas características xeográficas.
Logo, hai tamén problemas estruturais, como son a falta de man de obra e a base territorial, que limitan en boa medida o crecemento das explotacións que quedan. Non hai unha mobilización efectiva da terra agraria a favor da produción de leite. Malia o incremento de produción, seguimos dependendo de 200.000 hectáreas de SAU.
Estamos perdendo terras para a produción de alimentos e non hai unha mobilización efectiva da terra agraria en favor da produción de leite
Alí onde hai granxas, non hai terra dispoñible e onde a terra está abandonada xa non quedan granxas que a poidan poñer a producir. Sectores especulativos como os parques eólicos ou a minaría aprovéitanse diso, sen falar dos eucaliptos. Estamos perdendo terras para produción de alimentos. Perdemos terra agraria nesas zonas, porque xamais o terreo volverá ser igual de produtivo.
E á falta de terra engádense as limitacións medioambientais. O principal erro que cometen todas as Administracións que sacan normativas sobre a xestión dos xurros é consideralo un residuo, cando non se parece en nada a iso. Os xurros non son un residuo, como poden ser os aceites dun taller mecánico; estamos falando un abono orgánico que serve para producir mellores alimentos, porque a boa calidade das forraxes redunda nunha mellor produción e calidade dos alimentos que chegan ao consumidor.
– No eido da transformación, que opinas da fusión anunciada por Leite Celta e Clun?
– É difícil opinar porque, en primeiro lugar, aínda non se sabe moi ben en que se vai traducir. Non explicaron se é unha fusión como tal entre as dúas cooperativas, Clun e Lactogal, ou se se trata só dunha colaboración máis de tipo industrial.
En todo caso, o que si creo é que esta alianza está motivada pola necesidade que teñen a día de hoxe as empresas que transforman leite de asegurarse o subministro de materia prima. Máis aínda neste contexto do que falabamos de contracción e concentración da produción.
En cada renovación de contrato estamos vendo como as industrias pelexan por consolidar as súas posicións no campo, tratando de fidelizar ás súas granxas provedoras con incentivos por volume cos que non estamos de acordo, porque máis que un premio para as explotacións que máis producen convértense nun castigo para todas as demais. É dicir, é a estratexia que utilizan as industrias para abaratar o prezo medio do leite que mercan en Galicia.
Non ten sentido que haxa diferenzas de 7 céntimos en litro entre granxas veciñas que entregan á mesma empresa cando o camión que lles recolle o leite é o mesmo
Non ten sentido que haxa diferenzas de 7 céntimos en litro entre granxas veciñas que entregan á mesma industria cando o camión que lles recolle o leite é o mesmo. O argumento dos custos de transporte é unha desculpa de mal pagador, nunca mellor dito, porque na granxa pequena a empresa moitas veces completa a cisterna, que doutro xeito tería que volver a media carga para a fábrica.
Por iso, desde Agromuralla defendemos que debe haber un prezo base igual para todos e, a maiores, pluses pola calidade do leite e non polo volume producido. Non é cuestión de demonizar as granxas grandes, nós non estamos en contra delas, pero deben poder convivir co resto. O sector é todo un e así debe ser considerado polas industrias. Pero estamos acostumados a unha estratexia irresponsable por parte das empresas; vivímolo e sufrímolo durante moitos anos co Cártel do Leite.
– En marzo renóvanse a maioría de contratos. Que escenario barallades?
– Eu agardo que as empresas sexan sensatas. Cada vez que toca renovar contratos a súa primeira tentación é sempre ameazar con baixar prezos. Esa é unha estratexia moi perigosa, porque desincentiva a produción e o leite xa é nestes momentos un ben cada vez máis escaso en Galicia.
España sempre foi o sumidoiro de leite de toda a UE, por iso nos podemos acabar vendo afectados de rebote polos aranceis de China
O prezo da nata e a manteiga baixou nos últimos meses por unha decisión xeopolítica, posto que Trump impuxo un 20% de aranceis aos produtos lácteos da UE, fronte ao 10% que pagan países coma Nova Zelandia, o que encareceu os envíos que facían países como Irlanda, que é o terceiro exportador mundial de manteiga, provocando unha sobreoferta no mercado interior europeo, algo que se pode ver agora agravado tamén polos aranceis de China.
Baixar prezos sería unha estratexia suicida que faría que as empresas que operan en Galicia quedaran sen leite que envasar
Pero iso non quere dicir que aquí en Galicia non faga falta leite para abastecer a unha industria transformadora que segue tendo no leite líquido o seu principal mercado. E por iso digo que baixar prezos é unha estratexia suicida por parte das empresas que operan no mercado galego, porque fará que queden sen leite que envasar. Máis aínda se as vacas que se envían a matadoiro seguen valendo o que valen a día de hoxe.
– Temedes que a dermatose nodular contaxiosa poida chegar a Galicia?
– Agardemos que ese escenario non chegue a producirse, porque sería unha auténtica desfeita. Tal como está establecido actualmente, a DNC está considerada unha enfermidade de categoría A, é dicir, de sacrificio obrigatorio, polo que, se entra nunha granxa obriga ao baleirado sanitario da explotación, tendo que matar a todos os animais.
Isto nun cebadeiro de becerros coma os que hai en Cataluña é grave, pero ao mes seguinte enche de animais e pode estar xa plenamente operativo de novo. Sen embargo, no caso dunha granxa leiteira coma as que hai en Galicia é un golpe definitivo, pois é imposible repoñer de golpe 200 vacas, ademais de supoñer anos de selección e mellora xenética.
Defendemos medidas de corentena nas granxas onde se detecten casos, pero non o sacrificio obrigatorio de todos os animais
Por iso pensamos que por parte da UE se debería igualar a categoría da dermatose nodular á de outras enfermidades causadas tamén por virus e que teñen vectores de transmisión semellantes, como pode ser a EHE, no que non se sacrifican todos os animais da granxa, sen que iso supoña baixar a garda nin establecer todas as medidas necesarias de bioseguridade nas explotacións e de control dos brotes existentes mediante a vacinación masiva nos perímetros de seguridade establecidos. Defendemos medidas de corentena e inmobilización das granxas onde se detecten casos, pero non o sacrificio obrigatorio de todos os animais.
As autoridades comunitarias deberían revisar a catalogación da enfermidade, tendo en conta que non é unha zoonose, é dicir, que non pasa ao ser humano
Do mesmo xeito, facemos un chamamento á sensatez e á responsabilidade de todos os gandeiros para que eviten no posible a compra de animais daquelas zonas onde hai focos activos, porque o problema non é só para o que merca, senón para todos, porque de aparecer un caso, non sería un problema dunha granxa soa, sería un problema para todas as granxas que estean a 50 km á redonda, e con 2 ou 3 focos activos, depende onde estean situados, queda bloqueada toda a comunidade, afectando tanto ao sector lácteo como ao de carne.
A día de hoxe a granxa á que lle sacrifiquen todos os animais é unha granxa que non volve abrir
Prevemos problemas de novo na vindeira primavera. Por iso pedimos que se faga unha provisión de fondos e que se valoren os animais que se sacrifiquen a prezos de mercado. Á hora de fixar as indemnizacións por sacrificio, hai que ter en conta a calidade dos animais que se sacrifican, é inxusto dar unha axuda xenérica por eles que está moi por debaixo do seu valor de mercado, que é o que se fai hoxe.
Tamén pedimos un maior esforzo económico e de investigación para lograr no menor prazo posible unha vacina marcada que dea seguridade nos diagnósticos de novos casos e evite os actuais sacrificios masivos.
“Non nos preocupa que desapareza a PAC, sempre que o prezo do leite reflicta realmente o que custa producilo”
– Fai poucos días viamos protestas de agricultores e gandeiros en Bruxelas e tamén en Ourense en contra do acordo con Mercosur e do recorte nos fondos da PAC. É algo que debería preocupar en Galicia?
– Desde o noso punto de vista, o tratado de libre comercio entre a UE e os países do Mercosur pode supoñer unha competencia desleal directa para os produtores de carne de Galicia, pois Brasil ou Arxentina son algúns dos principais exportadores mundiais de carne de vacún e a Unión Europea vailles a dar vía libre para que poidan inundar o mercado comunitario coa súa carne conxelada e a carne producida aquí deixará de venderse porque é moi difícil competir en prezo cos produtos que veñen do Mercosur, posto que aló non teñen as mesmas esixencias a nivel sanitario, medioambiental ou de benestar animal. Os produtores dun lado e do outro xogamos en ligas diferentes e o poder adquisitivo das familias é o que é.
Parécemos moi perigoso que Europa siga renunciando ao seu autoabastecemento de alimentos a cambio de meros intereses económicos. Se para poder venderlles os coches que se fabrican en Alemaña temos que deixar de producir carne parécenos un moi mal negocio. Porque nos fai dependentes en algo básico como é a alimentación da poboación. Que pasaría se nos volvemos a atopar un contexto covid no que estaban pechadas as fronteiras? Con que imos alimentar nese caso á poboación se somos deficitarios en produción de alimentos?
Bruxelas quere converter Europa nun xardín botánico e iso leva a que despois haxa que importar os alimentos de terceiros países
Na UE estamos deixando de producir alimentos e comprando fóra todo o que necesitamos simplemente porque hai un interese de que Europa sexa unha especie de xardín botánico. Os produtos que veñen de fóra chegan con dubidosa calidade e trazabilidade. Se deixamos de producir en Europa a saúde última da poboación vaise ver moi resentida.
No que respecta á PAC 2028-2034, o que pedimos é que o diñeiro vaia realmente a quen produce. Os xubilados non deberían estar cobrando a PAC e as pensións das persoas que cotizaron á Seguridade Social polo réxime especial agrario deberían equipararse ás do resto de pensionistas.
Non nos preocupa que a PAC se reduza, ou mesmo que desapareza, sempre que o prezo en orixe do leite, da carne, das verduras e do resto de alimentos reflictan realmente o que custa producilos e a marxe de beneficio que ten que ter o produtor.
Debemos recordar cal foi a orixe da PAC: foi unha axuda que se creou en tempos de postguerra para incentivar unha maior produción e para que a poboación tivera alimentos a prezos asequibles. A finalidade orixinaria está totalmente desvirtuada tendo en conta o sentido e a evolución posterior que tivo a PAC.
– Falabas antes de problemas estruturais do rural, como o despoboamento ou a falta de servizos. Por que non se adoptan as políticas necesarias para corrixilos?
– A nivel de toda España, só o 18% da poboación vive no rural. Iso fai que os problemas do rural non estean na axenda pública nin formen parte das prioridades dos políticos, acostumados unicamente a contar votos.
Por iso, cando desde o rural escoitamos anuncios como o dun bono de transporte público para poder moverse por toda España dámonos conta de que non pensan en nós, porque ao rural non se chega en transporte público.
Aos grandes lobbies interésalles que a xente non produza alimentos para ter máis mercado a quen venderlle os seus produtos
Esa é unha proposta pensada para as cidades, que é onde están realmente os votos, pero non está pensada para o rural. E os que pagamos os nosos impostos no rural temos moitas veces a sensación de que estamos contribuíndo con eles a aumentar a fenda xa existente, financiando servizos dos que non nos beneficiamos. Que os que non temos trens ou metros esteamos pagándolles o tren ou o metro aos que o teñen non deixa de ser un xeito de solidariedade á inversa.
Fálase moito da España baleirada e este tipo de políticas contribúen a iso. Ao modelo económico e político actual non lle interesa un rural forte e poboado. É unha cuestión de control da poboación e sempre está máis controlada a poboación dos núcleos urbanos que a do rural, porque sempre é moito máis dependente unha persoa dunha cidade que non produce ningún alimento que unha persoa do rural que case é autosuficiente. Por iso, canta menos xente haxa no rural que teña un cacho de terra, máis consumidores á quenes venderlles produtos e máis votantes sumisos.
Galego









Control OJD