“Cada vez máis os fertilizantes van ser un limitante importante para a produción de alimentos”

O profesor emérito de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Felipe Macías Vázquez achega algunhas claves sobre como mellorar a fertilidade dos solos agrícolas e evitar o seu esgotamento

O profesor emérito de Edafoloxía Felipe Macías

O profesor emérito de Edafoloxía Felipe Macías

A fertilidade é a capacidade do chan para fornecer ás plantas os nutrientes básicos que estas necesitan. Trátase dun conxunto de entre 17 e 20 elementos esenciais para que a planta poida cubrir o seu ciclo vital.

Pero “os chans envellecen e perden a súa fertilidade natural”, advirte o profesor emérito de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Felipe Macías, que propón algunhas solucións para mellorar a fertilidade dos chans en Galicia.

A alteración mineral libera nutrintes das rochas e vólveos biodispoñibles. “A drenaxe é o motor da alteración, por iso a choiva en Galicia xoga un papel fundamental”, indica Felipe, que participou recentemente nunhas xornadas sobre fertilización organizadas por SEIAF na Escola Politécnica de Lugo.

A drenaxe é o motor da alteración mineral dos chans, por iso a choiva en Galicia xoga un papel fundamental

Pero este experto alerta de que a fertilidade natural dos chans non é infinita, senón que os solos envellecen e esgótanse, necesitando achegas extra de nutrintes. Pero advirte: “Cada vez máis os fertilizantes van ser un limitante importante da produción de alimentos”. Por iso, di, é necesario buscar alternativas complementarias ao abonado que pasen pola remineralización natural dos chans e a reciclaxe de residuos con finalidade agrícola.

Tecnosoles

A Edafoloxía é a ciencia que estuda os chans e os seus factores de formación, incluíndo ao home. Por tanto, é unha ciencia que permite coñecer o valor dos elementos químicos, os compoñentes minerais, o humus, e as súas interaccións, a diversidade de tipos e procesos de formación de solos e as propiedades que se presentan en cada estadio evolutivo e contexto climático.

A evolución natural dos chans no tempo orixina perdas e ganancias de determinados elementos e desequilibrios no seu comportamento físico-químico. Se a iso lle engadimos os efectos producidos polas actividades humanas, os solos poden presentar alteracións moi variadas das súas propiedades.

Coñecer estas deficiencias ou limitacións é a primeira parte dunha posible actuación correctora, que pode chegar ata facer chans “á carta”, para substituír solos perdidos, ou recuperar chan degradado, corrixindo as limitacións e as consecuencias negativas dos contaminantes.

Gran parte dos materiais que acaban hoxe nun vertedoiro poderían ser valorizados e incorporados ao chan

“Son o que chamamos Tecnosoles á carta ou Tecnosoles a medida, que poden facerse con multitude de materias primas, residuos ou subproductos adecuados reciclados”, explica Felipe. “Gran parte dos materiais que hoxe acaban nun vertedoiro, onde son inútiles e producen efectos nocivos para o aire e a auga, poderían ser valorizados por esta vía bioxeoquímica que imita á natureza”, asegura.

Aplicación en agricultura

Aínda que ata o momento a maior utilización dos Tecnosoles levouse a cabo para recuperar e rehabilitar chans e ecosistemas afectados por actividades mineiras, industriais ou de obra civil, tamén poden usarse en agricultura, considera Felipe.

“O que moitas veces se fai con substratos ou emendas, faríase moito máis efectivo e eficaz con chans á carta, deseñados especificamente para corrixir as deficiencias”, afirma.

Un chan recuperado adecuadamente pode volver producir alimentos, gañando desta forma superficie agraria

Con Tecnosoles adecuados, tanto os contaminantes inorgánicos, como os orgánicos, poden ver limitada a súa acción negativa. Pódense inertizar compostos de arsénico, selenio, metais pesados ou hidrocarburos e Tecnosoles deseñados para o efecto poden impedir ou retardar a oxidación de sulfuros, sulfoarseniuros e a lixiviación e mobilización de metais, poden reter ións tóxicos de forma moitas veces pouco reversible (oclusión, absorción específica), etc.

Escasos avances en Economía Circular na UE

Para o profesor emérito da USC, as decisións a nivel de economía circular da UE son excesivamente tímidas e chegan escasamente á práctica polas múltiples regularizacións, que moitas veces impiden ou atrasan a aplicación dos novos coñecementos científicos e técnicos.

“Unha proba diso é a enorme proporción de materiais residuais que van á entulleira en España, máis do 50%”, exemplifica. “A UE aplica un principio excesivo de precaución que bloquea os avances científicos e a aplicación dos coñecementos”, considera.

A natureza tende a converter en chan case calquera material que queda na superficie

Para Felipe, o depósito de residuos en vertedoiros debería ser a última solución e non unha práctica habitual. “A natureza tende a converter en chan case calquera material que queda na superficie. Imitando o seu exemplo, deberiamos avanzar en como podemos recuperar e mellorar as funcións ambientais e produtivas dos chans a través da correcta incorporación de materiais recirculados adecuados”, insiste.

Perda preocupante de materia orgánica

O chan debe tratarse para mellorar a súa función recicladora e manter a súa circularidade. “Existe un gran descoñecemento do que é o chan e das funcións que realiza, tanto en sentido produtivo, fornecéndonos alimentos e fibras, como ambiental, mantendo unha elevada biodiversidade e actividade biótica, mellorando a calidade da auga e secuestrando carbono”, describe.

Por iso, considera preocupante o feito de que os solos agrícolas en España perdesen entre un 40 e un 90% do seu contido en carbono natural. “Iso reduce a súa estabilidade estrutural e incrementa os riscos de erosión”, explica.

O chan ten un certo poder de amortiguación, que é limitado, fronte aos impactos externos

A pesar de que é posible o cultivo en solos con pouca materia orgánica, a perda deste compoñente fundamental do chan faille perder moitas das súas propiedades máis relevantes, como o secuestro de carbono, a capacidade de retención de auga e a protección fronte aos contaminantes.

A proposta do Goberno francés, numerosos países, entre eles España, asinaron o compromiso de incrementar un 0,4% o contido en carbono dos chans agrícolas, a coñecida como iniciativa 4 por mil.

Aproveitamento de xurros e lodos de depuradora

Galicia é a comunidade autónoma española con maior concentración de materia orgánica nos seus chans. Segundo distintas medicións, estímase que os solos galegos teñen de media, nos primeiros 30 centímetros de profundidade, un 7,4% de materia orgánica, aínda que en chans ocupados por cultivos descende ata o 1,7%. A nivel estatal, o 50% da superficie española contén valores de materia orgánica no chan por baixo do 1%.

Os chans con maiores concentracións de COS sitúanse en zonas húmidas e frías do norte peninsular, destacando Galicia, con valores que en ocasións chegan a 200 Mg C/ha

A concentración de materia orgánica nos chans de uso agrícola é ata un 38% menor que nos chans ocupados por bosques, confirmando que os chans agrícolas foron os que máis cantidade de carbono orgánico perderon debido fundamentalmente a prácticas asociadas ao laboreo intensivo.

fixacion de carbono no chan por compost

Varias son as prácticas agrícolas que teñen a capacidade de reverter esta tendencia, cambiando a dinámica de carbono no chan, ben sexa incrementando as entradas ou retardando as saídas por redución da mineralización da materia orgánica, contribuíndo deste xeito a aumentar os stocks de carbono e o efecto sumidoiro do solo.

Prácticas que incrementan as entradas de carbono no chan serían: sementeira directa, cubertas vexetais, agricultura ecolóxica, aplicación de lodos de depuradora, aplicación de compost, aplicación de residuos gandeiros, aplicación de residuos agrícolas, utilización de cultivos entre liñas, utilización de cultivos de raíces profundas.

As prácticas que reducen as saídas de carbono no chan en forma de emisións céntranse fundamentalmente naquelas baseadas na redución ou supresión do laboreo, como a sementeira directa e as cubertas vexetais.

O 50% do esterco producido en España procede do gando bovino e o 30% do porcino

Practicamente a metade do esterco producido en España procede do gando bovino, seguido do porcino, e entre os dous supoñen o 80% do total. No que se refire ao contido en materia orgánica, as dexeccións de bovino achegan o dobre de materia orgánica que as de porcino.

A reutilización de lodos de depuradora en chans agrícolas é moi controvertida, xa que aínda que teñen un gran potencial fertilizante (son ricos en fósforo, nitróxeno e materia orgánica), tamén poden posuír concentracións elevadas de metais pesados e microorganismos patóxenos presentes nas augas residuais.

“Cos aportes de serríns de granito temos unha ferramenta barata para mellorar os solos en Galicia”

millo_ensilado_cañotas_2

Os chans son un intermedio entre a rocha e o sedimento que interacciona coa auga, o aire e os organismos vivos mediante un conxunto de reaccións bioxeoquímicas. O lavado, a drenaxe e a erosión poden conducir de novo a un chan á infertilidade, necesitándose novas achegas minerais para recuperala.

A enorme variedade de solos naturais, con propiedades extremadamente variables que hai no mundo, así como distintos sistemas de intervención implantados, constitúen modelos a imitar. “En Brasil están a levarse a cabo programas de remineralización dos chans, do mesmo xeito que en México, Arxentina ou Escocia”, explica Felipe.

A actuación humana pode axudar a rexenerar os solos mediante achegas de nutrintes, materia orgánica ou fragmentos minerais que permitan recuperar a fertilidade química.

É necesario ter un sistema que recicle a fertilidade natural dos chans

“Necesitamos remineralizar os nosos chans e esta remineralización pode levarse a cabo a través de serríns de rochas oceánicas que, se son básicas, como no caso dos granitos, serven ademais para capturar carbono. Sabemos que a alteración mineral é o maior elemento de secuestro de carbono. Estímase que unha rocha básica dunha tonelada pode absorber de 1 a 2 toneladas de anhídrido carbónico do aire”, detalla.

Felipe propón remineralizar os chans en Galicia con achegas de serríns de granito procedentes de canteiras e marmorerías. Sería unha forma de aproveitamento eficaz dun refugallo con propiedades beneficiosas para os chans agrícolas.

Zonas privilexiadas: os depósitos mundiais de loess

“A fertilidade natural deriva do ciclo xeolóxico interno. Un factor esencial é a redución do tamaño de partícula. E o ciclo xeolóxico externo xera zonas privilexiadas de fertilidade”, asegura Felipe.

Chile, México, Filipinas ou Xapón basean a súa fertilidade na remineralización volcánica. Outra forma de redistribución importante dos nutrintes é a provocada polos ríos.

O loess é un material sedimentario formado principalmente por po moi fino de rocha arxilosa ou calcárea, que se orixina en rexións áridas e é transportado polo vento

“O loess entrou en Europa central a través das concas dos ríos Rhin e Danubio, pero na península ibérica non nos tocou nada. Iso explica a enorme produtividade de cereais de Centroeuropa, onde son habituais producións de trigo de 12.000 quilos por hectárea”, detalla.

Os principais depósitos mundiais de loess sitúanse no centro de EEUU, a Pampa arxentina, na zona centroeuropea ata Ucraína, a zona sur de Australia ou a contorna do río amarelo en China, áreas que se vinculan ás principais zonas de produción de cereais do mundo.

Biochar

Pero o chan non depende só da rocha orixinaria, senón que ademais dos elementos de partida súmase a materia orgánica engadida con posterioridade.

“Na cultura humana foise asociando a cor negra do chan cunha elevada fertilidade debido á cantidade de materia orgánica que contén. O aproveitamento da biomasa a través da calor (biochar) pode servir para mellorar as características dos chans”, asegura Felipe.

O biocarbón ou biochar é un carbón particulado con pH elevado xerado a partir de residuos vexetais

O biochar é un material sólido obtido da pirólise ou conversión termoquímica de biomasa nun ambiente de osíxeno limitado. A materia orgánica sofre unha carbonización que produce unha reorganización dos átomos de carbono para dar estruturas parecidas ao grafito.

Aínda que as súas características dependen do material de partida, algunhas propiedades comúns ao biochar serían o seu alto contido en carbono e baixo en nitróxeno, o seu pH alcalino e a súa alta porosidade e capacidade de retención hídrica.

A utilización de biochar como mellorante de chans está a espertar gran interese da comunidade científica, que atopa certas similitudes coas coñecidas como Terras Pretas, unha práctica ancestral utilizada polos indíxenas da Amazonía brasileira para xerar chans fértiles duradeiros.

2 ideas sobre ““Cada vez máis os fertilizantes van ser un limitante importante para a produción de alimentos”

  1. Xoan Castro Insua

    “Prácticas que incrementan as entradas de carbono no chan serían: sementeira directa, cubertas vexetais, agricultura ecolóxica, aplicación de lodos de depuradora, aplicación de compost, aplicación de residuos gandeiros, aplicación de residuos agrícolas, utilización de cultivos entre liñas, utilización de cultivos de raíces profundas”.
    Desde o punto de vista da “Economía Circular” e a seguridade alimentaria os “lodos de depuradora” sobran en Galicia para abonar os cultivos, xa que temos abono orgánico suficiente nas aldeas (xurro e esterco) para que teñamos que traer “merda” das cidades. Ademais existe unha tremenda opacidade na xestión deses lodos, ¿onde se están botando, cantos e cando…sobre todo despois do COVID, o que pode poñer en risco a saúde da xente se se extende nas terras sen un debido control, e despois dun correcto tratamento de inertizado microbiolóxico. En canto a meter residuos de canteira (serrins) nos solos, debería saberse na universidade galega, que as camas do gando fanse nunha grande maioría con “area”, que nalgúns casos xa empeza a ser un problema….

    Contestar
    • Xoan Castro Insua

      Espero que os meus compañeiros agrónomos, correxiran a este señor que os xurros e o esterco non son “residuos gandeiros” se non abonos, tal como ven estipulado na Lexislación de Residuos, que si considera “residuo” a os lodos de depuradora….creo que a mensaxe que se trasmite por este home é moi grave para a sostibilidade e a imaxen da gandería galega.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información