
Miguel, Tamara e Maricarmen, a súa nai, na nova nave de produción de Gandería Palmeiro SC
Miguel Fernández Labrada e a súa irmá Tamara están á fronte de Gandería Palmeiro SC, situada en Ventín, na parroquia de Silva (Pol). Xuntos colleron o relevo dos seus pais, Manuel e María del Mar, que tamén traballan na granxa. Entre os catro atenden o gando e as terras, sen man de obra externa contratada.
Tratan de facer tamén con maquinaria propia a maior parte dos traballos agrarios nas 70 hectáreas nas que producen millo e herba para cubrir as necesidades forraxeiras da explotación.
As orixes da gandería Palmeiro remóntanse ao ano 1980 cando os avós de Miguel e Tamara deciden construír o primeiro establo para vacas trabadas
Están a muxir 120 vacas en dous robots de muxido da marca DeLaval que instalaron fai un ano en substitución da vella sala de muxido de 2×5 puntos. A cabana total da granxa está formada na actualidade por unhas 235 cabezas, sumando animais en produción, vacas secas e recría. Están a aumentar ás xatas e xovencas para afrontar a instalación do terceiro robot de muxido, que teñen previsto incorporar en 2026.
Unha nova xeración de gandeiros e gandeiras
Miguel estudou Enxeñería Agrónoma e a súa irmá Tamara Nutrición e representan unha nova xeración de mozos e mozas con formación que está a tomar a decisión de incorporarse ás granxas das que proceden.
“Fai anos isto non era habitual, pero agora eu penso que cada vez máis xente nova ve nisto unha oportunidade laboral que pode ser tan rendible coma calquera outra e ofrecer a mesma calidade de vida. Coñecemos máis mozos e máis mozas da nosa idade que están a facer o mesmo ca nós, non somos os únicos. Nesta zona, por exemplo, hai varias granxas con relevo e iso tamén te anima á hora de tomar á decisión porque sínteste acompañado, non te ves só nun deserto”, afirma Tamara.
Moitos rapaces e rapazas da nosa contorna estanse a incorporar tamén ás súas granxas, non é algo tan estraño como se vía fai uns anos
“No noso caso, tanto eu coma miña irmá sempre estivemos vinculados á gandería familiar e sempre nos gustou o traballo no campo e a liberdade que che dá, e vímolo como unha forma de vida e como unha opción atractiva porque coa tecnoloxía que hai hoxe é posible conciliar, conseguir un horario razoable e ter unhas vacacións como en calquera outra profesión”, remarca Miguel.
Formación no Campus Terra
Miguel é enxeñeiro agrónomo pola Escola Politécnica de Lugo e cursou o Master en Enxeñería Agronómica do Campus Terra. Ao rematar, continuou formándose e investigando e realizou a súa tese de Doutoramento sobre tratamentos aos puríns de porco para a redución das emisións de gases contaminantes.
“Decidín facer Enxeñería Agronómica na especialidade de Produción de Leite de cara a xestionar unha explotación moderna, con muxido robotizado, e ter competencias tanto na produción e sanidade animal como na vexetal e tamén en materia económica, porque ao fin e ao cabo isto é unha empresa e o que se busca é ter o máximo beneficio”, explica.
Miguel ten 30 anos e Tamara 25
Miguel compatibiliza a xestión da explotación cun traballo a media xornada como enxeñeiro agrónomo, en concreto levando a actividade agropecuaria da Fundación Terreo, creada polo Concello de Ribeira de Piquín para poñer a producir terras e instalacións agropecuarias en desuso no municipio (produción hortofrutícola, explotación de porco celta, piscifactoría, etc).
Modernizar as instalacións e gañar volume
As orixes da gandería Palmeiro remóntanse ao ano 1980, cando os seus seus avós, que xa se adicaban á produción de leite como caseiros, deciden mercar un terreo onde construír a casa e o primeiro establo para unhas poucas vacas trabadas. De aí pasaron a outra nave en estabulación libre que se foi ampliando até o ano 2023, cando comezaron as obras da nave actual, unhas instalacións totalmente novas e modernas, deseñadas para acoller tres robots de muxido.
A incorporación da terceira xeración á granxa familiar supuxo unha mellora das instalacións e unha aposta pola robotización
Miguel e Tamara teñen o foco posto neste momento en aumentar o número de animais para completar a capacidade total da nave, que xa foi deseñada coa idea de instalar unha terceira unidade de muxido robotizado. Situaríase na cabeza dunha nova fila de cubículos, a mesma ubicación onde están tamén dispostos os outros dous robots actuais. “A nosa intención é incorporar o terceiro robot xa a finais do ano que vén”, avanza Miguel.
O espazo ocupado polo lote das secas xa foi dimensionado para traballar con 3 robots
Teñen claro que a modernización da produción leiteira virá da man da tecnoloxía. Por iso, tamén puxeron ás súas vacas colares de monitorización da actividade que permite a detección de celos e enfermidades e contan cun arrimador para a comida do pesebre, o que favorece a inxesta dos animais e a súa saúde e estabilidade ruminal, redundando tamén nunha maior produción de leite.
Antes da robotización da granxa non dispuñan de ningún software de xestión da explotación pero neste momento, coa chegada da dixitalización ás granxas de leite, a xestión das explotacións estase a profesionalizar e a estar baseada no manexo de información e na toma de decisións en tempo real e a intelixencia artificial abre novas posibilidades neste eido.
Antes da robotización da granxa non dispuñan de ningún software de xestión da explotación
Agora todos os datos da explotación (inseminacións, protocolos de reprodución a tempo fixo, vacinas, etc.) pasan polo ordenador, o que lles facilita o traballo e a coordinación, xa que Tamara acostuma ir á granxa polas mañás e Miguel polas tardes.
Poden mesmo ir metendo datos desde o teléfono móbil a medida que realizan distintas tarefas na granxa e esas entradas sincronízanse coa información do ordenador para ter en todo momento os datos actualizados en tempo real dispoñibles para todos os membros da explotación e os técnicos externos cos que traballan.
A explotación aténdena sen persoal contratado e na distribución dos traballos de luns a venres, Tamara acode ás 6 e media da mañá á nave de produción para meter retrasos e facer camas, mentres que os seus pais se encargan da recría no establo vello: dar o leite ás becerras, estrar, repoñer tolvas e alimentar aos lotes de destete, etc. O seu pai encárgase despois de facer os carros coas racións de alimentación tanto para as vacas en produción como para as secas e xovencas. Miguel é quen vai pola tarde á nave dos robots para meter os atrasos da tarde e para facer os secados, inseminacións, vacinacións e tratamentos. As fins de semana túrnanse para non teren que estar os catro.
Robotización e calidade de vida
“Cando Miguel e eu nos incorporamos fai dous anos tiñamos claro que queriamos apostar pola modernización da granxa e polo muxido robotizado, que nos aporta unha maior liberdade horaria”, defende Tamara.
En xullo do ano pasado trasladaron o seu gando á nova nave e comezaron a muxir nos dous robots de muxido instalados. Fixérono de xeito escalonado, pois tralo arranque inicial foron aumentando despois cada semana lotes de 10 vacas a cada unidade até completar os 120 animais totais que teñen neste momento en produción. “A transición da sala ao robot foi dura, sobre todo no primeiro momento”, recoñece.
O traballo nunha granxa con robots é máis doado, sinxelo e liviano e facilítache encontrar man de obra
Os seus pais aínda son novos, pero pensando de cara ao futuro considera que os robots facilitan atopar man de obra. “Hoxe en día é difícil atopar xente que queira traballar nunha granxa, pero o feito de que unha das principais tarefas, que é a de muxir, estea resolta fai que o traballo poida ser apto para persoas cunha menor cualificación ou sen experiencia cos animais porque o único que hai que facer é achegar as vacas que non viñeran voluntariamente a muxirse e resto de tarefas a realizar, como facer as camas, tamén son relativamente doadas e rutineiras de facer”, di.
Manga de manexo e cancelas para mover animais
As novas instalacións foron deseñadas para que unha soa persoa poida atender a granxa e sexa capaz de mover animais dunha parte á outra sen necesidade de axuda, por medio de cancelas móbiles que permiten facer cambios de lote de maneira sinxela.
A granxa foi deseñada para que poida atendela unha persoa soa. Mediante un sistema de cancelas, podemos mover un animal ou facer calquer tipo de manexo
O establo conta ademais cunha manga de manexo e cada robot dispón dunha área de separación, moi útil para vacas recén paridas ou en proceso de secado ou para a vixiancia de animais enfermos. En canto aos tratamentos intramamarios, para secado ou mamites, teñen a posibilidade de aplicalos no foxo do propio robot.
Aumento de produción derivado do terceiro muxido
Tralo paso pola Universidade, tanto Miguel como Tamara traballaron fóra da casa, pero sempre coa previsión en mente de volver á explotación familiar para adicarse a aquilo que lles gusta e viron nos robots de muxido a ferramenta para facelo posible. “Queriamos poder adicarnos ao que nos gusta, que é producir leite, pero cunha boa calidade de vida tanto para nós como para os nosos animais”, aseguran.
“O movemento das vacas no establo agora é moito máis armónico e tranquilo e non está condicionado coma antes polas horas do muxido, que facía que todas foran comer ou deitarse ao mesmo tempo”, din.
Decantáronse polo robot de Delaval pola posibilidade de colocación manual e pola copa de limpeza e extracción de primeiros chorros
A produción actual da explotación sitúase nos 38 litros de media por vaca e día cun 4,10% de graxa e un 3,30% de proteína. Interésanlles os sólidos xa que entregan o leite a Entrepinares. Na calidade hixiénica están sempre en 100.000 células e menos de 10.000 bacterias.
Recría propia para medrar
O crecemento exponencial que Gandería Palmeiro tivo nos últimos anos baseouse en boa medida nun incremento da recría propia. “En xaneiro do 2024 estabamos muxindo 40 vacas, pero desde o ano 2021, como xa tiñamos idea de incorporarnos, empezamos a poñer seme sexado e a mercar recría e no momento de facer o cambio estabamos xa muxindo 90 vacas e seguimos medrando para completar a capacidade das novas instalacións”, explica Miguel.
Muxiamos 40 vacas pero desde o ano 2021 empezamos a poñer seme sexado e mercamos 63 animais para completar a capacidade das novas instalacións
De cara á instalación a finais do ano que vén do terceiro robot teñen previsto enchelo a base unicamente de recría propia. “Actualmente dunha cabana de 235 cabezas practicamente 100 son recría”, detalla.
“Estamos poñendo seme sexado a todas as xovencas e ás vacas de primeiro parto e tamén nas de segundo e terceiro e mesmo cuarto parto cando son xeneticamente boas”, conta. No resto de animais tiran de limusín e azul belga para aproveitar o tirón actual que está a ter a carne e os bos prezos dos xatos cruzados para rendibilizar deste xeito esa vía de ingresos complementaria da explotación unha vez que as necesidades de recría xa as teñen satisfeitas.
Cama fría de compost para as secas
As vacas secas están nunha nave cuberta pero sen cubículos, con cama fría de compost. “O que facemos é meter viruta de madeira como material virxe e logo imos fresando cada 2 ou 3 días, procurando facelo a mediodía, cando a temperatura ambiente é máis alta e a humidade menor. A nave das secas orientámola ao sur para que lle dea o sol para que evapore a humidade e está ben ventilada. Mide 300 metros cadrados e está pensada para traballar con entre 10 e 14 metros por animal”, detalla.
A nave das secas está ben ventilada e orientámola ao sur para que lle dea o sol para que evapore a humidade
O primeiro material botárono en marzo do ano pasado e retiraron a cama en novembro, coincidindo co momento de sementar as pradeiras. “Foinos moi ben. Tiñamoslle máis medo ao lote de inverno, pero non tivemos tampouco ningún problema de células e as vacas están comodísimas. Estamos moi satisfeitos”, afirma.
Cubículos flexibles e carbonato con serrín
Nos lotes de vacas en produción, optaron por poñer separadores de cubículo flexibles. “Viamos na granxa vella moitas vacas mancadas de deitarse contra os ferros. Aquí vemos moita comodidade ao deitarse, si, pero ao levantarse tamén. Unha vaca que embiste contra diante nunca se forza e tamén se evitan accidentes porque se unha vaca monta noutra o tubo cede e non pasa nada. Quizais era das cousas que máis dubidabamos, porque che dicían que ían tumbarse mal e cagar dentro pero iso non pasa e a día de hoxe estamos moi contentos coa decisión”, asegura.
En canto ás camas, son de carbonato con serrín, cunha mestura ao 70-30%. “Usamos carbonato porque debido á subvención coa que fixemos a fosa do purín tiña que gardar unha proporción entre a superficie e a profundidade para tratar de reducir as emisións, xa que ao haber menos superficie de emisión as emisións por litro de purín redúcense. Así que teñen catro metros de fondo e non había maneira de facer unha rampa para baixar a sacar a area”, explica.
A area era o material que máis nos convencía, pero non era viable para o deseño de fosa de xurro que temos
“A area era o material que máis nos convencía, pero ao ver que non era compatible c deseño de fosa de xurro que temos, optamos por seguir co carbonato con serrín, que xa era o material que usabamos na nave vella e estábanos funcionando ben”, di.
A mestura para as camas sírvellela Galical e Miguel destaca a comodidade do encamado desde o propio camión mediante un tubo que deposita o material directamente na cabeceira dos cubículos. Engade, ademais, que deste xeito non precisan practicamente encalar as terras. “Salvo algún tratamento encalante de corrección, o de mantemento está satisfeito co carbonato das camas”, asegura.
“Á hora de conseguir máis superficie, as ganderías non somos capaces de competir co eucalipto”
A competencia pola terra é un dos hándicaps para o crecemento da explotación, recoñece Miguel. “Por un lado temos a competencia do sector forestal e, de momento, as ganderías non somos capaces de competir co eucalipto en rendibilidade a longo prazo. Por outro lado, temos os xubilados que seguen cobrando a PAC e é un problema á hora de anotar fitosanitarios e abonos nesas fincas e finalmente, competimos con outras granxas, porque nesta zona hai varias explotacións leiteiras máis con relevo e que están medrando”, indica.
“Nos no das fincas tivemos moita sorte, porque fai dous anos os meus pais traballaban unicamente 25 hectáreas pero para poder autorizarnos este proxecto necesitabamos moita máis superficie para xustificar a aplicación de xurros. Así que tivemos que levar a cabo unha campaña moi agresiva para conseguir terra. Aquí pechou unha explotación de 12 hectáreas e collémola, tamén outra de vacas de carne e puxemos en produción unhas parcelas a 11 km que pertencían á casa da miña avoa, son 5 hectáreas que estaban totalmente abandonadas”, conta.
Agricultor activo debería ser só aquel que cotiza á Seguridade Social Agraria e ten unha explotación en activo ao seu nome
Dispoñen de fincas grandes debido a que na zona hai concentración parcelaria. “Hoxe nós é raro que sementemos unha finca a millo de menos dunha hectárea. Temos parcelas de 3, de 4 e de 10 hectáreas moi próximas á explotación. Iso facilítache os traballos e redúceche os custos, porque hoxe en día en moitas zonas unha parte importante de gastos vaise en transportar purín e transportar forraxes desde fincas que están lonxe”, asegura Miguel.
Non ter terra inviabilízache o proxecto, porque necesitas un mínimo de superficie na que producir forraxes e onde aplicar xurros
Palmeiro SC traballa en total na actualidade unhas 70 hectáreas de superficie agrícola. Labran 40 delas a millo, das que rotan 30 con raigrás italiano e as 10 restantes ou ben con nabos ou ben quedan a barbeito. “Practicamente non deixamos ningunha finca baleira, salvo aqueles casos ás que non poidamos acceder”, explica Miguel.
“Tratamos de facer nós o máximo traballo agrario posible pero na actualidade, debido ao crecemento que tivemos, vémonos obrigados a subcontratar bastante”, admite. Mercaron unha cisterna con tubos colgantes para botar o xurro pero encargan a unha empresa de servizos a sementeira do millo. “Teñen tecnoloxía con GPS e corte de liña á que nós non podemos chegar por custo e vémoslle moitas vantaxes para evitar os solapes nas cabeceiras, co que consigues maior calidade de forraxe, porque nesas zonas sempre había peor millo pola propia competencia entre as plantas”, di.
As fincas pequenas, de difícil acceso ou próximas ao río, estamos adicándoas ao ecorrexime de illas de biodiversidade na PAC triturándoas unha vez ao ano, en decembro
A sementeira das pradeiras si que a fan eles, ao igual que segar a herba. Teñen tamén xuntador e enroladora. Como singularidade, contan ademais cun remolque para mover os animais entre as dúas instalacións, o establo vello onde fan a recría e a nave nova de produción, que están separadas por un quilómetro de distancia. “Permítenos mover 7 xovencas próximas ao parto en cada viaxe e facelo con seguridade”, destaca.
Carro mesturador propio
Tamén dispoñen de carro mesturador propio para facer as distintas racións de alimentación do gando. As vacas en produción están comendo 27 kg de silo de millo, 12 de silo de herba e 7,5 kg de penso en pesebre, máis 6,5 de media a maiores de punteo no robot.
Actualmente están facendo 4 racións diarias, debido á capacidade do carro: dúas de leite, unha de secas e outra de xovencas. Nun dos robots moxen as primíparas e no outro as multíparas, o que lles permite xogar coa alimentación segundo as necesidades específicas de cada grupo, concentrando máis a ración no lote de primeirizas poñendo medio quilo máis de penso, porque teñen menor capacidade de inxesta de materia seca. “Notamos moito o feito de separar as primeirizas nun lote, porque ao reducir a competencia non notas unha xerarquía tan marcada e están moito máis cómodas”, salienta ao mesmo tempo.
Cisterna con aplicadores para o xurro
A normativa de aplicación de xurros é cada vez máis esixente, polo que decidiron mercar unha nova cisterna con sistema de aplicación de baixas emisións, decantándose polos tubos colgantes, cunha barra de 9 metros de ancho. “Os inxectores tamén nos gustaban, o problema é a maior demanda de potencia da maquinaria e o feito de que temos algunhas fincas pendentes nas que non sería viable usalos e con respecto ao sistema das zapatas que poñen en contacto o purín co chan, preocupábanos algunha manobra, por exemplo de marcha atrás, nas que nos puideramos esquecer de levantalas e romper o aplicador”, compara.
A normativa de aplicación de xurros é cada vez máis esixente, polo que decidimos mercar unha nova cisterna con aplicadores para adaptarnos a ela
“Por pendente das fincas quizais estariamos exentos de empregar estes sistemas, pero fixémolo por convencemento. A empresa de servizos da que botabamos man xa traballaba con aplicadores e si que notamos moita diferenza, sobre todo de cara ao segundo corte de ensilado de herba, xa que estás aproveitando moito máis o nitróxeno e non manchas nada a pradeira, polo que a planta fai moito mellor a fotosíntese e medra máis”, argumenta Miguel.
A cisterna ten un custo de case 100.000 euros e require dun tractor de 200 cabalos de potencia
A cisterna, de 16.000 litros de capacidade, está dotada de tecnoloxía que permite a análise da composición do xurro en tempo real no momento da súa aplicación, de maneira que se pode axustar a dose ás necesidades reais da parcela e o cultivo. “Leva un condutímetro que mide condutividade eléctrica e estima o contido en nitróxeno, fósforo e potasio do purín por medio dunhas ecuacións de regresión. Ademais, conta cun caudalímetro e un GPS, de maneira que é capaz de crearche de maneira automática unha entrada no caderno de campo rexistrando a cantidade de abonado que estás aplicando nesa finca”, detalla.
Galego









Control OJD